O urobilinóxeno é un metabolito incoloro con estrutura de tetrapirrol derivado da redución da bilirrubina. Prodúcese no intestino dos vertebrados por acción das bacterias da flora intestinal anaerobia sobre a bilirrubina, procedente da bile excretada no tracto dixestivo.

En pacientes sans, aproximadamente a metade do urobilinóxeno elimínase polos riles, e considéranse normais as cantidades que están entre 1 e 4 miligramos cada 24 horas. O resto do urobilinóxeno é reabsorbido polo sistema vascular portal e logo pasa ao fígado, onde é procesado polos hepatocitos e excretado de novo na bile.

Cando existen doenzas hepáticas ou hematolóxicas, nas que hai unha maior produción de bilirrubina, o sistema de transporte hepático vese desbordado e unha parte do urobilinóxeno en exceso é eliminado por vía renal. Na urina, o urobilinóxeno é transformado en urobilina, a súa variante oxidada, que presenta unha cor amarelada característica. O exceso de urobilinóxeno no intestino ou fecal (tamén chamado estercobilinóxeno) é despois oxidado formando estercobilina de cor castaña, que lle dá ás feces a súa característrica cor.

Nomenclatura O urobilinóxeno (tamén chamado d-urobilinóxeno) está moi relacionado con outros dous compostos: o mesobilirrubinóxeno (tamén chamado i-urobilinóxeno) e estercobilinóxeno (tamén chamado i-estercobilinóxeno). Especificamente, o urobilinóxeno pode ser reducido para formar mesobilirrubinóxeno, e o mesobilirrubinóxeno pode ser ulteriormente reducido para dar estercobilinóxeno. Porén, é común aínda que confuso, que todos estes tres compostos sexan denominados en conxunto "urobilinóxenos".

Metabolismo

dereita|miniatura|250px|Esquema do metabolismo da bilirrubina ata a súa transformación en urobilinóxeno e a súa posterior excreción pola urina ou fecesBaseado na figura da páxina 104 de Alzate Piedrahita et al., 2008. O metabolismo da bilirrubina comeza cando os eritrocitos, cuxa vida media se estima entre os 100 e 120 días, rematan o seu ciclo vital. A súa membrana plasmática disgrégase, a hemoglobina que está no seu interior queda libre e inicia un proceso de degradación dentro dos macrófagos que fagocitan os restos no bazo, fígado e medula ósea. A hemoglobina perde o seu grupo hemo pola acción do encima hemo oxixenase. Ese grupo hemo convértese en primeiro lugar en biliverdina e máis tarde esta é convertida en bilirrubina pola acción da biliverdina redutase.

Unha vez formada polos macrófagos, a bilirrubina viaxa polo plasma asociada á albumina. A bilirrubina non conxugada con proteínas é captada polos hepatocitos. Dentro das células hepáticas asóciase ás ligandinas e conxúgase con dúas moléculas de ácido glicurónico. O encima que cataliza esa conxugación é a UDP-glicuroniltransferase, que provoca a produción de di-glicuronato de bilirrubina. Este é transportado á luz dos condutos biliares por medio de transportadores específicos situados na membrana do hepatocito.Mónica Sanabria Rios. 2004. Determinación de estudios citoquímicos en la sangre y otros líquidos biológicos. Traballo de Licenciatura, Iztapalapa.

Proba específica

Cando se detectan valores anormais de urobilinóxeno ao realizar unha análise de urina rutineira, é conveniente realizar un exame máis profundo para determinar as causas desta anomalía e comprobar o estado de saúde do paciente.

A proba ou test para detectar a presenza de urobilinóxeno na urina baséase na reacción deste co sal de diazonio estable p-metoxibenzeno diazoniofluoborato, o cal forma un colorante vermello azoico. Por norma xeral, o urobilinóxeno debe estar presente na urina cando no sangue do paciente se produciu un aumento de bilirrubina non conxugada, aínda que cada vez se ten menos en conta pola súa rápida oxidación en contacto co aire.

O límite de detección é de aproximadamente 7 µmol/L (0,4 mg/dL), e a ese nivel o urobilinóxeno tamén está presente na urina normal á que lle dá unha cor rosa pálida. A diferenciación entre urina normal e patolóxica é posible comparando a cor cunha escala de cores estandarizada.

A proba é específica para o urobilinóxeno e non reacciona con outras substancias diazopositivas, o cal dá certa vantaxe para a súa precisa detección. Tampouco se ve afectado pola interferencia da proba de Ehrlich. Se non aparece a característica cor vermella ao xuntarse con porfobilinóxeno, pódese deducir a presenza de ácido p-amino-salicílico, sulfamidas, sulfonilureas e outras substancias na urina.

Variacións na concentración Redución dos niveis ou ausencia Se o sistema biliar extrahepático está obstruído non chegará bilirrubina ao intestino e non se detectará urobilinóxeno na urina ou as feces, aínda que non é posible detectar a súa ausencia total nunha análise estándar. Tamén durante unha terapia de antibióticos, a supresión da flora intestinal habitual pode impedir a transformación de bilirrubina en urobilinóxeno, causando a ausencia deste último na urina.

A última das causas desta ausencia de urobilinóxeno pode corresponder a unha suspensión total da secreción da bile (ou colepoiese) no fígado, por exemplo en casos de hepatite vírica moi grave, ou de lesións hepatotóxicas graves.

Aumento dos niveis

As condicións que ocasionan un aumento dos niveis de urobilinóxeno na urina e nas feces adoitan ser doenzas cun catabolismo alto da hemoglobina. Algunhas delas son:

Hepatite: un aumento da concentración de urobilinóxeno na urina pode indicar o inicio dunha hepatite aguda. Cirrose Metástases hepáticas Infartos hepáticos Ictericia hemolítica Resolución de grandes hematomas ou grandes infartos hemorráxicos Colanxite: caracterízase por inflamación do conduto biliar común, ou colédoco.

Risco de cancro

Algunhas investigacións concluíron que as persoas que posúen uns niveis medios máis elevados de urobilinóxeno fecal e de pH nas súas feces son máis propensas a padeceren cancro de colon en relación a outras persoas das súas mesmas características (idade, sexo e nivel socioeconómico) pero que teñen niveis máis baixos.

Chegouse a considerar que as causas destas diferenzas se poderían encontrar, na dieta, na forma de inxerir os alimentos e na mastigación máis ou menos coidadosa. Tamén a inxesta de produtos lácteos fermentados de forma habitual pode influír positivamente, actuando como protectores os ácidos graxos do leite.

Función antioxidante

Experimentos realizados en 2005 suxiren que o urobilinóxeno ten a capacidade de atrapar os radicais libres e, por tanto, de inhibir a reacción en cadea que ten lugar nos procesos de oxidación, demostrando así ser un poderoso antioxidante que pode chegar a superar a outros como o beta-caroteno, o alfa-tocoferol ou a propia bilirrubina.

Urobilinóxeno en animais

Algunhas especies de animais, como a ra touro (Lithobates catesbeianus), posúen cantidades apreciables de urobilinóxeno na súa urina, ás veces mesturado con eritrocitos, hemoglobina, leucocitos, xermes, bilirrubina, corpos cetónicos, proteínas e cilindros granulosos.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas MediaLab Inc. (en inglés). Información técnica sobre o urobilinóxeno.

Categoría:Tetrapirrois Categoría:Aparato urinario Categoría:Metabolismo