Os ascidiáceos (Ascidiacea), xeralmente chamados ascidias (aínda que existe tamén o xénero Ascidia), son unha clase na taxonomía do subfilo dos Tunicata (animais mariños filtradores con forma de saco, invertebrados e cordados). Os ascidiáceos caracterízanse por posuír unha "túnica" externa feita do polisacárido tunicina (que é celulosa, un raro caso de animal que produce celulosa), que é moi forte comparada coa doutros tunicados, nos que é menos ríxida.

Os ascidiáceos encóntranse por todo o mundo, xeralmente en auga pouco profunda cunha salinidade arredor do 2,5%. Mentres que os membros das clases Thaliacea e Larvacea nadan libres facendo vida planctónica, os ascidiáceos son sésiles, é dicir, permanecen firmemente pegados ao substrato (a rochas, cunchas).

Hai 2.300 especies de ascidiáceos de tres tipos principais: ascidiáceos solitarios, ascidiáceos sociais, que forman comunidades agrupadas ao adherirse polas súas bases, e ascidiáceos compostos, que constan de moitos pequenos individuos (cada individuo denomínase zooide), que forman colonias de ata varios metros de diámetro.

Os ascidiáceos aliméntanse absorbendo auga por un sifón oral; a auga entra na boca e farinxe, flúe a través dunhas fendas branquiais cubertas de mucus (tamén chamadas estigmas farínxeos) e pasa a unha cámara para a auga chamada atrio (atrium), desde onde sae ao exterior polo sifón atrial.

Anatomía miniatura|upright|Anatomía dunha ascidia: (a) sifón oral; (b) sifón atrial; (c) túnica (d) manto; (e) farinxe; (f) esófago; (g) estómago; (h) orificio anal; (i) lámina dorsal; a liña punteada indica o endostilo. As ascidias son animais cilíndricos arredondados de entre 0,5 e 10 cm. Un extremo do corpo está sempre fixado firmemente ás rochas, coral, ou algunha outra superficie sólida similar. A superficie inferior do animal está engurrada ou ten ocos, e nalgunhas especies ten extensións parecidas a raíces que lle axudan ao animal a agarrarse á superficie do substrato. A parede do corpo está cuberta por unha túnica grosa lisa, que con frecuencia é bastante ríxida. A túnica está formada por unha substancia similar ou igual á celulosa chamada tunicina, xunto con proteínas e sales de calcio. A diferenza das cunchas dos moluscos, a túnica está composta de tecido vivo, e a miúdo ten a súa propia subministración de sangue. Nalgunhas especies coloniais, as túnicas de individuos adxacentes están fusionadas nunha estrutura única.

A superficie superior do animal, que é a oposta á que está agarrada ao substrato, ten dúas aberturas ou sifóns. Cando se quita o animal da auga, este adoita expulsar violentamente auga por eses sifóns. O corpo pode dividirse en tres rexións, aínda que estas non son claramente diferenciables en moitas especies. A rexión farínxea contén a farinxe, mentres que o abdome contén a maioría dos outros órganos corporais, e o postabdome contén o corazón e as gónadas. En moitas ascidias, o postabdome, ou mesmo todo o abdome, están ausentes, e os órganos correspondentes están situados en posición máis anterior.

Como indica o seu nome, a rexión farínxea está ocupada principalmente pola farinxe. O grande sifón bucal ábrese na farinxe, e actúa como unha boca. A propia farinxe está ciliada e contén numerosas perforacións ou estigmas, dispostos nun patrón similar a unha grella arredor da súa circunferencia. O batido dos cilios succiona auga polo sifón e despois a través dos estigmas. Un canal ciliado ou endostilo discorre ao longo dun lado da farinxe, e unha crista que se proxecta discorre ao longo do outro lado. O endostilo pode ser homólogo da glándula tiroide dos vertebrados, malia as súas diferentes funcións.

A farinxe está rodeada por un atrio (atrium), a través do cal se expulsa a auga por un segundo e xeralmente máis pequeno sifón. Cordas de tecido conectivo cruzan o atrio para manter a forma xeral do corpo. A parede corporal externa consta de tecido conectivo, fibras musculares, e un epitelio simple situado xusto debaixo da túnica.

300px|miniatura|Esta rechamante ascidia Polycarpa aurata está situada sobre un leito de briozoos brancos da especie Triphyllozoon inornatum.

Sistema dixestivo A farinxe forma a primeira parte do sistema dixestivo. O endostilo produce mucus que despois pasa ao resto da farinxe polo batido de flaxelos ao longo das súas beiras. O mucus despois flúe nunha lámina a través da superficie da farinxe, atrapando nel as partículas comestibles planctónicas a medida que pasan polos estigmas, e recóllese na crista da superficie dorsal. A crista ten un canal a un lado, que pasa a comida recollida cara a abaixo e ao interior da abertura do esófago na base da farinxe.

O esófago diríxese ata abaixo ata chegar ao estómago no abdome, o cal segrega encimas dixestivos que dixiren a comida. O intestino corre cara a arriba desde o estómago paralelo ao esófago e finalmente ábrese, por medio dun curto recto e o ano, na cloaca, xusto debaixo do sifón atrial. Nalgunhas especies coloniais moi desenvolvidas, as agrupacións de individuos poden compartir unha soa cloaca, na que desembocan todos os sifóns atriais, aínda que os sifóns bucais están separados. Na superficie externa do intestino hai unha serie de glándulas, que se abren a través de túbulos colectores no estómago, aínda que a súa función precisa non está clara.

Sistema circulatorio O corazón é un tubo muscular curvado situado no postabdome, ou preto do estómago. Cada un dos extremos ábrese nun só vaso, un que corre cara ao endostilo, e o outro pola superficie dorsal da farinxe. Os vasos están conectados por unha serie de seos, a través dos cales flúe o sangue. Hai máis seos que corren desde o da superficie dorsal, que fornecen de sangue aos órganos viscerais, e vasos máis pequenos que corren desde ambos os lados ata a túnica. Os residuos nitroxenados en forma de amoníaco excrétanse directamente desde o sangue a través das paredes da farinxe, e expúlsanse a través do sifón atrial.

Infrecuentemente, o corazón das ascidias alterna a dirección na cal bombea o sangue cada tres ou catro minutos. Hai dúas áreas excitativas, unha en cada extremo do corazón, e a primeira é a dominante e pula o sangue a través do vaso ventral, e despois a outra impúlsao dorsalmente.

Hai catro tipos de células sanguíneas: linfocitos, amebocitos fagocíticos, nefrocitos e células mórula. Os nefrocitos recollen materiais de refugallo como ácido úrico e acumúlanos nas vesículas renais preto do tracto dixestivo. As células mórula axudan a formar a túnica, e poden encontrarse a miúdo na propia substancia da túnica. Nalgunhas especies, as células mórula posúen axentes redutores pigmentados que conteñen ferro ou vanadio (hemovanadina), que lle dá cor verde, ou hemocianina.A. Immesberger, T. Burmester. Putative phenoloxidases in the tunicate Ciona intestinalis and the origin of the arthropod hemocyanin superfamily. Journal of Comparative Physiology B. Marzo de 2004, Volume 174, Issue 2, pp 169-180. No caso de teren vanadio as células tamén se denominan vanadocitos.

Sistema nervioso O sistema nervioso central das ascidias está formado por unha placa que se enrola para formar un tubo neural. O número de células no sistema nervioso central é moi pequeno. O tubo neural está composto pola vesícula sensorial, o colo, o ganglio da cola ou visceral, e a corda nerviosa caudal. A rexionalización anteroposterior do tubo neural nas ascidias é comparable á dos vertebrados.Ikuta, Tetsuro, and Hidetoshi Saiga. "Organization of Hox genes in ascidians: Present, past, and future." Developmental Dynamics 233.2 (2005): 382–89.

Aínda que non hai un verdadeiro cerebro, o ganglio máis grande está localizado no tecido conectivo situado entre os dous sifóns, e envía nervios por todo o corpo. Debaixo deste ganglio hai unha glándula exócrina que verte na farinxe. Esta glándula formouse a partir do tubo nervioso, e, por tanto, é homóloga da medula espiñal dos vertebrados.

As ascidias carecen de órganos sensoriais especiais, aínda que a parede do corpo ten numerosos receptores individuais para o tacto, quimiorrecepción, e detección da luz.

Ciclo vital miniatura|Un grupo de tunicados de Timor Leste. Case todas as ascidias son hermafroditas e as ascidias maduras son sésiles. As gónadas están localizadas no abdome ou postabdome, e son un testículo e un ovario, cada un dos cales se abre por medio dun conduto na cloaca. As ascidias poden dividirse pola súa forma de vida en especies que viven como animais independentes (son as ascidias solitarias) e as que son interdependentes (as ascidias coloniais). As diferentes especies de ascidias poden ter estratexias reprodutivas marcadamente diferentes, e as formas coloniais teñen modos mixtos de reprodución.

As ascidias solitarias liberan moitos ovos polos seus sifóns atriais; a fecundación externa ten lugar na auga do mar ao liberarse ao mesmo tempo o esperma doutros individuos. Un ovo fertilizado tarda de 12 horas a uns poucos días en desenvolverse orixinando unha larva parecida a un cágado de ra, que despois tarda non máis de 36 horas en asentarse e metamorfosearse a un individuo xuvenil.

A larva posúe unha longa cola, que contén un tubo nervioso dorsal oco e unha notocorda, que son dúas características claramente indicativas das súas afinidades cos animais cordados. O tubo nervioso agrándase no corpo principal, e convértese finalmente no ganglio cerebral do adulto. A túnica desenvólvese cedo na etapa embrionaria, e esténdese formando unha aleta ao longo da cola da larva. A larva tamén ten un estatocisto e unha copa pigmentada sobre a boca, a cal se abre a unha farinxe tapizada de pequenas gretas que se abren no atrio que a rodea. A boca e o ano están inicialmente en lados opostos do animal, e a boca só se move á súa posición final posterior durante a metamorfose.

A larva selecciona unha superficie adecuada para asentarse usando receptores sensibles á luz, á orientación á gravidade, e estímulos táctiles. Cando o seu extremo anterior toca unha superficie, unhas papilas segregan un adhesivo para pegarse ao substrato. A secreción adhesiva dá inicio a unha metamorfose irreversible: varios órganos (como a cola e aletas larvais) pérdense, mentres que outros se reordenan ocupando as súas posicións de adulto, a farinxe agrándase, e os órganos chamados ampolas crecen desde o corpo para adherir permanentemente o animal ao substrato. Os sifóns da ascidia xuvenil quedan orientados para optimizar o fluxo da corrente a través do aparato de alimentación. A madurez sexual pode alcanzarse en só unhas poucas semanas. Dado que a larva é máis avanzada ca o seu adulto, este tipo de metamorfose, denomínase meamorfose regresiva. Esta característica é o punto central da teoría da metamorfose regresiva ou teoría da larva das ascidias; hipotetízase que os verdadeiros cordados evolucionaron a partir de larvas sexualmente maduras.

miniatura|esquerda|300px|Unha colonia de Didemnum molle.

Especies coloniais As ascidias coloniais reprodúcense tanto asexualmente coma sexualmente. As colonias poden sobrevivir durante décadas. Unha colonia de ascidias constan de varios individuos chamados zooides. Os zooides dunha colonia son normalmente idénticos xeneticamente, e algunhas comparten o aparato circulatorio.

Reprodución sexual Diversas especies de ascidiáceos coloniais producen descendencia por reprodución sexual seguindo dúas posibles estratexias. As especies coloniais ou ben son diseminadoras de ovos (dispersión de longo rango) ou filopátricas (dispersión de curto rango). Os diseminadores de ovos liberan o esperma e os ovos na auga e a fertilización ocorre preto das colonias parentais. Os cigotos resultantes desenvólvense en larvas microscópicas que poden ser arrastradas polas correntes oceánicas a grandes distancias. As larvas das formas sésiles que sobreviven, finalmente establécense e completan a súa maduración no substrato; posteriormente poden producir xemas asexualmente para formar unha colonia de zooides.