O LX Festival da Canción de Eurovisión celebrouse na cidade austríaca de Viena os días 19, 21 e 23 de maio de 2015, despois de que a súa representante Conchita Wurst obtivese a vitoria coa canción «Rise Like A Phoenix» na edición de 2014. Esta foi a segunda vez que Austria organizou un festival de Eurovisión, sendo a última ocasión en 1967 tras a súa vitoria en 1966. O eventro foi conducido por primeira vez na historia por un trío de mulleres: Mirjam Weichselbraun, Alice Tumler e Arabella Kiesbauer. A gañadora da edición anterior, Conchita Wurst, actuou como presentadora nas conexións coa denominada Green Room.
O espectáculo tivo unha audiencia de máis de 200 millóns de espectadores en todo o mundo. Nesta edición participaron 40 países, 39 dos cales participaron en calidade de membros activos da UER. Chipre e Serbia retornaron ao concurso tras unha paréntese dun ano, así como a República Checa tras cinco anos de ausencia. Por outro lado, Ucraína anunciou a súa retirada desta edición por problemas políticos e económicos. Con motivo do 60º aniversario do Festival, Australia tamén foi invitada a competir, sendo a primeira vez na historia de Eurovisión que participa un país que só é membro asociado da UER.
O lema desta edición foi Building Bridges ('Contruíndo pontes' en galego). En palabras dos organizadores, o eslogan desta edición trata de facer referencia ao carácter unificador da música sen importar fronteiras, culturas e idiomas, e ademais fai referencia ao primeiro obxectivo do certame, que era unir aos países despois da segunda guerra mundial.
Segundo as listas das casas de apostas, durante varias semanas o favorito para gañar o certame era Suecia, seguido por Italia, Australia, Estonia, Eslovenia e Finlandia. Non obstante, este último caeu en semifinais. Polo contrario, Rusia, Bélxica e Letonia convertéronse nos países que máis subiron as súas probabilidades de vitoria, chegando mesmo a superar a moitos dos anteriores.
Finalmente, Suecia gañou o Festival de Eurovisión co cantante Måns Zelmerlöw e a canción "Heroes", cun total de 365 puntos e logrando así a sexta vitoria do país na historia do certame, sendo o primeiro país en gañar en dúas ocasións o Festival no século XXI. Por primeira vez, todos os países do top 3 recibiron máis de 280 puntos, a canción rusa "A Million Voices" converteuse na primeira canción non gañadora en obter máis de 300 puntos e a italiana "Grande amore" converteuse na primeira canción de fala non inglesa en obter un top 3 desde o 2012. Tamén, Austria e Alemaña foron os primeiros países desde 2003 en obter cero puntos na final. Austria é tamén o primeiro país anfitrión que non recibe ningún punto, e o primeiro anfitrión e anterior gañador que queda no último lugar desde o Festival de Eurovisión 1958.
Organización
Sede do festival Unha vez finalizado o festival de 2014, Austria comezou a planear os preparativos da celebración do evento do ano seguinte. Desta forma, na roda de prensa do país gañador, a cadea austríaca anunciou que Viena e Salzburgo serían as candidatas posibles para albergar o festival, aínda que dous días despois do festival, comunicouse que un total de cinco cidades anunciaron as súas intencións de albergar o certame internacional: as dúas anteriores e Graz, Innsbruck e Klagenfurt. Non obstante, posteriormente o 13 de maio de 2014, anunciouse que Salzburgo retiraba a súa candidatura debido a que non podía garantir o financiamento requirido. Semanas despois, máis cidades do país anunciaron a súa candidatura.
Ante o elevado número de propostas, o 29 de maio de 2014, a cadea austríaca ORF fixo públicos os requirimentos que debía ter calquera cidade sede que desexase albergar o festival, e puxo de prazo ata o 13 de xuño de 2014 para que as cidades interesadas presentaran a súa candidatura formalmente en base a certos criterios. Tras cumprirse dito prazo, un total de sete cidades e doce recintos foron os candidatos a albergar o festival: Graz, Innsbruck, Klagenfurt, Oberwart, Schwechat, Wels e Viena.
Posteriormente, o 21 de xuño de 2014 déronse a coñecer as tres cidades e os recintos finalistas para albergar o festival. As candidatas finais foron:
CidadeRecintoCapacidadeNotasGrazStadthalle Graz11.030Acolleu o Campionato Europeo de Balonmán Masculino de 2010.InnsbruckOlympiaWorld10.000Acolleu os campionatos de hóckey sobre xeo e patinaxe artística nos Xogos Olímpicos de Innsbruck 1964 e os de 1976.VienaWiener Stadthalle16.000Acolle anualmente o campionato de tenis Erste Bank Open e o show Holiday on Ice, entre outros moitos eventos. Semanas despois, o 6 de agosto, deuse a coñecer o resultado do proceso de licitación e, por conseguinte, a cidade sede do festival, Viena. O recinto sede sería o auditorio Wiener Stadthalle, que conta cunha capacidade de 16.000 espectadores, superando así ás outras dúas cidades candidatas que competían para albergar o festival.
Celebración do 60º aniversario Para o 60º aniversario do certame anunciáronse moitas novidades, cun presuposto fixo de 20 millóns de euros por parte da UER, unha media de 25 millóns por parte da emisora anfitrioa ORF e 12 millóns de euros por parte da cidade sede Viena. O supervisor executivo do festival, Jon Ola Sand, declarou que se realizaría toda unha homenaxe.
No casa do concello de Viena, Christian Oxonitsh, concelleiro, declarou que as modificacións e reformas que se levaron a cabo no Wiener Stadthalle para acoller o 60º aniversario terían un custo, xa presupostado, de 8.900.000 euros. En dito presuposto incluíronse os gastos para os custos de persoal, enerxéticos e de limpeza, así como as compensacións aos organizadores dos outros eventos que xa estaban programados nas mesmas datas que o Festival.
A finais de 2011, a UER anunciou que comezaran un intento de dixitalizar e arquivar todas as edicións dende a primeira edición de 1956 ata a máis recente do momento. En xuño de 2013, informouse que o arquivo estaba sendo acabado e que se abriría para este 60º aniversario. O contido do mesmo será accesible ao público a través da web oficial do festival.
Á marxe do festival de 2015 en Viena, o 31 de marzo de 2015 celebrouse en Londres unha gala especial, televisada posteriormente en diferido, para conmemorar o 60º aniversario do Festival de Eurovisión, titulada Eurovision Song Contest's Greatest Hits, coa BBC como televisión anfitrioa.
Identidade visual Como parte da conmemoración do 60º aniversario do Festival de Eurovisión, a UER deu a coñecer o renovado logotipo xenérico oficial do festival, que sería utilizado a partir desta edición, deixando atrás o isotipo usado dende a edición de 2004. Cámbiase a tipografía utilizada e mantense a palabra Eurovisión coa letra V convertida nun corazón, no interior do cal figura a bandeira do país organizador.
Sietse Bakker, que foi o encargado de coordinar dito proceso de renovación, comentou: "con isto iniciamos un proceso de cambio partindo do anterior logotipo, buscando os seus puntos fortes e débiles, e chegamos á conclusión de que era necesaria unha evolución e non unha revolución, de modo que se representase o avance do festival ao longo da última década [...]. Ademais, a letra manuscrita foi redeseñada dende cero para facelo moita máis agradable á vista, non só en televisión, senón tamén en impreso."
O redeseño do logotipo correu a cargo de Cornelis Jacobs e o seu equipo da Agencia Cityzen con sede en Ámsterdam, tras unha extensa busca por parte da UER entre varias axencias europeas de deseño, e foi acordado polo grupo de referencia da UER na súa reunión en xuño de 2014.
Ademais do redeseño do logotipo xenérico, como é tradición creouse unha identidade visual específica para a edición do 2015, a cal se deu a coñecer o 25 de novembro de 2014. A imaxe, que reforza o slogan Building Bridges, interpreta o motivo dunha ponte "nunha linguaxe visual de conexións e encontros que se forman unha e outra vez". A identidade gráfica mostra unha multitude de esferas dispostas en forma de liña ondulada coa intención de simbolizar o "estar unidos, así como a diversidade". A infografía, a decoración e o merchandising, entre outros aspectos, xiran en torno a este concepto artístico. O deseño do escenario estivo a cargo do escenógrafo alemán Florian Wieder, quen xa estivera detrás da creación dos escenarios das edicións do festival de Düsseldorf 2011 e Bakú 2012, así como de varias galas de premios da MTV ou de The X Factor, entre outros traballos. Segundo as palabras da directora de televisión da ORF, Kathrin Zechner, "o escenario representa unha ponte entre o pasado, o presente e o futuro".
O escenario consistiu nunha plataforma principal circular con chan de pantalla LED, rodeada de 1 288 piares individuais de iluminación LED, creando un portal en forma de ollo, e de fondo tamén unha gran pantalla LED de 22 metros de ancho e 8,5 metros de altura. Por último, tal como ocorreu nas edicións de 2012 e 2014, a denominada Green Room (o lugar onde os artistas esperan os resultados tras a súa actuación) estivo situada no medio do recinto.
Durante o festival, cada actuación estivo precedida por un breve vídeo de introdución (coñecido como postcard) centrado no artista. Os vídeos mostraron primeiro aos artistas nos seus respectivos países recibindo unha invitación para viaxar a Austria, e logo desempeñando unha actividade nunha das rexións de Austria.
Países participantes A lista oficial de países participantes deuse a coñecer o 23 de decembro de 2014, totalizando 39 países inscritos, dous máis ca o ano anterior. O 10 de febreiro a lista ampliouse a 40 pola participación puntual de Australia con motivo do 60º aniversario do festival. Cabe destacar o retorno de Chipre (CyBC) e Serbia (RTS), países que se ausentaron en 2014 como consecuencia da crise económica e o recorte de presuposto ás emisoras nacionais, así como o retorno da República Checa (CT) tras cinco anos de ausencia, pese a que nun principio descartou a participación, e o debut de Australia. Polo contrario, a mediados de setembro de 2014, Ucraína (NTU) confirmou que non estaría en Viena debido á inestabilidade social, política e financeira que atravesa a nación tras a anexión de Crimea a Rusia e os conflitos militares no Leste do país. Non obstante, a emisora ucraína emitirá integramente o festival a nivel nacional, con vistas a un posible retorno no 2016.
Os representantes da televisión pública de Andorra (RTVA) e Eslovaquia (STV) confirmaran, poucos días despois da final do Festival de Eurovisión 2014, que non tiñan pensado de regresar ao festival para a presente edición. Tamén se rumoreou o retorno de Mónaco (TMC) para a celebración do 60º aniversario do festival, pero o 20 de xuño de 2014, a cadea pública descartou o regreso. Pola súa parte, o principado de Liechtenstein, a través do director da cadea 1 FLTV, informou do seu interese por participar, pero citou os custos de ser membros activos da UER, polo que era pouco probable que participasen este ano, non descartando un probable debut nas edicións sucesivas. Croacia (HRT), do cal se esperaba un retorno ao anunciar o seu regreso ao Festival de Eurovisión Júnior 2014, confirmou que non volverían ao certame. Finalmente, Marrocos, a pesar de que hai uns anos se rumoreaba un posible retorno do país africano, SNRT confirmou que non participarán en 2015, aínda que non descartan facelo nun futuro.
Igualmente Luxemburgo (RTL) confirmou nun principio que polo momento non volverían ao certame. Posteriormente, Luxemburgo RTL e San Marino confirmaron conversacións para unha participación en cooperación, pero finalmente, debido a que non se atoparon os fondos suficientes pola parte luxemburguesa, esta idea foi descartada.