Stephen Crane, nado en Newark, Nova Jersey, o 1 de novembro de 1871 e finado en Badenweiler o 5 de xuño de 1900, foi un xornalista, escritor e poeta estadounidense. Prolífico durante a súa relativamente curta vida, escribiu obras notables na tradición realista así coma exemplos temperáns de naturalismo e impresionismo estadounidense. A crítica moderna recoñeceuno coma un dos escritores máis innovadores da súa xeración.

O noveno fillo sobrevivente nunha familia de protestantes metodistas, Crane comezou a escribir relatos cando tiña catro anos e xa publicara varios artigos a idade de 16 anos. Amosando pouco interese nos estudos universitarios, deixou a universidade no ano 1891 para traballar coma xornalista e escritor. A súa primeira novela publicada foi un relato de 1893 sobre o Bowery titulado Maggie: A Girl of the Streets, xeralmente considerado pola crítica coma a primeira obra literaria do naturalismo estadounidense. Acadou a aclamación internacional en 1895 pola súa novela sobre a guerra civil estadounidense The Red Badge of Courage, que escribiu sen ter ningunha experiencia en combate.

En 1896 Crane viuse envolto nun escándalo público de moita sona tras comparecer coma testemuña no xuízo dunha suposta prostituta, unha coñecida del chamada Dora Clark. Posteriormente nese mesmo ano aceptou unha oferta de traballo para viaxar a Cuba como correspondente de guerra. Mentres esperaba pola pasaxe en Jacksonville, Florida, coñeceu a Cora Taylor, comezando unha relación con ela. De camiño a Cuba o navío no que viaxaba, o SS Commodore, afundiuse fronte a costa de Florida, deixándoo a el e outros pasaxeiros á deriva nun bote durante unhas 30 horas. Crane describiu esta experiencia no seu relato "O bote"Publicado no compilatorio Contos do mar (TrisTram, 1997) (orix. "The Open Boat"). Durante os últimos anos da súa vida foi correspondente na guerra greco-turca acompañado por Cora, recoñecida como a primeira muller correspondente de guerra, e posteriormente a parella trasladouse a vivir en Inglaterra, onde trabou amizade con outros escritores coma Joseph Conrad e H. G. Wells. Perseguido polas dificultades económicas e problemas de saúde, Crane faleceu por mor dunha tuberculose nun sanatorio da Selva Negra en Alemaña á idade de 28 anos.

No momento da súa morte Crane estaba considerado coma unha figura importante na literatura estadounidense. Tras ser case esquecido durante dúas décadas, a crítica reviviu o interese na súa vida e na súa obra. A escrita de Crane caracterizouse por posuír unha vívida intensidade, dialectos distintivos e ironía. As temáticas habitualmente tratadas por Crane inclúen o medo, as crises espirituais e o illamento social. Malia estar recoñecido principalmente por A insignia vermella do valorTraducida por Laura Sáez e publicada na Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego., considerado un clásico da literatura estadounidense, tamén se coñece a Crane pola súa poesía, obra xornalística e relatos curtos coma "The Open Boat", "The Blue Hotel", "The Bride Comes to Yellow Sky" e O monstroTraducida por Iago Nicolás Ballesteros e publicada por Editorial Hugin e Munin en 2022.. A súa obra deixou unha profunda impresión en varios escritores do século XX, entre eles Ernest Hemingway, e considérase que serviu de inspiración para os modernistas e imaxistas.

O seu relato "Unha ilusión vermella e branca", contido na compilación de relatos O relato policial. De Poe a Conan Doyle (Ir Indo, 1997), foi traducido á lingua galega por Carme VillánAnuario de Estudios Literarios Galegos, 1997, Editorial Galaxia e Fundación Caixagalicia. .

Traxectoria Primeiros anos Stephen Crane naceu o 1 de novembro de 1871 en Newark, Nova Jersey, fillo de Jonathan Townley Crane, pastor da igrexa episcopal metodista, e Mary Helen Peck Crane, filla do crego George Peck. Foi o décimo cuarto e último fillo da parella. Ós 45 anos de idade, Helen Crane sufrira a morte temperá dos seus catro fillos previos, todos deles falecidos ó ano de nacer. Alcumado "Stevie" pola súa familia, os seus oito irmáns sobreviventes eran Mary Helen, George Peck, Jonathan Townley, William Howe, Agnes Elizabeth, Edmund Byran, Wilbur Fiske, e Luther.

A familia Crane descendía de Jaspar Crane, un dos fundadores da Colonia de New Haven, que emigrara dende Inglaterra no ano 1639. Stephen recibiu o seu nome dun dos fundadores putativos de Elizabethtown, Nova Jersey, quen segundo a tradición familiar chegara dende Inglaterra ou Gales no ano 1665, así como polo seu bisavó Stephen Crane (1709–1780), un patriota da guerra revolucionaria que servira como delegado de Nova Jersey no Primeiro Congreso Continental en Filadelfia. Nun escrito posterior de Crane describiu o seu pai, o Dr. Crane, coma "un home simple, bo e de gran mente" que escribira numerosos folletos sobre teoloxía. Malia que a súa nai era unha portavoz popular da Woman's Christian Temperance Union e unha muller moi relixiosa, Crane escribiu que non cría que "ela fora tan limitada coma moitos dos seus amigos ou familia". A Stephen criouno principalmente a súa irmá Agnes, 15 anos maior ca el. A familia trasladouse a Port Jervis, Nova York, no ano 1876, onde o Dr. Crane converteuse no pastor da igrexa metodista Drew, posición que mantivo ata a súa morte.

Na súa infancia Stephen tivo problemas de saúde frecuentes e sufría arrefriados constantes. Cando case tiña dous anos de idade o seu pai escribiu no seu diario que o seu fillo máis novo puxérase "tan enfermo que estamos preocupados por el". Malia a súa fráxil natureza, Crane era un neno intelixente que aprendeu só a ler antes de cumprir os catro anos. Segundo o seu pai a súa primeira inquietude neste aspecto foi ós tres anos de idade, mentres imitaba a escrita do seu irmán Townley, cando lle preguntou a súa nai "como se deletrea a O?" En decembro de 1879 Crane escribiu un poema sobre o desexo de que lle regalasen un can polo Nadal. Titulado "I'd Rather Have –", é o primeiro poema sobrevivente que se coñece del. Stephen non comezou a asistir de forma regular á escola ata xaneiro de 1880, pero non tivo dificultades para completar dous cursos en seis semanas. Rememorando este feito, escribiu posteriormente que "sona coma a mentira dunha nai nun té benéfico, pero recordo que me adiantei moi rápido e que o meu pai estaba moi satisfeito comigo".

O seu pai faleceu o 16 de febreiro de 1880, ós 60 anos de idade, cando Stephen tiña oito. Ó seu funeral asistiron unhas 1 400 persoas, máis do dobre ca súa propia congregación. Trala morte do seu marido, a señora Crane trasladouse a vivir a Roseville, preto de Newark, deixando a Stephen ó coidado do seu irmán máis vello Edmund, con quen viviu xunto a uns primos en Sussex County. Posteriormente mudouse a vivir co seu irmán William en Port Jervis, avogado de profesión, onde residiu durante varios anos. A súa irmá Helen levouno con ela a Asbury Park a vivir co seu irmán Townley e a muller deste, Fannie. Townley era xornalista de profesión, director do departamento de Long Branch para o New-York Tribune e Associated Press, ademais de servir coma editor do Asbury Park Shore Press. Agnes, outra das súas irmás, trasladouse con eles e comezou a traballar na escola de Asbury Park ademais de asumir o coidado de Stephen. Nun par de anos a familia Crane sufriu máis perdas. Primeiro Townley e Fannie perderon os seus dous fillos menores. A propia Fannie faleceu a causa da enfermidade de Bright en novembro de 1883, mentres que Agnes Crane caeu enferma e faleceu o 10 de xuño de 1884 á idade de 28 anos, a causa dunha meninxite.

Educación Crane escribiu o seu primeiro relato do que se ten constancia cando tiña 14 anos de idade, titulado "Uncle Jake and the Bell Handle". A finais de 1885 enrolouse no Pennington Seminary, un internado a uns 11 km ó norte de Trenton, do que o seu pai fora director dende 1849 ata 1858. Pouco despois de comezar neste internado, a súa nai sufriu un colapso nervioso, o que o Asbury Park Shore Press cualificou de "unha aberración temporal da mente". Aparentemente recuperada a comezos de 1886, a finais dese mesmo ano o seu outro fillo Luther Crane, de 23 anos de idade, faleceu tras caer diante dun tren mentres traballaba coma controlador de tráfico para Erie Railroad.

miniatura|left|upright|O cadete Crane en uniforme ós 17 anos Tras dous anos Crane deixou Pennington e trasladouse a Claverack College, unha escola de corte militar. Rememorando posteriormente o tempo que pasou en Claverack, cualificouno coma "o período máis feliz da miña vida malia que non me decatara del". Un dos seus compañeiros de clase recordábao como un estudante moi culto pero errático, con sorte de aprobar os exames de matemáticas e ciencias, e aínda así "avanzado moi lonxe dos seus compañeiros estudantes no seu coñecemento da Historia e Literatura", as que consideraba as súas materias favoritas. Malia obter un moi bo rexistro no campo de adestramento e no campo de béisbol, polo xeral Crane non sobresaíu nos estudos. Ó non ter un segundo nome, algo habitual entre os outros estudantes, adoptou a sinatura de "Stephen T. Crane" para "gañarse o recoñecemento coma un compañeiro máis". Crane estaba considerado un mozo amigable, pero tamén malhumorado e rebelde. Saltábase clases en ocasións para xogar ó béisbol, destacando neste deporte na posición de catcher. Tamén amosaba un grande interese no programa de adestramento militar da escola, escalando con rapidez nos rangos do batallón de estudantes. Un dos seus compañeiros describiuno coma "fisicamente atractivo sen ser guapo", mais tiña un carácter distante e reservado e non foi alguén popular en Claverack. Malia a súa debilidade académica, a experiencia que conseguiu en Claverlack e as anécdotas dos empregados veteranos da guerra civil que traballaban alí serviríanlle posteriormente á hora de escribir The Red Badge of Courage.

A mediados de 1888 Crane comezou a traballar como axudante do seu irmán Townley nunha axencia de novas de Nova Jersey, continuando este traballo tódolos veráns ata o ano 1892. A súa primeira publicación baixo a súa sinatura propia foi un artigo sobre a viaxe do explorador Henry M. Stanley na procura do misioneiro escocés David Livingstone en África, que se publicou na tirada de febreiro de 1890 de Vidette, no Claverack College. Ós poucos meses a súa familia convenceuno de que non optase por unha carreira militar e que se mudase ó Lafayette College en Easton, Pensilvania, para estudar unha carreira de enxeñaría de minas. Rexistrouse en Lafayette o 12 de setembro, involucrándose rapidamente en actividades extracurriculares. Volveu xogar ó béisbol e uniuse á fraternidade máis grande, Delta Épsilon, ademais de unirse a dúas sociedades literarias rivais entre elas, Washington e Franklin. Crane adoitaba non asistir ás clases e finalizou o semestre aprobando catro dos sete cursos que tomara.

miniatura|dereita|250px|Stephen Crane (primeira fila, centro) cos seus compañeiros de béisbol na Universidade de Syracuse, 1891. Pasado o semestre Crane trasladouse á Universidade de Syracuse, enrolándose coma candidato non graduado na Escola de Artes Liberais. Aloxouse na casa da fraternidade Delta Épsilon e uniuse ó equipo de béisbol da universidade. Só asistiu á clase de literatura inglesa no segundo trimestre, e mantívose en residencia sen tomar ningún curso no terceiro semestre. Concentrándose na súa escrita, comezou a experimentar co ton e estilo mentres que probaba con varios temas. Publicou o relato de ficción "Great Bugs of Onondaga" de forma simultánea no Syracuse Daily Standard e no New York Tribune. Declarando a universidade coma "unha perda de tempo", Crane decidiu converterse nun escritor e xornalista a tempo completo. Asistiu a unha última reunión da fraternidade o 12 de xuño de 1891, tralo que deixou finalmente a universidade por completo.

Escritor a tempo completo