O Kunlun Red Star (en chinés simplificado: 昆仑鸿星, en chinés tradicional: 崑崙鴻星, pinyin: Kūnlún Hóngxīng) é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Pequín, China. Fundado en 2016, o club uniuse á Kontinental Hockey League (KHL) antes do inicio da tempada 2016–17. A pesar de ter a súa sede en Pequín, o Kunlun Red Star xoga temporalmente desde 2020 no Mytishchi Arena, situado ás aforas de Moscova, debido ás restricións de viaxe derivadas da pandemia de COVID-19. Unha vez finalizadas as restriccións, o club mudarase ao Shougang Ice Hockey Arena, recinto con capacidade para 18 000 espectadores, contruído para os Xogos Olímpicos de Inverno de Pequín 2022.
Historia En marzo de 2016, o club chinés e a KHL asinaron un protocolo de intención para que un equipo con base na China entrara na KHL. O protocolo foi asinado polo representante da Fedración Rusa de Hóckey sobre Xeo Vladislav Tretiak, o presidente do Consello de Administración da KHL Gennady Timchenko e a xunta do Red Star Kunlun. A mediados de abril, o presidente da IIHF (René Fasel) expresou a súa opinión sobre a intención do club chinés de ingresar na NHL. Fasel expresou a súa esperanza de que este feito axudara a China a levar o seu hóckey ao máximo nivel..
Se o club axustaba as súas condicións económicas contractuais o 30 de abril de 2016 podería unirse á KHL. Segundo Roman Rotenberg, o HC Red Star Kunlun adaptouse para cumprir coas súas obrigas, mais unha serie de formalidades fixeron que a decisión final sobre o futuro do equipo na competición non se puideran coñecer ata xuño de 2016. A principios de maio, o presidente da KHL Dmitry Chernyshenko considerou a afiliación do club pequinés á liga como un acordo xa feito: " O club ten proporcionado toda a documentación, a estrutura do club, os fondos, e teñen o permiso da Federación Chinesa de Hóckey sobre Xeo".
O 25 de xuño de 2016 anunciouse que o consello de administración da KHL aceptara oficialmente a solicitude do club chinés, e que este podería participar na seguinte tempada, a 2016–17. Dous días despois, o club anunciou a súa primeira fichaxe, o defensa finlandés Janne Jalasvaara, que se unía ao novo equipo procedente do HC Sochi da KHL.
Xogadores As noticias iniciais que apuntaban a que Ilya Kovalchuk e Danis Zaripov poderían xogar no equipo e que Mike Keenan sería o adestrador xefe demostrouse que eran falsos.
Vladimir Yurzinov, Jr. foi nomeado primeiro adestrador de equipo. O equipo contaría con 13 xogadores chineses. Confirmouse unha dupla ruso-finesa na portería con Andrey Makarov e Tomi Karhunen. Defensas: Janne Jalasvaara, Anssi Salmela, Tuukka Mäntylä, Dmitri Kostromitin (contrato de proba) e Alexander Mikulovich. Dianteiros: Damien Fleury, Martin Bakoš, Oleg Yashin, Danil Romantsev (negociacións co Lokomotiv Yaroslavl) e Igor Velichkin.
Notas
Categoría:Equipos de hóckey sobre xeo da China Categoría:Equipos da KHL