Manuel Emilio Aristóteles Beiró Martínez, máis coñecido como Masito, nado na Trabanca (Padrón) o 10 de xaneiro de 1955, é un xornalista, pintor, ilustrador e cartelista galego.
Traxectoria É fillo do pintor Manuel Beiró Buxán. No ano 1963 acadou o primeiro premio de pintura infantil organizado polo xornal La Voz de Galicia e participou nunha exposición colectiva de novos valores na Coruña, no local A Terraza. Foi bolseiro da Escola de Artes Mestre Mateo e diplomouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.
Traballou como xefe de prensa do concello de Padrón e como xornalista na axencia EFE. Foi tamén correspondente do xornal El Correo Gallego dende 1986 ata 1990, foi director fundador da revista Petroglifo da Asociación Galega de Artes Gráficas, traballou en programas de radio e participou en diversos ámbitos culturais da vila padronesa.
Unha escolma da súa obra foi exposta na Bienal do Convento do Carme de Padrón, e no certame de pintura Bello Piñeiro de Ferrol. Participou en exposicións en Rianxo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Arte-Mostra Santiaguiño, O Courel e Forcarei.
Realizou a ilustración dos libros Pseudopoesía: ala Costa de la muerte: marineras (1978) de Arturo Romaní; Paixón e vida dun poeta (1981) e Almenar poético (1985) os dous de Maximino Castiñeiras; Balada do vento na ría (1987) de Xesús Santos; Diáspora.com (2002) de Xosé Manuel Lobato e mais no primeiro libro editado do certame de poesía Rosalía de Castro, con limiar de Méndez Ferrín, da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà en 1992.
Tras facer Laxeiro a portada do primeiro número, fixo a portada do seguinte número da revista Olláparo (1984) de Cedeira, con limiar de Carlos Casares. Ilustrou a portada da revista Lúa Nova da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà e para a revista Ólisbos (1990) creou o retrato do escritor Miquel Àngel Riera. Foi autor de numerosos carteis de festas, como os da Pascua de Padrón, A Anguía de Valga, Corrubedo, o Congreso do Deportivo da Coruña (1999), o Irmandamento Noirmountier (1993) etc.
Fixo ó longo da súa carreira como pintor diversas exposicións individuais, dende París a Barcelona, Noirmoutier-en-l'Île ou Buenos Aires. Malia padecer unha enfermidade dexenerativa da mácula ocular continúa a pintar.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Pintores de Galicia do século XXI Categoría:Nados en 1955 Categoría:Nados en Padrón Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Ilustradores de Galicia