Xurx RiaxiTamén romanizado como George Riashi. (en ), nado o 25 de novembro de 1933 en Kaa al Rim, preto de Sahla (gobernación de Al-Biqa, Líbano) e finado o 28 de outubro de 2012, foi un eclesiástico católico greco-melquita, dende 1995 até 2010 arcebispo de Trípoli.

Traxectoria Xurx Riaxi naceu o 25 de novembro de 1933 en Kaa al Rim, preto de Sahla (na gobernación de Al-Biqa, Líbano). Ingresou na Orde Basiliana de San Xoán Bautista, facendo os votos perpetuos o 28 de agosto de 1955, e logo de pasar polo seminario completou os seus estudos de Filosofía e Teoloxía na Universidade San Xosé de Beirut; estudou tamén Física e Matemáticas na Universidade Americana de Beirut e fixo un posgrao no Instituto Católico de París para especializarse no ensino da lingua francesa.

Foi ordenado sacerdote o 4 de abril de 1965 polo arcebispo de Beirut e Biblos Filib Naba. Dedicou o seu traballo pastoral á mocidade, sendo un dos dirixentes do movemento scout, administrando o seminario menor da súa orde, e dirixindo a escola secundaria de Santo Antón en Kfarxima. En 1971 foi trasladado aos Estados Unidos de América, como auxiliar da parroquia de Detroit, e a partir de 1978 como párroco. En 1982 foi nomeado arquimandrita.

O 26 de marzo de 1987 foi nomeado bispo de San Miguel de Sidney, ao aceptar a Santa Sé o seu nomeamento polo Santo Sínodo da Igrexa greco-melquita. Recibiu a consagración episcopal o 19 de xullo de mans do patriarca de Antioquía Máximo V Hakim.

O 28 de xullo de 1995 foi nomeado arcebispo de Trípoli. Retirouse o 3 de marzo de 2010. Finou o 28 de outubro de 2012 nun hospital de Biblos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en Catholic-Hierarchy.org

Categoría:Nados en 1933 Categoría:Nados na gobernación de Al-Biqa Categoría:Relixiosos católicos do Líbano Categoría:Bispos católicos do Líbano Categoría:Bispos da Igrexa católica greco-melquita Categoría:Bispos católicos de Australia Categoría:Basilianos de San Xoán Bautista Categoría:Alumnos da Universidade San Xosé de Beirut Categoría:Alumnos da Universidade Americana de Beirut Categoría:Alumnos do Instituto Católico de París