Pioneer 0, denominada tamén como Able 1 e Thor Able 1, foi a denominación informal do primeiro intento de lanzar unha sonda espacial á Lúa por parte dos Estados Unidos de América.

Características Pioneer 0 foi lanzada o 17 de agosto de 1958 mediante un foguete Thor-Able desde a base espacial de Cabo Cañaveral cara a Lúa, pero a primeira fase do foguete (o Thor número 127) estoupou no aire aos 77 segundos da engalaxe, a 16 km de altura e 16 km de distancia da rampla de lanzamento.

A orixe da Pioneer 0, xunto coas súas irmás posteriores Pioneer 1 e Pioneer 2, está na aprobación en 1958 por parte dos Estados Unidos do primeiro plan para exploración lunar que deu lugar a cinco proxectos da Advanced Research Project Agency: tres xestionados pola USAF e dous polo Exército.

A misión orixinal de Pioneer 0 era facer unha viaxe de 2,6 días de duración ata a Lúa e unha vez alí frear e entrar en órbita para facer medicións científicas durante polo menos un par de semanas.

Nave espacial

A estrutura da nave, de fibra de vidro, tiña forma de dous conos truncados unidos pola base mediante un cilindro baixo, cun conxunto de oito pequenos foguetes e unha antena dipolo nun dos extremos e un foguete de 13,3 kN de impulso no outro extremo, baseado no mísil aire-aire Falcon. Este último foguete tiña como misión frear a sonda ao seu paso pola Lúa para entrar na súa órbita. A nave tiña pintado un patrón de bandas brancas e escuras para como control térmico pasivo e a alimentación eléctrica era proporcionada por un conxunto de baterías de níquel-cadmio para a ignición dos foguetes, de prata para a cámara e de mercurio para o resto de sistemas. As transmisións terían lugar na frecuencia de 108,06 MHz para telemetría e medicións Doppler e a recepción de ordes desde a Terra faríase na frecuencia de 115 MHz. A nave estabilizaríase mediante xiro a 1,8 revolucións por segundo. En total, a sonda tiña unha altura de 76 cm, un diámetro de 72,5 cm e un peso de 38,1 kg.

Instrumentos científicos

A nave contaba coa seguinte instrumentación científica, totalizando 11,3 kg de masa:

Unha cámara formada por un espello oscilante para escanear a Lúa e formar unha imaxe iluminando un fotodíodo infravermello de sulfuro de chumbo. Un contador de radiación. Un magnetómetro sinxelo. Un micrófono usado como detector de impactos de meteoritos.

Causas do fallo do lanzamento A investigación do estoupido do foguete Thor levou á conclusión de que a súa orixe estivo probablemente na ruptura dun cano de osíxeno ou de combustible do foguete ou á avaría nalgunha das partes da turbobomba. Ata despois de 123 segundos da explosión seguíronse recibindo sinais de telemetría do satélite e da etapa superior, mentres os restos caían cara ao océano Atlántico.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Satélites artificiais