O golpe de Estado de Kornilov foi un errado intento de golpe de Estado contrarrevolucionario levado a cabo polo comandante en xefe do Exército ruso, o xeneral Lavr Kornilov, en setembro de 1917. O Goberno Provisional Ruso e os soviets recibiron o apoio maioritario da poboación e fixeron que o golpe fracasara aos poucos días do alzamento militar.

Tralo fracaso da Ofensiva de Kerenskii en xullo, o novo primeiro ministro, Aleksandr Kerenskii, nomeou o xeneral Lavr Kornilov novo comandante en xefe do Exército ruso; desde o comezo xurdiron roces entre ambos polos desexos do xeneral de aplicar unha serie de reformas conservadoras e opostas aos consellos, que na súa opinión, debían servir para mellorar a situación militar. Pronto Kornilov converteuse no candidato das dispersas organizacións conservadoras e dos representantes da Entente para encabezar un novo goberno.

A mediados de agosto, Kornilov presentou un plan de reforma que equivalía á implantación dunha ditadura militar e que Kerenskii rexeitou, a pesar do apoio do viceministro de Defensa, o socialrrevolucionario Boris Savinkov. Kornilov prefería aplicar as súas medidas coa colaboración do Goberno, pero preparouse para facelo incluso na súa contra; Kerenskii, pola súa banda, desexaba tratar con el desde unha postura reforzada pola Conferencia Estatal de Moscova, pero fracasou pola crecente polarización política.

A finais de agosto e comezos de setembro parecía que Kerenskii e Kornilov chegarían a un acordo para aplicar as reformas políticas e militares, pero a confusa intervención do antigo procurador de Sínodo Sagrado, Vladimir Lvov, confundiu a ambos: Kornilov creu que Kerenskii aceptara plenamente os seus plans e este que Kornilov presentáballe un ultimato e pretendía apartalo do poder. Forzou entón a rebelión aberta do xeneral ao destituílo e a marcha da capital resultou un fracaso, desbaratada pola resistencia non tanto do impotente goberno coma dos consellos e, especialmente, dos bolxeviques, que se recuperaron politicamente do revés sufrido nas Xornadas de Xullo.

O errado golpe acrecentou o desprestixio e a debilidade de Kerenskii, desacreditou á dereita e acelerou os preparativos bolxeviques para tomar o poder.

Antecedentes Crise nacional Rusia encontrábase nunha grave crise, acentuada pola inacción do Goberno: no campo a falta dunha profunda reforma agraria aumentaba o descontento do campesiñado e reducía a produción, nas cidades diminuía tamén a produción industrial, aumentaba o desemprego e crecía a penuria do proletariado, o que radicalizou politicamente este sector.Munck (1987), p. 40 A falta de bens de consumo e principalmente de alimentos levou a certas rexións do país ao bordo da fame; a escaseza fomentou a inflación e o mercado negro. A escaseza afectaba tamén ao Exército, falto de víveres, armamento e vestimenta; esta minaba o espírito de combate das tropas e a súa confianza nas autoridades civís e militares, facéndoas cada vez máis receptivas á propaganda da extrema esquerda derrotista. A orde número 1 democratizou o Exército pero destruíu a antiga disciplina e o control gobernamental das unidades; a situación militar era polo tanto moi grave.

Kerenskii foi incapaz de chegar a consenso cos ministros do seu gabinete un programa de reformas e, temeroso da reacción popular a medidas represivas para restaurar a orde sen contar con estas reformas como contrapeso, encontrouse paralizado.Rabinowitch (1978), p. 95 Esta parálise decepcionou os conservadores, parte dos liberais e os Aliados. Para estes grupos, a opción de implantar unha ditadura apoiada por liberais e conservadores parecía a única opción para eliminar a dualidade de poder político mediante a supresión do soviet e conducir a poboación á defensa do país.Munck (1987), p. 41 A exixencia de reformas considerábase irresponsable e causa do caos no país. Para estes grupos, era necesaria a eliminación da dualidade do poder, o reforzamento do Goberno e a supresión dos consellos e do detestado partido bolxevique.Munck (1987), p. 42 Esta postura era maioritaria entre os kadetes e algunhas destacadas organizacións como a Unión de Terratenentes ou a Unión Nacional de Comercio e Industria a finais do verán de 1917. Contrarios a participaren directamente na preparación dun golpe de estado, estes grupos trataron primeiro de exercer presión sobre o Goberno para que adoptase as medidas que desexaban para restaurar a orde e a capacidade de combate do Exército. Temerosos da reacción popular a posibles medidas autoritarias, trataban de utilizar o Goberno e os socialistas moderados como intermediarios que xustificasen estas accións ante a poboación.Munck (1987), p. 46 Porén, outro grupo máis radical, e formado principalmente por militares, mostrouse disposto xa desde a primavera a colaborar en tal empresa. As principais organizacións eran a Unión de Oficiais do Exército e a Armada, a Liga Militar e a Unión de Cabaleiros de San Xurxo. Entre as organizacións civís de orientación similar contábanse a Sociedade para a Rehabilitación Económica de Rusia, presidida por Aleksandr Guchkov e Alexei Putilov e o Centro Republicano.Rabinowitch (1978), p. 96

Fracaso da ofensiva de xullo Aleksandr Kerenskii, ministro de Defensa do Goberno Provisional Ruso, arengando as tropas no verán de 1917. O fracaso da ofensiva de xullo precipitou o nomeamento de Kornilov como comandante en xefe do Exército, a pesar das dúbidas de Kerenskii.|miniatura|dereita O Goberno Provisional estaba cada vez máis acosado polas exixencias do Soviet de Petrogrado Trala derrota da Ofensiva de Kerenskii en xullo de 1917, este, acabado de nomear Primeiro Ministro do Goberno provisional, atribuíu ás proclamas do Soviet a desmoralización que levara á derrota.Asher (1970), p. 289 Kornílov, que non puido acudir o á reunión do Primeiro Ministro cos mandos militares pola delicada situación na fronte suroeste, solicitou a restrición dos poderes dos consellos de soldados, a restauración da pena de morte e dos tribunais militares na zona da fronte e a prohibición das reunións políticas e da propaganda antipatriota entre as tropas. Pediu, porén, o reforzamento dos comisarios políticos e a reorganización do Alto Mando,Rabinowitch (1978), p. 102 insinuando que a razón da derrota non se encontraba unicamente nas tropas, senón tamén na dirección das operacións. Durante a ofensiva, arredor de dous centenares de desertores foron aforcados tras restaurar Kornilov unilateralmente a pena de morte no seu sector da fronte.Munck (1987), p. 54

A pesar da protesta do comandante en xefe do Exército, inmediatamente despois da fracasada ofensiva, Kornilov foi nomeado comandante da fronte suroeste. Exixiu poder disparar contra os desertores. O seu telegrama ao Primeiro Ministro, redactado polo seu asesor Zavoiko, era tan ameazador que Savinkov tivo que solicitar que fose emendado.Rabinowitch (1978), p. 100 Kornilov ordenou o uso das metralladoras e da artillaría contra as unidades que se retirasen sen recibir ordes para facelo incluso antes de recibir o beneplácito gobernamental á medida; Kerenskii, pola súa banda, enviara unha orde similar o , antes de recibir a exixencia de Kornilov.Munck (1987), p. 55 Tres días máis tarde e por recomendación do Primeiro Ministro, o Goberno aprobou a restauración da pena de morte na fronte co obxectivo de manter a disciplina militar. Na prensa, porén, deuse a impresión de que Kerenskii actuaba premido por Kornilov o que levou a un aumento do prestixio deste a costa do do Goberno nos círculos conservadores.

Parecendo, porén, o home adecuado para realizar as reformas militares consideradas necesarias e máis moderado que os seus colegas, favorable á implantación de medidas draconianas pero con inclinacións demócratas e co favor de Boris Savinkov —comisario da fronte suroeste onde servía Kornilov, próximo a Kerenskii e a punto de asumir o cargo de viceministro de DefensaWade (2000), p. 199Katkov (1980), p. 43—, tomou posesión como comandante en xefe o ,White (1968), p. 194Figes (1998), p. 444 relevando a Brusilov,Figes (1998), p. 442 aínda que Kerenskii pronto planificou destituílo ao exixir o xeneral unhas condicións para aceptar o nomeamento que podían levar a súa independencia do Goberno. O gabinete, porén, decidiu amparar a Kornilov a pesar das dúbidas de Kerenskii. Para entón era plenamente coñecida a súa escasa simpatía pola revolución e os seus tratos con elementos conservadores.White (1968), p. 193 Estes consideraron o nomeamento de Kornilov como un paso político cara á implantación dun futuro Goberno autoritario e mostraron a súa satisfacción. Ao ser nomeado para o posto, Kornilov declarou que só respondería ante a súa conciencia e ante «o pobo» e que non permitiría a inxerencia nas operacións militares do Goberno ou dos consellos; as súas relacións co gabinete, especialmente cos ministros socialistas, foi tensa desde o comezo. Savinkov e Filonenko, porén, lograron convencer ao Primeiro Ministro e ao novo comandante en xefe de que a súa cooperación era necesaria para restaurar a disciplina militar e a autoridade gobernamental. Para Kerenskii, Kornilov parecía un home decidido, era moi popular entre a dereita política cuxo apoio necesitaba para apuntalar su posición e era unha das escasas opcións entre os mandos veteranos do Exército, na súa maioría reaccionarios e hostís ao Primeiro Ministro.Rabinowitch (1978), p. 103 Savinkov e Filonenko —nomeados comisarios gobernamentais ante o Alto Mando— debían moderar a Kornilov como xa lograran no primeiro enfrontamento a propósito do seu nomeamento e permitir ao Primeiro Ministro controlar ao xeneral.

Os apoios de Kornilov