MITA, acrónimo de Mini-Satellite Italiano a Tecnologia Avanzata, e tamén coñecido como MITA-O, foi un satélite artificial da Axencia Espacial Italiana usado para facer diversos experimentos no espazo. Foi lanzado o 15 de xullo de 2000 desde o cosmódromo de Plesetsk mediante un foguete Kosmos 3M.
Características MITA foi un satélite italiano adicado á experimentación no espazo que foi lanzado mediante un foguete Kosmos 3M xunto cos satélites CHAMP e Bird-Rubin. Foi inxectado nunha órbita circular inicial de 450 km de altura, cunha inclinación orbital de 87 graos e un período orbital de 93,6 minutos. O seu obxectivo principal foi realizar diversos experimentos de demostración de novas tecnoloxías.
O satélite tiña forma cúbica e estaba estabilizado nos tres eixos e pesaba 170 kg, propelente incluído. Levaba a bordo o instrumento científico NINA 2 para estudar os raios cósmicos, e o experimento tecnolóxico MTS-AOMS, consistente nun sensor multitarefa que inclúe un sensor solar e de horizonte, un sensor de velocidade angular e un sensor de campo magnético.
Reentrou na atmosfera o 15 de agosto de 2001.
Notas
Categoría:Satélites artificiais