Guillermo Fernández Vara, nado en Olivenza o 6 de outubro de 1958 e finado en Badaxoz o 5 de outubro de 2025, foi un médico e político socialista español que foi presidente de Estremadura, primeiro entre 2007 e 2011 e de novo dende o 7 de xuño de 2015 ata xuño de 2023.

Traxectoria Fillo dun xuíz destinado en Olivenza e dunha oliventina, estudou nun centro dos xesuítas de Villafranca de los Barros EXB, Bacharelato e COU; logo marchou estudar medicina á Universidade de Córdoba ata se licenciar en 1983. Tres anos despois ingresou por oposición no Corpo Nacional de Médicos Forenses e foi profesor colaborador de medicina legal na Universidade de Valencia (1986-1987). En 1988 logrou a praza de médico forense con destino en Estremadura, e asemade asumía o posto de profesor asociado na Universidade de Estremadura.

Nesa época entrou a militar no PSOE, onde acabou exercendo postos públicos desde mediados da década de 1990. Na administración autonómica estremeña foi director xeral de Saúde pública e Consumo (1995-1996), conselleiro de Benestar Social (1996-1999), conselleiro de Sanidade e Consumo (1999-2007) e desde 2003 deputado na asemblea estremeña pola provincia de Badaxoz.

Trala negativa do daquela presidente de Estremadura, Juan Carlos Rodríguez Ibarra de ser de novo candidato á Presidencia da Xunta, o día 20 de setembro a Comisión Executiva Rexional do PSOE aclamaba por unanimidade a Fernández Vara como candidato á presidencia nas eleccións de 2007. Eses comicios gañounos o PSOE por maioría absoluta, co 52% dos votos e 25 puntos por riba do PP. Por conseguinte, Fernández Vara foi investido como presidente da Xunta de Estremadura o 27 de xuño de 2007. Nas eleccións de 2011 repetiu como candidato á presidencia estremeña, mais o seu partido quedou en segundo lugar tras o PP. A abstención de Izquierda Unida fixo posible que o candidato popular José Antonio Monago lograse a presidencia da Xunta de Estremadura, mantendo Fernández Vara a secretaria xeral do PSOE estremeño e sendo de novo candidato polo PSOE á presidencia nas eleccións de 2005.

Vida persoal Fixo público que padecía cancro de estómago, do que foi operado en 2024.

Categoría:Nados en 1958 Categoría:Nados en Olivenza Categoría:Presidentes da Xunta de Estremadura Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Médicos de España Categoría:Profesores da Universidade de Valencia Categoría:Deputados da Asemblea de Estremadura Categoría:Finados en 2025