Jan Bernatowicz foi un relixioso católico armenio da arquieparquía de Lviv, na que protagonizou un intento de cisma a finais do século XVII.

Traxectoria Era pertencente a unha familia armenia rica e influente de Polonia, os Bernatowicz (tamén Bernardowicz). Estudou en Armenia, onde obtivo a confianza do catholicos Xacobe IV, e á súa volta a Lviv en 1664 trouxo unha carta deste anunciando a súa intención de visitar a arquidiocese.

En 1668 Bernatowicz acompañou ó arcebispo Torosowicz cando foi chamado a Roma debido a diversos problemas no goberno da arquidiocese, e volveu a Polonia ó ano seguinte para obter o apoio dos fieis e do rei Miguel I de Polonia á volta de Torosowicz a Lviv, á que se opuña a Congregación para a Propagación da Fe.

En 1681 finou en Lviv o arcebispo Torosowicz. Ó estar o coadxutor, Wartan Hunanian, en prisión en Armenia, o clero da diocese elixiu como administrador a Gabriel Zachnowicz, e neste período de interregno, Bernatowicz decidiu tentar facerse co poder.

Bernatowicz marchou en 1682 supostamente en peregrinación a Terra Santa, aínda que en realidade visitou o catholicos de Cilicia Isaac, quen lle consagrou como "bispo de Kamianets", aínda que dita diocese non existía. A súa volta a Lviv en 1683 levou a confrontacións entre os armenios, e animou aos contrarios á unión. Bernatowicz tentou estabelecer a diocese de Kamianets, e ó mesmo tempo facerse co control da arquieparquía de Lviv, botando ó administrador Zachnowicz.

Porén, Zachnowicz acudiu ó nuncio Pallavicini, quen excomungou a Bernatowicz coas acusacións de se facer consagrar por un opoñente á unión e por tentar crebar a arquidiocese, e prohibiu ós católicos armenios consideralo bispo.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Bispos da Igrexa católica armenia