Antonio Martínez del Castillo, nado en La Almunia de Doña Godina (Zaragoza) o 25 de xaneiro de 1894 e finado en Benidorm (Alacant) o 11 de abril de 1962 foi un director de cinema español coñecido como Florián Rey, un dos máximos representantes do cinema mudo e da industria cinematográfica española da Segunda República.

O seu filme La aldea maldita (1930) considérase como a obra mestra do cinema español da etapa muda, e algunha das súas obras populares da etapa republicana, como Nobleza baturra (1935) ou Morena Clara (1936), protagonizadas por Imperio Argentina, tiveron un grande éxito, que o levaron a competir coa industria cinematográfica estadounidense e abriron a posibilidade de desenvolver unha industria do cinema española, aínda que a creación desta foi abortada co inicio da Guerra Civil Española.

Traxectoria Comezou os estudos de Dereito en 1909, pero abandonounos axiña. Ao ano seguinte traballou na redacción do diario zaragozano La Crónica de Aragón e viaxou a Madrid, para ser redactor de Revista Financiera. Tras cumprir o servizo militar, regresou a Zaragoza en 1918 e comezou a traballar no Diario de Avisos, ao tempo que enviaba crónicas ao diario madrileño La Correspondencia de España, onde comezou a empregar o pseudónimo de “Florián Rey”.

En 1920 traballou como actor no filme La inaccesible, de José Buchs e ao ano seguinte foi contratado por Gregorio Martínez Sierra para o elenco do Teatro Eslava. Pouco despois pasou á compañía do Teatro de la Princesa. En 1923 actuou no filme Maruxa, obtendo un importante éxito que consolidou a súa profesión de actor, actuando en La Casa de la Troya, dirixida por Alejandro Pérez Lugín e Manuel Noriega. En 1924 comezou a dirixir, adaptando para o cinema a zarzuela La revoltosa, que conseguiu un grande éxito popular.

En 1927 descubriu ao seu novo iluminador, José María Beltrán, e á actriz Imperio Argentina, que protagonizou, baixo a súa dirección La Hermana San Sulpicio, que ambos os dous refarían no cinema sonoro en 1934. En 1929 dirixiu a que se considera á obra mestra do cinema español deste período, La aldea maldita. Ao coincidir coa chegada do cinema falado, en Francia déuselle son e rodáronse novamente algunhas escenas, aínda que non nos chegou esta versión.

Tras esta cinta, a produción española debe adaptarse ao novo medio e neste período Rey marchou a familiarizarse con este sistema, sendo contratado como director de dobraxes en castelán por Les Studios Paramount de Joinville-le-Pont.

Regresou a España en 1933, sendo o seu primeiro filme totalmente sonoro Sierra de Ronda, unha historia sobre bandoleiros andaluces cargada de dramatismo. Nesta etapa na Segunda República madurou a idea de crear un cinema español comercial, baseado en temas e formas populares. Con estas ideas realizou a triloxía formada por La hermana San Sulpicio (1934), Nobleza baturra (1935) e Morena Clara (1936), protagonizadas por Imperio Argentina, que exploraban a loita da muller nun mundo tradicional baseado na relixión e na vida rural, actitude ante a muller acorde cos avances do período republicano. A visión conciliadora entre as diferentes posturas que convivían nestes tempos supuña un pequeno avance na forxa dunha sociedade moderna para España.

O director inaugurou un período dourado do cinema español, de raíces costumistas, apoiado no folclore e os mitos populares, nos números musicais tradicionais e nunha narrativa fílmica eficaz e intelixente. Estes filmes puideron competir co chegado de Hollywood.

A guerra civil truncou o fulgurante ascenso. Florián, de ideoloxía conservadora e Imperio Argentina, xa casados, trasladáronse a Berlín, onde foron acollidos polo mesmo Adolf Hitler. Realizaron en Alemaña dous filmes en 1938, Carmen la de Triana, revisión do mito de Carmen, e La canción de Aixa, inicio do fin da relación entre Rey e Imperio.

Retornado a España trala guerra, rodou La Dolores, protagonizada por Concha Piquer, un intento de restaurar aquel cine costumista e popular na España franquista. Brindis a Manolete (1948) e Cuentos de la Alhambra (1950), inspirado nos contos de Washington Irving, foron as súas últimas obras valiosas.

Retirouse en 1957 porque, como dixo o estudoso Agustín Sánchez Vidal, “non pode resignarse á clase de infracinema que o obrigan a facer”. De aí derivouse unha tímida actitude rebelde ante o réxime de Francisco Franco. Morreu esquecido en 1962.

Filmografía 1924 - La revoltosa 1925 - La chavala 1925 - Los chicos de la escuela 1925 - El lazarillo de Tormes 1925 - Gigantes y cabezudos 1926 - El pilluelo de Madrid 1926 - El cura de aldea 1927 - Águilas de acero o los misterios de Tánger 1927 - La Hermana San Sulpicio 1928 - Agustina de Aragón 1928 - Los claveles de la Virgen 1929 - Fútbol, amor y toros 1930 - La aldea maldita 1934 - La Hermana San Sulpicio 1935 - Nobleza baturra 1936 - Morena Clara 1938 - Carmen la de Triana 1939 - La canción de Aixa 1940 - La Dolores 1941 - Polizón a bordo 1942 - La aldea maldita 1943 - Orosia 1943 - Ídolos 1945 - La luna vale un millón 1946 - Audiencia pública 1947 - La nao Capitana 1948 - Brindis a Manolete 1950 - Cuentos de la Alhambra 1954 - La danza de los deseos 1954 - La moza del cántaro 1955 - Cruz de mayo 1956 - Polvorilla

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Florián Rey na Gran Enciclopedia Aragonesa Florián Rey en Epdlp Lembranza de Florián Rey Web oficial dos "Premios Florián Rey"

Categoría:Directores de cinema de España Categoría:Nados na provincia de Zaragoza Categoría:Nados en 1894 Categoría:Finados en 1962