Joseph Anthony Ferrario, nado o 3 de marzo de 1926 en Scranton (Pensilvania) e finado o 12 de decembro de 2003 en Honolulu, foi un eclesiástico católico latino estadounidense, bispo de Honolulu dende 1982 até 1993.

Traxectoria Primeiros anos Joseph Anthony Ferrario naceu en Scranton o 3 de marzo de 1926, o segundo fillo de Angelo e Angelina Scranton. Logo de rematar a súa educación, estudou no seminario de Baltimore e anos despois entrou na Compañía Sacerdotal de San Sulpicio. Logo de completar os seus estudos de Teoloxía na Universidade Católica de América, foi ordenado sacerdote en Scranton o 19 de maio de 1951.

Comezou o seu ministerio na arquidiocese de San Francisco, como profesor no seminario de San Xosé en Mountain View, levado polos sulpicianos. En 1957 foi trasladado ao seminario de Santo Estevo en Honolulu, e dez anos máis tarde incardinouse na diocese hawaiana. Durante estes anos exerceu diversas tarefas amais da docencia: foi director das mocidades católicas, presidente do consello presbiteral e da comisión de liturxia, xestor do programa de vocacións, secretario do bispo John Joseph Scanlan e párroco das igrexas da Santa Trindade en Honolulu e de Santo Antón en Kailua.

Bispo O 8 de novembro de 1977 Ferrario foi nomeado bispo auxiliar de Honolulu e bispo titular de Cusae polo papa Paulo VI. Recibiu a consagración episcopal o 13 de xaneiro de 1978 de mans do bispo de Honolulu John Joseph Scanlan, e tivo como co-consagradores principais ao arcebispo de San Francisco John Raphael Quinn e ao bispo auxiliar de Scranton James Clifford Timlin.

O 13 de maio de 1982 foi nomeado bispo de Honolulu. Durante o seu pontificado levou a cabo programas de axuda aos pobres, acolleu abertamente aos homosexuais na Igrexa, e participou dunha comisión gobernamental para a loita contra o SIDA. Erixiu tamén dúas novas parroquias, en Makakilo e Waipio, e pechou a fase diocesana do proceso de beatificación de santa Mariana Cope.

Como bispo tivo enfrontamentos con fieis vencellados á Fraternidade Sacerdotal San Pío X: en 1991 excomungou seis fieis laicos da FSSPX entre outros motivos por buscar que o bispo Richard Williamson confirmase os seus fillos, acusándoos de facer un "acto cismático". Os fieis apelaron á Santa Sé, e o prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe Joseph Ratzinger en resposta do 4 de xuño de 1993 declarou a excomuñón nula ao non considerar que os fieis non podían ser cualificados como cismáticos. Outros enfrontamentos con fieis católicos de orientación tradicional da súa diocese estiveron relacionados co seu apoio aos dereitos homosexuais, co seu impulso a reformas litúrxicas na súa diocese (foi, por exemplo, o primeiro bispo estadounidense en pedir a Santa Sé permiso para celebrar funerais coa presenza dos restos da cremación), coa súa actitude respecto aos sacerdotes "ortodoxos" (unha das súas primeiras medidas ao ser nomeado bispo foi a de retirar a unha decena de sacerdotes, entre eles a Francis A. Marzen, editor do Hawaii Catholic Herald) etc.

Retirouse o 12 de outubro de 1993, logo dunha operación cardíaca. Logo de se retirar, continuou a traballar a prol da educación, axudando en conseguir fondos para bolsas de estudos nas escolas católicas e como vicepresidente da Augustine Educational Foundation que creara. Finou o 12 de decembro de 2003 en Honolulu.

Acusacións de abusos sexuais Joseph A. Ferrario foi o primeiro bispo acusado de abuso sexual a menores (sexual misconduct), inicialmente en 1989 durante unha reunión da Conferencia dos Bispos Católicos dos Estados Unidos en Baltimore. Figueroa afirmaba que, cando tiña 15 anos, a mediados da década de 1970, o entón sacerdote Ferrario lle ofrecera cartos a cambio de relacións sexuais, e que isto se mantivera ao longo do tempo. En agosto de 1991 os avogados da suposta vítima, David Figueroa, presentaron unha demanda federal contra o bispo. A demanda foi, porén, desestimada ao ter prescrito os supostos delitos atribuídos ao bispo, quen sempre se declarou inocente dos feitos, e lle foron retirados os cargos.

Figueroa finou de SIDA en 1995, mais ao longo dos anos saíron novas acusacións. Nunha demanda presentada en abril de 2016, o avogado presentou un informe que afirmaba que Ferrario xa fora acusado de abusos sexuais antes de ser elixido bispo.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en Catholic-Hierarchy.org Perfil na páxina web oficial da Diocese de Honolulu

Categoría:Nados en 1926 Categoría:Nados en Scranton, Pensilvania Categoría:Finados en 2003 Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Sulpicianos Categoría:Relixiosos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Alumnos da Universidade Católica de América