A Asociación Irimia é unha congregación civil de carácter cristián-galeguista con financiamento privada. Foi creada en 1979, e ten a súa sede en Santiago de Compostela. Naceu co propósito de reflexionar sobre a Igrexa galega despois do Concilio Vaticano II, ten como obxectivo unir a fe cristiá e a tradición galega, a relixiosidade e as crenzas tradicionais.

Historia A idea da creación desta asociación comezou a xestarse durante unha xuntanza postconciliar na que os alí presentes comentaron a situación que estaba a vivir a Igrexa en Galicia. A decisión final de crear dita asociación aconteceu na primeira romaxe no Pedregal de Irimia (no nacemento do río Miño). A asociación foi rexistrada co nome de Asociación Irimia no Ministerio do Interior o 2 de agosto de 1979. O 21 de outubro de 1979, a asociación conta xa coa primeira directiva e a participación de 23 socios. En 2015 tiña 158 socios rexistrados.

Entre as súas actividades está a publicación da revista Irimia e da colección Angueira sobre temas da Igrexa e a Galeguidade, e no seu momento tamén se encargaron da publicación da revista Encrucillada cando esta tivo problemas editoriais e mentres non se resolvían. Organizan a Romaxe de Crentes Galeg@s xunto cunha acampanada previa que se celebra dende 1978 o segundo sábado de setembro en distintos puntos de Galicia. Desenvolven tamén xuntanzas de reflexión e diálogo, encontros de verán e a Festa do Lume, de carácter anual na que participan tanto socios como directivos, e na que ten lugar un intercambio de ideas sobre fe cristiá e sociedade, así como a asemblea da asociación e unha celebración da eucaristía. Crearon a Escola Alento de Formadores para o Tempo Libre, hoxe desvancellada de Irimia, e o servizo litúrxico Remol, un blog que publica semanalmente textos e imaxes de carácter litúrxico integramente en galego. A idea comezou en 2002 como un servizo de correo electrónico que enviaba estes textos e imaxes aos socios que así o solicitaran.

No ano 1996 recibiron o XIX Premio da Crítica de Galicia na sección de Iniciativas culturais. No ano 2003 recibiron o Premio Leixaprén para a defensa da lingua galega.

Publicacións A revista Irimia, subtitulada "Semanario de crentes galegos", xurdiu en Vilalba en 1981. Tivo periocidade semanal ata o 28 de decembro de 1986. A partir deste momento, medrou en formato e pasou a publicarse cada quince días. Entre as súas seccións están "Falando con xeito", coordinada por Xesús Ferro Ruibal, e "Biblia popular galega", ao cargo de Xosé Chao Rego.

A colección Angueira foi creada en 1992. Está dedicada á creación e difusión de publicacións monográficas, de entre 60 e 70 páxinas, que tratan como tema principal a Identidade Galega e Cristiá. No ano 2000 aconteceu un cambio tanto na presentación coma na extensión, pasando a ser un libro de máis de 150 páxinas:

1ª Etapa: Camiñando a Compostela (Xosé Chao Rego) ¿A onde vai a Igrexa? (Xosé Chao Rego) Cristiáns e galeguistas (Victorino Pérez Prieto) Temos carta de Deus (Xosé Antón Miguélez Días) ¿Porque nos sentimos culpables? (Xosé Chao Rego) O inferno a revisión (Andrés Torres Queiruga) ¡Boas noticias, Leni! (Emilio González Avión, Terexa Lego Regal e Rubén Rivas Vidal) Camiño verde: Ecoloxía e Creación (Xosé Chao Rego) ¿Espadas ou arados? Insubmisos cristiáns (Andrés Hernández Mouriño) Deus tenvos moita gracia (Xosé Chao Rego)

2ª Etapa A palabra fai camiño (Xesús Ferro Ruibal, Daniel López Muñóz) Cousas de veneranda (Xosé Antón Miguélez Díaz) Roxelio Subiela Ledo. A gracia dun home de aldea (Manuel Regal Ledo) Temos carta de Deus (Xosé Antón Miguélez Díaz)

Outras publicacións: A Romaxe de Crentes Galegos. De Irimia a Santa Margarida (1978-1997) (Victorino Pérez Prieto)

Véxase tamén Bibliografía (2010): "Pérez Prieto, Victorino". En Dicionario biográfico de Galicia (3, 96) Vigo: Ir Indo. (2010): "Chao Rego, Xosé". En Dicionario biográfico de Galicia (1, 251) Vigo: Ir Indo. (1999): "Pérez Prieto, Victorino". En Enciclopedia Galega Universal (13, 370) Vigo: Ir Indo. (1999): "Chao Rego, Xosé". En Enciclopedia Galega Universal (5, 253) Vigo: Ir Indo "A entidade lucense Irimia recibe o Premio Leixaprén en A Picota", artigo de en La Voz de Galicia, 3/6/2003.

Outros artigos Encrucillada Ligazóns externas http://asociacion-irimia.org/ https://irimegos.wordpress.com/ http://remoldapalabra.blogspot.com.es/

Irimia Categoría:Organizacións católicas de España Categoría:Premio Xoán Manuel Pintos