Eliezer Otílio Setton, nado en Maceió o 21 de xaneiro de 1957, é un cantante e compositor brasileiro de forró.

Traxectoria Fillo de Salomão Setton Neto, que foi Rei Momo no carnaval de Maceió durante 19 anos consecutivos, e de Terezinha Otílio Setton, Eliezer Setton comezou a compor en 1976 e o ano seguinte participou no seu primeiro festival de música, o que resultou na súa primeira gravación, Desesperança, e a entrada no xa existente Grupo Terra, un fito da cultura alagoana de finais da década de 1970 e o inicio da de 1980.

En 1983, despois de distinguirse no IV Festival Universitario de Música, promovido polo Directorio Central Estudantil da Universidade Federal de Alagoas, conquistando o segundo e terceiro posto como compositor, alén do premio ao mellor intérprete, aventurouse como músico nocturno actuando en Maceió, São Paulo (1984) e Río de Xaneiro (1985-1989), facendo o tradicional voz e violón. De volta a Maceió, en 1989, continuou actuando en festivais, culminando coa participación no Canta Nordeste (transmitido en directo pola Rede Globo para toda a rexión), quedando finalista en 1994 e 1995 coas cancións Serra Pau e Quem dera que sesse, respectivamente.

Compositor ecléctico, é na música nordestina onde máis se distinguiu. Da colaboración con Pedro Sertanejo, pai de Oswaldinho do Acordeon, xurdiu Campo Formoso, gravado por Eliezer nun disco de Pedro Sertanejo, en 1982. Da colaboración con Oswaldinho do Acordeon, naceu, entre outras, Na hora H, canción que Elba Ramalho gravou en 1992 e presentou para o VI Premio SHARP. Elizer converteuse nun dos referentes do forró e numerosos intérpretes gravaron os seus temas.

En 2009, Eliezer amplía o seu abano de xéneros e grava o CD "Brasil - Hinos à Paisana", cun repertorio que atinxe dez dos máis representativos himnos do cancioneiro cívico brasileiro.

En 2011, Eliezer volta ao forró co CD "O Quelso", que presenta unha versión da popular "My way", co título "Bem a meu jeito".

Discografía 1996: Cio do Grão 1998: Das Coisas da Minha Terra 2000: Ventos do Nordeste 2003: Oração do Forró 2004: O Carnaval Alagoano de Eliezer Setton 2005: Amores do Meu Forró 2009: Brasil - Hinos à Paisana 2010: Alagoaníssimo 2011: O Quelso

Notas Ligazóns externas Dicionario Cravo Albin da Música Popular Brasileira Luciano Pires- Café Brasil

Categoría:Nados en 1957 Categoría:Compositores do Brasil Categoría:Cantantes do Brasil Categoría:Nados no Brasil