Maximiliano de Austria, nado en Xaén o 13 de novembro de 1555 e finado en Santiago de Compostela o 1 de xullo de 1614, foi un relixioso español pertencente á Casa de Austria que ocupou os cargos de abade de Alcalá la Real, bispo de Cádiz (1596-1601), bispo de Segovia (1601-1603) e arcebispo de Santiago de Compostela (1603-1614).
Traxectoria Foi fillo natural de Leopoldo de Austria (reitor de Salamanca e bispo de Córdoba), que á súa vez era tamén fillo ilexítimo (do emperador Maximiliano I de Habsburgo); polo que Maximiliano estaba emparentado cos reis de España (sobriño de Felipe "o fermoso", primo de Carlos I -ambos xa falecidos ao nacer el- e primo segundo de Filipe II). Foi bautizado na desaparecida parroquia de San Lorenzo da cidade de Xaén, onde se anota que se bautiza a MAXIMILIANO, de pais incógnitos, cuxos compadres foron Francisco Beltrán e a súa muller. Hai unha nota á marxe que di: "O devandito foi consagrado en Xaén por Arcebispo de S. Tiago de Galizia"
Estudou na Universidade de Alcalá de Henares. En 1583 foi nomeado abade de Alcalá la Real, e en 1596 promovido por Filipe II como bispo de Cádiz en sucesión a Antonio Zapata y Cisneros, onde facilitou importantes esmolas aos damnificados da toma e saqueo de Cádiz de 1596. Foi trasladado á Diocese de Segovia, tomando posesión da mesma o 8 de febreiro de 1602. Durante o seu goberno faleceu no convento das Descalzas Reais de Madrid a infanta dona María de Austria e Avis, por quen o novo bispo celebrou exequias na catedral de Segovia. Abandonou a diocese cando foi trasladado á de Santiago de Compostela, onde finalmente faleceu a principios de 1614.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Historia de la insigne ciudad de Segovia y compendio de las historias de Castilla de Diego de Colmenares (1637), capítulo XLVII. Gómez Bravo, Juan (1778). Catálogo de los Obispos de Córdoba y Breve noticia histórica de su Iglesia Catedral y Obispado Córdoba: imprenta de Juan Rodríguez. Ligazóns externas Catholic-hierarchy. «Archbishop Maximiliano de Austria †» Consultado o 5 de outubro de 2010.
Categoría:Arcebispos e bispos de Compostela - Iria Categoría:Finados en 1614 Categoría:Nados en 1555 Categoría:Nados en Xaén Categoría:Bispos católicos do século XVI Categoría:Bispos católicos do século XVII Categoría:Arcebispos da Igrexa católica latina Categoría:Arcebispos católicos de España