BirdLife International é unha organización internacional dedicada á protección das aves e os seus hábitats. Trátase dunha federación de asociacións democráticas e independentes que teñen como obxectivo a conservación e o estudo das aves. Actualmente a rede mundial de BirdLife International ten representantes en máis de 100 países.
BirdLife International fundárona en 1922 os ornitólogos norteamericanos Gilbert Pearson e Jean Théodore Delacour co nome International Council for Bird Preservation (ICBP). Tratábase dun grupo de presión que deixou de actuar despois da segunda guerra mundial. Volveu á actividade en 1983 co nomeamento dun director profesional e cambiou o seu nome en 1993 polo actual de BirdLife International.
Entre os seus Presidentes de Honor están a princesa Takamado do Xapón e a raíña Noor de Xordania.
Os obxectivos de BirdLife International son: Previr a extinción de todas as especies de aves Mellorar o estado de conservación das aves Conservar e mellorar os hábitats das aves do mundo Conservar a través das aves a biodiversidade do planeta e a calidade de vida das persoas.
BirdLife International é membro da Lista Vermella da IUCN e a súa autoridade oficial en materia de aves.
BirdLife realiza cooperacións con máis de catro mil traballadores, dous millóns e medio de socios, dez millóns de seguidores e xestiona máis de 1 millón de hectáreas.
BirdLife International ten programas de traballo conservacionistas nas seguintes partes do mundo, que son descritas como "rexións": África, as dúas Américas, Asia, Europa e Asia central, o Oriente Próximo e o Pacífico.
En cada unha das rexións, BirdLife ten nove programas, algúns dos cales xa están ben establecidos e outros son de implantación máis recente e responden a asuntos específicos sobre a conservación. Ademais dos programas rexionais, hai programas "globais", que non son específicos dunha rexión, os cales axudan ás organizacións membros a traballar en prioridades comúns, proporcionan un marco de planeamento, aplicación e monitorización e avalían o traballo de conservación realizado. Os progamas de BirdLife son: o Programa Mariño e de Aves Mariñas, o Programa de Prevención das Extincións de Birdlife, o Programa de Aves e Rutas Migratorias, o Programa de Cambio Climático, o Programa de Bosques da Esperanza, o Programa de Apoderamento Local, o Programa de Especies Alleas Invasivas e o Programa de Áreas Importantes para a Biodiversidade e as Aves.
BirdLife International publica unha revista chamada World Birdwatch, que contén novas recentes e artigos acreditados sobre aves, os seus hábitats, e a súa conservación arredor do mundo.
Notas
Véxase tamén Outros artigos SEO/Birdlife Área importante para a conservación das aves
Ligazóns externas BirdLife International Home Page
Categoría:Organizacións non gobernamentais Categoría:Ornitoloxía