Luis Carlos de la Peña Arizaga, nado en Éibar (Guipúscoa) o 7 de xaneiro de 1958, é un economista e político galego. Diplomado en ciencias empresariais pola ETEO (na actualidade Universidade de Mondragón), ampliou estudos na facultade de Ciencias Económicas de Santiago de Compostela. É especialista en Economía Urbana pola Universitat Oberta de Catalunya-UOC e experto en Compliance Penal. Ten estudos de Dereito e de Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas pola UNED.
Foi alcalde de Baiona (Pontevedra) entre en 2003 e 2004 e ostentou os cargos de Delegado Autonómico en Galicia da empresa pública Tragsa e Director Xeral de Adif (2010-2012). Foi membro do consello de administración (2010-2013) na empresa pública Suelo Industrial de Galicia (SIGALSA). No eido privado traballou como consultor de empresas e das administracións públicas en cumprimento normativo e aplicación de códigos éticos. Na actualidade está xubilado.
Traxectoria Cursou estudos de bacharelato en Éibar e diplomouse en Ciencias Empresariais na Escola de Técnica Empresarial de Oñate (ETEO), na actualidade Universidade de Mondragón e licenciouse na Facultade de Económicas en Santiago de Compostela. Foi elixido como delegado de curso sen interrupción dende o bacharelato ata o final dos estudos universitarios. Membro electo, na Plataforma de Estudantes Progresistas, do primeiro claustro democrático da Universidade de Santiago, colaborou no equipo do reitor Carlos Pajares Vales dende o Vicerreitorado de Estudantes.
En 1984, afiliouse ao PSdeG-PSOE e foi nomeado Secretario de Estudos e Programas na executiva local e comarcal da agrupación de Compostela (1984-1986). Foi asesor na área de economía do Grupo Parlamentario do PSdeG no Parlamento de Galicia, coordinador do programa electoral e nomeado para a executiva galega no congreso de Santiago, a finais da década dos oitenta. Entre 1987 e 1989 foi asesor de Antolín Sánchez Presedo na Consellería de Obras Públicas da Xunta de Galicia.
Entre 1989 e 2000 desenvolveu unha carreira profesional no ámbito da auditoría e asesoría xurídica mercantil. Foi presidente (1998-2002) da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Vicepresidente provincial dos empresarios de hostalaría de Pontevedra (ASEHOSPO) e membro de Patronato Provincial de Turismo de Pontevedra na Deputación provincial.
Durante a presidencia de goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, foi nomeado Delegado Autonómico en Galicia da empresa pública TRAGSA e no 2008 Xerente do mesmo Grupo público. En 2010 é nomeado Director Xeral de Adif (2010-2012). Dende 2012, desenvolve a súa carreira profesional no ámbito da consultoría de empresas e das administracións públicas. Especialista en Economía Urbana pola Universidade Oberta de Catalunya -UOC (2015)-; experto en Prevención de Riscos Penais das Empresas (Compliance Penal) de Thomson Reuters Aranzadi. Ampliou estudos de Grao en Dereito e en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas (UNED) nos anos 2009-2014 e foi membro do Colexio de Economistas da Coruña. Na actualidade pertence á Asociación de Periodistas de Galicia (APG).
Ten impartido clases no mestrado da Función Directiva de Adif na Universidade Politécnica de Madrid (2012) en materia de sistemas de calidade e excelencia EFQM, e na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo en torno á prevención de riscos penais nas empresas (2017-2018).
Colaborou como articulista en Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia, Onda Cero Radio de Vigo e Ourense e como analista no diario La Región. Ten escrito varios libros: El plumaje del tamarindo (2008), Notas de Madrid (2014), Esa manía de ordenar el caos (2015) e Papeles de Loureiral (2019), recollendo as súas colaboracións en Onda Cero Radio de Vigo. En 2021, publicou a monografía El pintor Rafael Alonso en Baiona e en 2023 a recompilación de artigos publicado no volume De un país e El ruido de mis pasos, un percorrido cultural polos territorios entre o Bidasoa e o Miño. O último libro publicado é La belleza sin testigos, 28 perfís da cultura feita en Galicia. Foi presidente fundador da Fundación Miñor, promotor dos ciclos de conferencias "Encontros no Liceo" e membro de diversas asociacións culturais e mesmo solidarias como o Banco de Alimentos de Vigo.
Alcaldía de Baiona Nas eleccións municipais de 2003, presentouse como candidato a alcaldía de Baiona polo PSdeG-PSOE e obtivo cinco concelleiros, sendo o mellor resultado histórico do PSOE na vila, e acadou a alcaldía tras pactar co BNG e os independentes de VIB e despois de Coalición Miñorana (CM), encabezados polo exalcalde Manuel Vilar Márquez. Foi presidente da organización de Municipios de Excelencia Turística da España Verde e asesor, na súa calidade de alcalde, do comité directivo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). En 2005, perdeu o goberno tras saír adiante unha moción de censura presentada polo Partido Popular e o abandono do pacto de goberno do exalcalde Manuel Vilar. De la Peña volveu presentarse ás eleccións en 2007, mais malia aumentar o número d]e votos e de concelleiros non acadou o goberno, polo que presentou a súa dimisión como Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Baiona e renunciou á súa acta de concelleiro.
Pertenceu ao Comité Nacional do PSdeG ata 2017, ano no que abandonou a militancia socialista para continuar sendo un socialdemócrata independente, sempre vencellado á realidade social, económica e política.
No ano 2018 creou o partido político Nós Baiona, progresista independente de ámbito local, que obtivo dous concelleiros nas eleccións municipais de 2019, converténdose na terceira forza máis votada, tralo PSOE e PP. Ese mesmo ano, accedeu ó cargo de tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Organización e RRHH no goberno de coalición entre PSOE, Nós Baiona e BNG."PSOE, Nós y BNG ultiman el acuerdo para gobernar Baiona a tres bandas" Faro de Vigo .
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Baiona Ligazóns externas
Carlos de la Peña: "Yo no sé estar en la oposición, quiero ser parte de las soluciones", entrevista en Faro de Vigo.
Categoría:Nados en 1958 Categoría:Nados en Éibar Categoría:Alcaldes de Baiona Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes