A retinopatía da prematuridade (ou ROP, do inglés Retinopathy of prematurity), tamén coñecido como a síndrome de Terry, é unha doenza que afecta ao neonato, caracterizada por unha alteración no crecemeto da retina do ollo. Prodúcese por mor dunha vascularización anormal da retina, que pode chegar a ocasionar cicatrices e mesmo o desprendemento desta. Pode causar cegueira.
A prematuridade (nacementos antes da semana 37), o baixo peso no nacemento, e a administración de oxíxeno, son factores coñecidos de risco para padecer a enfermidade.
O tratamento baséase na fotocoagulación láser, aínda que en estadios máis avanzados onde a doenza é máis grave pódese requirir de cirurxía ou de tratamento con anticorpos monoclonais coma o bevacizumab.
Clasificación A ROP pódese clasificar en 5 estadios segundo a extensión da afectación. Estadio 1: hai unha liña que separa a retina vascularizada da que fica avascular. Estadio 2: a liña anterior vai ficando máis grosa, nomeándose crista monticular. Hai un comezo de neovascularización (formación de novos vasos sanguíneos). Estadio 3: a neovascularización abrangue xa toda a retina. Estadio 4: hai un desprendemento parcial da retina. Estadio 4A: o desprendemento respecta a mácula. Estadio 4B: o deprendemento comprende tamén a mácula. Estadio 5: o desprendemento da retina é total, polo que se produce cegueira.
Tratamento O principal piar do tratamento é a ablación mediante láser díodo da retina periférica avascular. Tamén se pode empregar a crioterapia, mais se se pode o tratamento con fotocoagulación láser é de elección.
Nos estadios máis severos, isto é, os estadios 4 e 5 onde existe desprendemento da retina, o tratamento mediante cirurxía pode ser unha opción a considerar. A vitrectomía consiste na exérese do compartimento vítreo.
Por último, a inxección intravítrea dun anticorpo monoclonal, o bevacizumab, é un fármaco empregado en casos severos, que inactiva o VEGF (factor de crecemento endotelial vascular), mellorando o prognóstico da doenza.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Prematuridade Retinopatía diabética Retina
Categoría:Pediatría