A pediculose da cabeza (chamada oficialmente no CIE10 pediculose debida a Pediculus humanus capitisCIE10. Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. B85.0 e infestación da cabeza debida a piollos), tamén chamada pediculosis capitis, é a infestación dos cabelos e coiro cabeludo polo piollo da cabeza (Pediculus humanus capitis). O seu síntoma máis común é o proído debido ás picaduras que fai o piollo para alimentarse de sangue humano. Durante a primeira infección dunha persoa, o proído pode tardar en aparecer ata seis semanas. Se a persoa é infestada de novo, os síntomas empezan moito máis rapidamente. O proído pode causar problemas para durmir. Porén, xeralmente esta pediculose non é un problema grave. O piollo da cabeza, a diferenza do piollo do corpo, non transmite outras doenzas, polo menos en Europa.

O piollo da cabeza transmítese por contacto directo co cabelo doutra persoa infectada. A causa das infestacións polo piollo da cabeza non está relacionada coa falta de hixiene. Outros animais, como cans e gatos non interveñen na transmisión. O piollo da cabeza aliméntase só de sangue humano e só pode sobrevivir no cabelo humano. Cando chegan a adultos miden 2 ou 3 mm de longo. Cando non está adherido ao cabelo humano, só pode sobrevifir uns dous ou tres días. Os humanos tamén poden ser infectados polo piollo do corpo e o piollo pato, que orixinan outras variedades de pediculose. Para facer a diagnose , deben encontrarse piollos vivos no pelo. O uso dun peite especial é de grande axuda para a detección. A presenza de ovos (lendias) baleiras non é suficiente para diagnosticar esta pediculose.

Entre os posibles tratamentos están: peitear o pelo frecuentemente cun peite de dentes finos ou afeitar a cabeza completamente, usar varios medicamentos tópicos, como malatión, ivermectina, e dimeticona. A dimeticona, que é un aceite de silicona, ten un baixo risco de efectos secundarios. Os piretroides como a permetrina tamén se teñen usado moito; porén, fixéronse menos efectivos debido á aparición de resistencias. Hai poucas probas sobre a efectividade de medicinas alternativas.

As infestacións polo piollo da cabeza son comúns, especialmente en nenos. En Europa, segundo algunhas estimacións afectan do 1 ao 20% de diferentes grupos de persoas estudados. Nos Estados Unidos entre 6 e 12 millóns de nenos inféstanse cada ano. É máis común en nenas. Suxeriuse que historicamente, a infestación polo piollo da cabeza podía ser beneficiosa, xa que protexía contra o máis perigoso piollo do corpo. Ás veces, as infestacións poden estigmatizar á persoa afectada, sen unha razón lóxica.

Signos e síntomas miniatura|Macho adulto (esquerda) e femia (dereita) de piollo da cabeza. A infestación por piollos da cabeza é xeralmente desagradable, pero tipicamente non constitúe unha condición grave. Os síntomas máis comúns son proído na cabeza, que empeora ao avanzar a infestación. A reacción ás picaduras é moi suave, e é moi difícil velas entre os cabelos (poden verse as picaduras na zona da caluga se se apartan os cabelos de persoas con pelo longo, como se ve na foto). É raro que se produza inchamento dos ganglios linfáticos e febre. Rañarse pode causar feridas na pel e infeccións bacterianas.

Transmisión Os piollo non voan (non teñen ás) e non poden saltar. Andan moi mal sobre superficies planas, pero gabean con rapidez polos pelos. Tampouco nadan nin se enterran na pel. A causa da infestación non está relacionada coa hixiene ou limpeza do cabelo. Tampouco está relacionado con ter o cabelo longo nin coa frecuencia con que se cepilla. A forma máis común de transmisión, con gran diferenza, é o contacto directo entre as cabezas, e é máis raro que se produza por contacto con roupas ou obxectos. Pódense resumir as causas de transmisión así: Contacto directo entre as cabezas dunha persoa e doutra persoa infestada. Os piollos poden moverse rapidamente polos cabelos e pasan dunha cabeza a outra. Esta é a forma normal de transmisión. Para que haxa transmisión debe haber piollos vivos. As lendias non transmiten a infestación dunha persoa a outra, xa que se unha lendia se despega do pelo, xa non pode volver a pegarse a outro pelo, porque non ten o pegamento que segrega a femia no momento da posta (aínda que a presenza de lendias viables adheridas nunha persoa indica nesa persoa unha infestación; pero non se transmite por lendias). Os contactos entre cabezas son frecuentes entre nenos durante os seus xogos e relacións sociais, ou tamén entre familiares e nenos pequenos durante o seu coidado, xogos, apertas etc. Poñerse roupa infestada, como sombreiros, gorras, bufandas, abrigos, uniformes deportivos, fitas para o cabelo etc. Pero, como se dixo, estas deben conter piollos vivos. É unha forma de transmisión pouco común comparada co contacto directo cabeza con cabeza. Utilizar peites ou toallas infestados. Os peites, cepillos ou toallas que conteñan piollos vivos poden transmitir a pediculose. Pouco común. Utilizar unha cama, na que están infestados con piollos vivos o colchón, sabas, almofada. Tamén un peluxe ou alfombras que estivesen recentemente en contacto cunha persoa infestada. Tamén compartir armario. Pouco común.

En Etiopía detectouse en certos casos que o piollo da cabeza contiña bacterias causantes do tifo exantemático e da febre das trincheiras, pero non quedou demostrado que o piollo da cabeza as transmitise (o piollo do corpo si pode). En Europa non se detectaron casos similares.

Diagnose miniatura|Peite especial para piollos usado para o diagnóstico e tratamento, aplicado no cabelo húmido e con acondicionador. Na escuma que arrastra o peite poden verse os piollos que poida haber. Esta condición diagnostícase cando se encontran piollos vivos no cabelo. Non é suficiente para o diagnóstico atopar ovos baleiros. É útil utilizar unha lupa para examinar os cabelos e o coiro cabeludo ou usar un peite especial para peitear os cabelos. Con frecuencia esta condición é sobrediagnosticada, xa que as manifestacións xa extintas poden tomarse por erro como activas. Como resultado, utilízanse con certa frecuencia tratamentos para matar piollos en nenos non infestados. O uso dun peite especial de dentes finos é a forma máis efectiva de detectar os piollos. Debe prestarse especial atención no exame da área da caluga e preto das orellas. O peite pode despois ser examinado a simple vista ou cunha lupa. Os piollos miden xeralmente 2 ou 3 mm.

A presenza só de lendias, pero non de piollos vivos non é un indicador adecuado dunha infestación activa de piollos. Xeralmente, poden atoparse ovos brancos ou baleiros, cando, en realidade, só os ovos (lendias) pardos conteñen larvas viables. Unha forma de determinar o tipo de lendia é aplastalo entre dúas uñas dos dedos e ver se produce un son característico cando o ovo explota. Os nenos nos que se detectan lendias no seu cabelo teñen unha probabilidade do 35–40% de estar infestados con lendias vivas; o resto teñen lendias non viables. Se se detectan piollos nun neno, tamén debería revisarse toda a familia usando o peite, e só os que teñan piollos vivos deberíasn ser tratados. En caso de non se detectaren piollos vivos, o neno debe considerarse negativo para a infestación, o que evita tratamentos innecesarios.

Prevención O exame da cabeza dos nenos en intervalos regulares usando un peite para piollos permite a diagnose de infestación por piollos en etapas temperás. O diagnóstico temperán fai que o tratamento sexa máis doado e reduce a posibilidade de infestar a outros. Son necesarios exames adicionais se o neno estivo en contacto con individuos infestados ou se se raña con frecuencia na cabeza.

As roupas e obxectos de aseo que estiveron en contacto cun individuo infestado, poden ser desinfectados deixándoos no exterior polo menos dúas semanas ou lavándoos a 60 °C durante 30 minutos.Kidshealth.org – Head lice, page-3 Os piollos adultos poden sobrevivir só uns dous días sen comer sangue e dependen moito da calor corporal humana.University of Florida Dept of Entomology Circular 175 Non é necesario tratar con insecticidas a casa ou os mobles.

Tratamento Hai varios tratamentos efectivos para a pediculose da cabeza. Entre estes métodos están o uso de peites especiais, afeitado da cabeza, pomadas médicas, e a aplicación de aire quente. As pomadas medicinais normalmente requiren dous tratamentos separados unha semana. Ter piollos da cabeza non é xustificación para que os nenos queden en casa sen ir á escola, xa que o risco de transmisión é baixo.

Medidas mecánicas O afeitado da cabeza pode servir para tratar eficazmente a infestación por estes piollos. O peiteado dos cabelos húmidos varias veces ao día durante unhas poucas semanas pode tamén servir para librarse da infestación na metade dos casos. Isto require o uso dun peite especial con dentes extrafinos. Este método está recomendado en nenos pequenos e mulleres embarazadas.

Aire quente Outro tratamento é o uso de aire quente aplicado cun secador de pelo.

Medicacións Hai moitas medicacións que poden matar os piollos. A dimeticona é efectiva entre o 70 e o 97% dos casos e ten poucos efectos secundarios, e é un dos tratamentos preferidos. Funciona por mecanismos físicos e non hai evidencias de resistencias. A ivermectina ten unha efectividade do 80%, pero pode causar irritacións locais na pel. O malatión ten unha efectividade de arredor do 90%, pero hai a posibilidade de toxicidade. Os piretroides como a permetrina, aínda que son moi usados, teñen unha efectividade baixa debido á resistencia que adquiriron os piollos, e a súa efectividade varía do 10 ao 80%, dependendo da poboación estudada. As medicacións en locións parecen funcionar mellor que en champú.

Medicina alternativa Promoveuse o aceite da árbore do té como tratamento para o piollo da cabeza; porén, hai un desacordo sobre a súa efectividade. Unha "revisión" de 2012 sobre o tratamento do piollo da cabeza recomendaba non usar o aceite da árbore do té cos nenos porque podía causar irritación na pel ou reaccións alérxicas, debido a contraindicacións, e á falta de coñecemento sobre a súa seguridade e grao de efectividade. Outros remedios caseiros como aplicar vinagre, alcohol isopropílico, aceite de oliva, maionesa, ou manteiga fundida baixo unha gorra de ducha, non se recomendan. O CDC dos Estados Unidos afirma que nadar non ten efecto sobre os piollos, e pode facer diminuír a efectividade dalgúns tratamentos.

Medidas no contorno Despois do tratamento, recoméndase lavar todas as roupas de cama e limpar con aspiradora todas as áreas que puidesen estar en contacto coa cabeza, como cadeiras, carapuchas de abrigos, e sofás, pero isto non sempre é necesario, xa que os piollos adultos morren nuns 2 días se non poden comer sangue, e os piollos acabados de nacer morren en cuestión de minutos separados do seu hóspede. Os peites e cepillos poden ser espiollados fervéndoos en auga durante 5 ou 10 minutos. Outros obxectos poden conxelarse durante 24 horas ben por debaixo de 0 °C para asegurarse de que se forman cristais de xeo nas células do piollo.

Epidemioloxía

O número de casos de infestacións por pediculose incrementouse en todo o mundo desde mediados da década de 1960, chegando a cifras de centos de millóns de persoas infestadas ao ano. En Europa estudáronse grupos en distintos países e a incidencia variaba segundo os casos entre o 1 e o 20%.

Malia as melloras nos tratamentos médicos e na prevención de enfermidades humanas realizada durante o século XX, a infestación por piollos da cabeza segue sendo moi prevalente. Por exemplo, en 1997, o 80% das escolas elementais norteamericanas informaron de polo menos un gromo de piollos. A infestación de piollos no mesmo período foi máis prevalente que a da varicela.