A xesta de OnsPortal das palabras-xesta (Cytisus insularis) é un arbusto da familia das Fabáceas. É endémico de Galiza.

Descrición Cytisus insularis ou xesta de Ons é un arbusto fanerófito (microfanerófito), caducifolio, hermafrodita, de até 3 metros de alto. Ten os talos e pólas angulosos con 8 costelas ben marcadas. Os talos, pólas e legumes amosan abundante pilosidade característica. A diferenza da maioría dos Cytisus que habitan nas cotas baixas, os talos e ramas preséntanse ríxidos e erectos. As follas son simples sen pecíolo (sentadas).

As flores son solitarias ou xeminadas na parte superior das pólas. Ten cáliz campanular, glabro, verde primeiro e pardo-denegrido despois. A corola é papilionada, amarela, quilla con ápice redondeado de lonxitude similar á das ás e estandarte de bordo lixeiramente revoluto. O estilo é arrolado en algo máis de 1 volta completa. Androceo con 10 estames. Legume linear-oblonga, moi comprimida, lixeiramente curvada, lonxitude de 2 a 4 cm, moi pilosa, primeiro verde, despois negra. Floración primaveral sincrónica de toda a colonia, xeralmente de mediados de maio a mediados de xuño, con floración esporádica tardía até ben entrado xullo.

Hábitat Cantís costeiros e primeiras liñas tras dos areais, en chans pobres e superficiais con forte influencia mariña directa (salina, ventosa e moi radiada polo sol). Poboacións exclusivas da Illa de Ons.

Distribución É unha planta endémica da illa de Ons, a illa de Sálvora e a illa de Vionta en Galiza, ao noroeste da Península Ibérica. Área de distribución e poboación moi reducidas. En Perigo. Criterios B2ab (distribución xeográfica reducida). Tamén en perigo pola perda de hábitat fronte a invasoras e por hibridación con outros Cytisus.

Subespecies Inexistentes ou non descritas.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Catálogo galego de especies ameazadas Bibliografía Ernesto Viéitez Cortizo, José Miguel Rey Salgado (eds.; 2004): A natureza ameazada. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Sección de Patrimonio Natural, 2005. (Colección Base). ISBN 84-95415-97-6 Á. Bañares, G. Blanca, J. Güemes, J.C. Moreno e S. Ortiz (eds.; 2003): Atlas y libro rojo de la flora vascular amenazada de España. Ministerio de Medio Ambiente-Tragsa eds. ISBN 84-8014-521-8 Santiago Ortiz, Íñigo Pulgar e Isabel Iglesias (2001): "A new species of Cytisus Desf. (Fabaceae) from islands off the west coast of Galicia (north-west Iberian Peninsula)", en Botanical Journal of the Linnean Society, Volume 136, Issue 3, xullo de 2001, páxinas: 339–344. Decreto 88/2007, de 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas. Diario Oficial de Galicia Núm. 89 de mércores, 9 de maio de 2007, páx. 7.409. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Á. Bañares, G. Blanca, J. Güemes, J.C. Moreno e S. Ortiz (eds.; 2008): Lista roja 2008 de la flora vascular española. Ministerio de Medio Ambiente-Tragsa eds. ISBN 978-84-691-7375-6 Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España

Ligazóns externas cytisusinsularis.org

Categoría:Cytisus Categoría:Arbustos de Galicia Categoría:Flora endémica de Galicia