Leopoldo Nóvoa García, nado en Salcedo (Pontevedra) o 17 de decembro de 1919 e finado en París o 23 de febreiro de 2012, foi un pintor e escultor galego.

Traxectoria Naceu na parroquia pontevedresa de Salcedo, sendo fillo do exfutbolista e diplomático galego-uruguaio Edmundo Nóvoa e de María de las Mercedes García Solís, filla do que fora alcalde de Pontevedra, Aquilino García Estévez. Con sete anos fixo a súa primeira viaxe a América e tres anos despois regresou a Galicia. Ao producirse a sublevación do 18 de xullo de 1936 trasladouse ao Porto coa familia, xa que o pai, cónsul do Uruguai, fora expulsado de España. En 1938 emigrou a Uruguai, onde se vinculou con Joaquín Torres García. Pasou a súa xuventude en Montevideo, onde fundou a revista de cultura Apex con Carlos Maggi e outros artistas e intelectuais uruguaios. Nela participaron Joaquín Torres García, Juan Carlos Onetti, Juana de Ibarbourou, Julio María Sanguinetti e Marta Canessa. Trabou tamén unha estreita amizade con Jorge Oteiza, que chegou a prologarlle a súa exposición no Centro de Artes y Letras. En Buenos Aires, onde viviu entre 1948 e 1957, foi amigo de Lucio Fontana, que tivo moita influencia na súa obra, así como doutros galegos exiliados, coma Rafael Dieste e Luís Seoane.

A partir de 1957 estableceuse en Montevideo ata a súa marcha a París, en 1965, da man de Michel Tapié, que quedou impresionado co seu xigantesco mural do Estadio Luis Tróccoli, en Montevideo. Alí impresionou a Julio Cortázar, que escribiu un relato sobre a súa obra, e o pintor asturiano exiliado Orlando Pelayo, amigo de André Camus desde a súa etapa en Orán. Nóvoa fundou con varios pintores uruguaios e arxentinos o Espacio Latinoamericano. En 1974 fixo a súa primeira exposición na galería Edouard Loeb, que sería o seu galerista durante moitos anos. Seguiu traballando ata a súa morte, alternando estadías en Galicia.

Obra miniatura|200px|Escultura en Ribeira. Os seus debuxos, pinturas e murais, así como as pirografías (madeiras queimadas e pintadas), rescatan o seu impulso creador. Refire a paisaxes dos seus recordos de Galicia en obras abstractas, sen recrear escenarios nin anécdotas, con referencias do expresionismo abstracto e do informalismo, aínda que non se corresponde con ningún movemento. Compón con formas impersonais, ritmos enfrontados e gran presenza matérica, descrito por Raúl Zaffaroni no prefacio dunha exposición de 1964 como "pintura urxente".

Destacan o mural de 600 metros cadrados do Estadio do Club Atlético Cerro de Montevideo (1962-1964) e o da Canteira do parque de Santa Margarida na Coruña, así como o mural e as esculturas realizadas en 1964 en Termas del Arapey (Salto, Uruguay).

Recoñecementos Medalla Castelao en 1993. Premio Cidade de Pontevedra en 1997. Premio da Crítica de Galicia en 2002. Premio das Artes e das Letras de Galicia en 2004. Pedrón de honra en 2007.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Sobrino Manzanares, Mª Luisa: Catálogo del Patrimonio artístico de la Diputación de La Coruña. A Coruña, Deputación Provincial da Coruña, 1991. Seoane, Xavier: Nóvoa. A Coruña, Ayuntamiento, 1989. Colección Arte Galega. A Coruña, Xunta de Galicia, 1989. Logroño, Miguel: Nóvoa. Vigo, Editorial Galaxia, 1977. Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984. Novoa. Exposición antológica. Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1985. Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981. Vangardas e silencios. Compostela, Xunta de Galicia, 1978.

Ligazóns externas Web de Leopoldo Nóvoa

Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Escultores de Galicia Categoría:Medallas Castelao Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1919 Categoría:Finados en 2012