Diego Osorio de Escobar y Llamas, nado na Coruña en 1608 e finado en Puebla de los Ángeles (México) o 17 de outubro de 1673 foi un relixioso galego, bispo de Puebla (1656-73) e vicerrei interino de Nova España en 1664.

Traxectoria Osorio foi inquisidor e vigairo xeral da diocese de Toledo. Foi membro do clero secular, aínda que moi próximo aos xesuítas. Foi elixido bispo de Puebla pola recomendación do cardeal Baltasar Moscoso y Sandoval.

Asumiu o cargo en 1656 e permaneceu nel ata a súa morte. Construíu o convento da Santísima Trindade, o templo do Oratorio de San Filipe Neri e apresurou a construción da catedral, pagando pola capela e o altar de Nosa Señora de Guadalupe. En 1663 foi nomeado arcebispo de México, mais declinou a oferta co fin de permanecer na cidade de Puebla, aínda que administrou a diocese durante uns meses ata a chegada do novo arcebispo, Alonso de Cuevas Dávalos).

Exerceu o cargo de vicerrei de Nova España durante case catro meses, do 29 de xuño ao 15 de outubro de 1664. Accedeu ao cargo para substituír o vicerrei Juan de Leyva de la Cerda, a quen se lle ordenou volver a España a causa da corrupción. Osorio aceptou o cargo con reticencia e foi un estraño nos asuntos profanos, renunciando ao vicerreinado na primeira oportunidade que dispuxo para regresar á súa diocese na cidade de Puebla.

Durante a súa administración enviou 30 000 pesos a Cuba para a reparación do castelo de Santiago e a reconstrución da cidade, que fora destruída polos ingleses en 1662. Tamén fundou a fábrica de pólvora e enviou parte da produción a Cuba. Tomou medidas para que a Armada de Barlovento se preparase para un ataque na costa do golfo de México e deu diñeiro para a fortificación de Campeche. Tamén reformou o servizo posta (que foi moito máis eficaz) e a comercialización de mercurio e interveu nunha controversia entre os franciscanos e o gobernador do Iucatán.

Despois de renunciar como vicerrei, o bispo Osorio tivo dificultades co seu sucesor, Antonio Sebastián de Toledo e foi recluído na cidade de Tlatlauquitepec ata 1666, cando puido regresar á súa diocese de Puebla. Morreu alí en 1673 e o seu corpo foi enterrado na catedral. Máis tarde trasladouse ao templo da Santísima Trindade, convento el mesmo fundara.

Escritos Alegación Jurídica por los Derechos Decimales de las Santas Iglesias del Noreste. Alegación Canónica por la Dignidad Episcopal Angelopolitana. Jurisdicción Apostólica Delegada y Ordinaria sobre Erección de Monasterios Religiosos.

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Catholic Hierarchy

Categoría:Bispos católicos de México Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1608 Categoría:Finados en 1673 Categoría:Galegos de México Categoría:Vicerreis de Nova España