miniatura|Acceso ao campo. O Campo Municipal de Fútbol das Mariñas - Andrés Pena é un campo de fútbol situado na vila de Sada, o seu propietario é o Concello de Sada e nel xogan os seus partidos como locais o Sporting Sada e o Rayo Sadense, que anteriormente xogaban no Campo da Chaburra. Ten un terreo de xogo de herba artificial desde 2008, anteriormente era de herba natural cunhas dimensións de 100 x 65 metros. Conta cunha bancada cuberta con capacidade para 600 espectadores sentados. En 2015 tiveron lugar as últimas obras de mellora.

Leva como homenaxe, o nome do expresidente e responsábel da refundación do Rayo Sadense, Andrés Pena Martínez, finado en 2011.

Polémica pola súa propiedade En 2008, co gallo das reformas que a Deputación Provincial da Coruña estaba a promover economicamente nos campos de fútbol da provincia, xurdiu unha polémica a tres bandas entre o Concello, Sporting Sada e Rayo Sadense por mor da propiedade das instalacións. Concello e Rayo Sadense pretendían beneficiarse das axudas do ente provincial para mellorar os equipamentos e substituír a superficie de xogo -que entón era de herba natural- por herba sintética, o cal permitiría un uso máis frecuente. Pola súa banda, a directiva do Sporting Sada argumentaba que os terreos eran da súa propiedade e negábanse á substitución do céspede natural pois iso repercutiría negativamente na categoría do campo, do que ademais tiñan prioridade de uso. En declaracións ao Depor Sport, o daquela alcalde de Sada, Abel López Soto, afirmou que efectivamente o club era en orixe o dono do Campo das Mariñas mais en 1985 a titularidade dos terreos tivo que ser transferida ao Concello para se poder acoller a subvencións públicas de mellora. Finalmente, Concello e Rayo Sadense conseguiron sacar adiante a reforma (que chegou a estar suspendida no medio dun proceso xudicial para dirimir os dereitos sobre o mesmo) do campo coa axuda económica da Deputación.

Notas

Mariñas-Andrés Pena Categoría:Deporte en Sada