Manuel Vegazo Bermejo, nado en Ávila o 3 de setembro de 1933 e finado nas Palmas de Gran Canaria o 12 de marzo de 2024, foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro.

Traxectoria Naceu en Ávila pero trasladouse coa súa familia á Coruña aos poucos meses vida. Comeza xogando en equipos coma o Sporting Burgo e Español, e logo pasou ao Xuvenil, no que disputou a histórica tempada 1954/55, primeira e única do club coruñés en Segunda División, despois de lograr o ascenso na campaña anterior.

Na tempada 1955/56 xogou algúns partidos co Zaragoza en Segunda, e o resto da tempada co Xuvenil en Terceira. Na campaña seguinte (1956/57) continuou no Xuvenil e debutou en Primeira División co Deportivo da Coruña, xogando o partido da xornada 19, que rematou en derrota fronte ao Athletic Club no vello San Mamés (2–0).

Disputou case toda a tempada 1957/58 nas filas do Xuvenil, ata que en abril de 1958 pasou a reforzar o Deportivo en Segunda, categoría á que descendera na campaña anterior. Xogou 10 encontros co club no treito final da tempada, marcando ante o Basconia o seu único gol coa camiseta branca e azul, e foi titular nos dous partidos da promoción de permanencia que o Deportivo tivo que disputar ante o Ourense.

En febreiro de 1959 asinou como novo xogador do Racing de Ferrol, da Segunda División, club no que militou durante o seguinte ano e medio, contabilizando 16 goles en 41 partidos.

En 1960 deixou Galicia e instalouse nas Canarias, onde fichou pola UD Las Palmas. Xogou durante 7 anos no equipo amarelo, co que conquistou a Segunda División na tempada 1963/64, ascendendo así a Primeira. Disputou 127 partidos oficiais co equipo, co que anotou 24 goles.

Trala súa retirada continuou vivindo nas Palmas de Gran Canaria, onde faleceu o 12 de marzo de 2024, aos 90 anos de idade.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en ceroacero.es

Categoría:Nados en 1933 Categoría:Nados en Ávila Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores da UD Las Palmas Categoría:Finados en 2024