Pioneer 6, tamén coñecida como Pioneer A, foi unha sonda espacial lanzada o 16 de decembro de 1965 mediante un foguete Delta E desde a base espacial de Cabo Cañaveral para estudar o espazo interplanetario.
Características Pioneer 6 adicouse a estudar o espazo interplanetario xunto coas súas naves xemelas Pioneer 7, Pioneer 8 e Pioneer 9, lanzadas posteriormente. Unha quinta nave, Pioneer E, non chegou á órbita por problemas co foguete lanzador. O obxectivo era estudar os mesmos fenómenos desde distintos puntos do espazo, entre eles estudar os ións positivos e os electróns do vento solar, a densidade interplanetaria de electróns, os raios cósmicos galácticos e solares e o campo magnético interplanetario. As naves considéranse a primeira rede espacial de estudo do tempo espacial, proporcionando datos prácticos sobre o impacto das tormentas solares nas redes de comunicacións e enerxía da Terra.
Nave
Pioneer 6 tiña forma de cilindro do que saían os diversos instrumentos e estabilizábase mediante xiro a unhas 60 r.p.m., co eixo de xiro perpendicular ao plano da eclíptica e apuntando cara ao polo sur. A nave podía configurarse mediante comandos para enviar datos a unha entre cinco velocidades distintas (512, 256, 64, 16 e 8 bps) nun formato entre catro diferentes posibles e funcionando a entre un de catro modos dispoñibles (tempo real, almacenamento de telemetría, almacenamento de recolección de datos e lectura de memoria). No modo de tempo real a nave enviaba datos á Terra segundo ía facendo as medicións científicas, no modo de almacenamento de telemetría a nave enviaba os datos ao tempo que os recolectaba pero ao mesmo tempo os gardaba na memoria de a bordo, no modo almacenamento de recolección de datos gardábanse datos científicos a intervalos de tempo de entre 2 e 17 minutos a elección dos controladores en terra para cubrir períodos de ata 19 horas pola limitación da memoria de a bordo e no modo de lectura de memoria líanse e enviábanse datos á Terra. A enerxía da nave era producida polas células solares que recubrían as paredes do corpo da nave, producindo ata 79 vatios de potencia.
O último contacto que se fixo coa nave tivo lugar o 8 de decembro de 2000 para celebrar os 35 anos do lanzamento da nave e atoparse aínda en funcionamento.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Satélites artificiais