A igrexa de Santa María de Dodro é un templo barroco do século XVIII dedicado á Virxe María, sede da parroquia homónima, no concello de Dodro. É unha das primeiras obras de Simón Rodríguez e presenta algunhas peculiaridades características do seu estilo.
Descrición En 1719 encargáronselle ó mestre compostelán Simón Rodríguez as trazas do templo, quen proxectou a súa reedificación. Preserva unha inscrición nos muros do interior da igrexa do ano 1102. Malia estar o trazado da planta feito, o inicio da obra atrasouse, sendo adxudicada a execución a Pedro Blanco. A construción debeu dar comezo a mediados de 1720 pero en 1738 aínda non se rematara o corpo da igrexa. A capela maior concluíuse no 1739.
O edificio presenta planta de cruz latina cunha soa nave de dous tramos, cruceiro dun tramo e capela maior rectangular, rematando nos laterais en senllos nichos con bóveda en forma de vieira.
A nave da igrexa e o presbiterio cubríronse cunha bóveda de canón, o mesmo que os brazos do cruceiro e na intersección empregouse unha bóveda de aresta. O interior do templo apenas presenta decoración e como separación dos distintos tramos empregaronse arcos faxóns.
A igrexa de Dodro é unha obra que ó non contar coa dirección de Simón Rodríguez varía sensiblemente respecto do plan inicial do mestre compostelán. Ademais, o proxecto inicial do arquitecto non se conserva.
Conserva a pía bautismal onde foron bautizados Gala e Ovidio Murguía. Foi reconstruída en parte en 1918. A igrexa foi restaurada no ano 1992, co arranxo da bóveda e do tellado e coa colocación dun novo piso de pedra. miniatura|350px|centro
Fachada No exterior séguese co mesmo criterio de sinxeleza que no interior, a fachada de liñas elementais non se atén ás trazas orixinais de Simón Rodríguez. No centro da fachada ábrese a porta que presenta un marco de orelleiras de riqueza na modelaxe. As pilastras caixeadas flanquean a porta, coroada por un frontón triangular partido con fornela que resgarda a Virxe da Asunción. A torre do campanario é de tres corpos, coroada por unha cupuliña de planta octogonal con pináculo, configurando un todo harmónico e equilibrado.
Altar maior No interior destaca sobre todo o retablo maior. A intensa decoración contrasta coa sinxeleza do propio recinto, a profusión de dourados imponse nun espazo reducido, o uso de diferentes planos provoca a sensación de movemento e de inestabilidade, xogos de luces e de sombras. Está considerado como o primeiro retablo deseñado por Simón Rodríguez, arredor de 1740, data do inicio das obras, sendo quizais o entallador Manuel de Leis.
Consta de baseamento e dous corpos. O inferior está formado por cinco rúas separadas por columnas con fuste moi decorado e capiteis corintios, presentando no alto os típicos cilindros do autor. O segundo corpo está dividido en tres rúas separadas por pilastras con pequenas columnas na base. No centro, a imaxe da Virxe e nos laterais, enormes volutas con anxos portadores de palmas. Remata o retablo a figura do Pai Eterno, tamén característica nas trazas do artista.
Altares laterais Contratáronselle os catro altares colaterais a Francisco de Lens e Juan Domínguez de Estivada. Nos brazos do cruceiro figurarían un dedicado á Virxe das Neves, con Santa Lucía e Santa Bárbara ós lados, que se conserva completo, e outro a San Antonio de Padua, acompañado de Santiago peregrino e San Roque. Os outros dous estarían baixo a advocación da Dolorosa e do Nazareno. Son imaxes de vestir, a primeira de Antonio Fernández, a última semicompleta, con torso, o que non é usual, adornada cos atributos da Paixón e da Santa Face, obra da etapa final do grande escultor Xosé Gambino.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Dodro Dodro Dodro Dodro Categoría:Dodro Dodro