Alkiza é un concello, de carácter rural, do centro de Guipúscoa, no noroeste da comarca de Tolosaldea, a 27 quilómetros ao sur de Donostia. En 2019 tiña 375 habitantes, dos cales o 88,8% eran euscaldúns. É concello independente dende 1731, anteriormente dependeu de Tolosa e de Donostia.
A praza da vila atópase a 340 metros sobre o nivel do mar e nela atópanse a escola, o concello, o frontón e a igrexa parroquial. O concello conta con máis de 40 casaríos e casas dispersas. Aos seus habitantes alcúmaselles en éuscaro oiloak (galiñas).
A festa maior da vila é o 8 de setembro.
Historia miniatura|esquerda|250px|Túmulo de Itzuregi (Idade de Bronce). As primeiras pegadas humanas en Alkiza datan da Idade de Bronce con restos cerámicos na cova de Olatzazpi e o túmulo da paraxe denominada Itzuregi, como principais exemplos.
As primeiras referencias escritas sobre Alkiza son de 1348. De feito, por encargo do rei de Castela Afonso XI elaborouse a lista dos fidalgos de Tolosa. Nesta lista aparecen varios casaríos de Alkiza. Alkiza menciónase asociada administrativamente a Tolosa. En 1396, Tolosa recoñeceu a Alkiza o dereito de elixir o seu xurado. Por mor dos impostos, Alkiza e outras vilas de Tolosaldea tiveron litixios con Tolosa dende 1435. Dentro deste proceso, en 1450, Alkiza decidiu adscribirse a Donostia, pero isto non se materializou legalmente ata que en 1479 Tolosa e Donostia asinaron un acordo na Casa Torre Berroeta de Andoain. Aduna tamén foi parte do mesmo caso e pasou a ser termo de Donostia. Entre os séculos XV e XVIII, Alkiza autogobernouse como concello aberto, aínda que tamén se nomeaban xurados e rexedores para as decisións cotiás.
Concello independente A finais do primeiro terzo do século XVIII, chegou o momento máis importante da historia de Alkiza: converterse en concello, contando con 54 fogares. O 21 de xaneiro de 1731 foi declarada vila polo rei Filipe V e separada de Donsotia. A distancia a Donostia foi a razón máis importante para levar a cabo esa secesión. Miguel Irazusta foi o primeiro alcalde. Ese mesmo ano definíronse oficialmente os límites de Alkiza coas vilas da zona e procedeuse á designación de cada unha das mouteiras. O límite de Asteasu, por exemplo, foi delimitado polas mouteiras de Olatza, Arizmendi, Zalminaga e Arraiaga.
Ao se converter en municipio independente, Alkiza adquiriu o dereito de participación nas Xuntas Xerais de Guipúscoa. Iso tiña un custo económico e Alkiza propúxolle a Anoeta a unión para compartiren gastos. En 1742, as dúas vilas fundaron a unión Ainssu para a súa representación nas Xuntas Xerais. Ás Xuntas Xerais de 1743 asistiron representantes de ambos os municipios; ás de 1744 asistiron os de Anoeta; ás de 1754 os de Alkiza e así sucesivamente. O acordo foi de vinte anos e foi renovado en 1762, 1781 e 1805. Neste último acordo, non se fixou prazo de finalización. Posteriormente, en 1815 adheriuse a Ainssu, Hernialde e á unión ampliada denominóuselle Ainssuberreluz.
A principios do século XIX, produciuse a privatización dos terreos comunais en Alkiza. O primeiro movemento fíxose por mor das débedas derivadas da Guerra da Convención, e así en 1797 a vila autorizou ao concello a venda de terreos comunais. A primeira poxa de terreos comunais celebrouse en 1799 e o concello vendeu 53 lotes. Dende esa data ata 1814 o concello realizou seis poxas de terreos comunais. En 1810, poxáronse ademais outros bens, como os muíños de Olaa e Goiko Errota no barrio Aldapa e Igaran no barrio Arana. A finais do século XVIII, a metade dos terreos do municipio eran públicos e entre 1799 e 1845 o Concello poxou 682 parcelas comunais, 5,3 km²., quedando os terreos comunais reducidos a unha superficie de 0,4 Km².
Esta privatización afectou gravemente á economía do concello pois conseguía grandes recursos económicos vendendo leña, carbón vexetal, castañas e demais. Tamén provocou, por exemplo, a perda dos notarios residentes que Alkiza tiña dende 1749 en 1801 e tamén desapareceron os gardas forestais responsables dos bosques e viveiros municipais.
As guerras carlistas As dúas guerras carlistas do século XIX afectaron pouco a Alkiza. Durante a primeira guerra carlista, entre 1836 e 1838, os carlistas confiscaron aos seus donos liberais os seus casaríos e obrigaron aos inquilinos a pagar as rendas ás autoridades carlistas. Durante a terceira guerra carlista, sucedeu en 1873 o chamado encontro de Alkiza. Sospeitábase que o guerrilleiro cura Santa Cruz estaba na zona de Hernio e os miqueletes e as tropas liberais foron buscalo. Non atoparon a ninguén e decidiron descender do porto de Zelatun a Alkiza. Ao entrar na vila recibíronos con disparos, pero os liberais expulsaron os carlistas cargando á baioneta. Por outra banda, foi frecuente que Santa Cruz tomase albergue na casa cural de Alkiza cuxo párroco era un fervente carlista.
Comunicacións e industrialización
O servizo de correo comezou en 1873 con dous carteiros. Un deles realizaba o percorrido Azpeitia-Alkiza-Larraul-Asteasu e o outro, Tolosa-Alkiza-Larraul-Asteasu. En 1885 o concello decidiu facer chegar o telégrafo e o teléfono á vila. Estes servizos tiveron a súa sede na taberna municipal. O teléfono non se estendeu a todos os fogares do municipio ata principios dos anos 80. Doutra banda, o concello decidiu en 1896 establecer o sistema métrico de pisos e medidas no municipio.
En 1911, catro alkizarras, Ignacio Urruzola do casarío Garaikoetxe, Eusebio Zubiaur da Arritzaga, Markos Bengoa da Zumitza e Fermin Roteta da Antzieta, construíron unha central hidroeléctrica nos terreos do casarío Bentzalaga, no arroio Mandabe. Desta maneira conseguiuse que a electricidade chegase aos fogares de Alkiza. Esta central foi pioneira da actual Elektralkiza. A enerxía eléctrica de Alkiza foi producida polo arroio Mandabe ata que en 1971 cando a empresa Iberduero instalou dous centros de transformación no concello.
O primeiro automóbil chegou a Alkiza o 2 de novembro de 1930, conducido por un dos propietarios da papeleira Echezarreta, Larrion e Aristi de Irura .
Xeografía miniatura|esquerda|250px|Barrios de Azaldegi, Aldapa e Hernio con Herno-Gazume ao fondo. Alkiza atópase ao leste da serra de Hernio. O terreo de termo municipal é maiormente de gran pendente, atopándose a zona máis chaira no barrio Arana. Ten clima atlántico típico. Ao ser a serra de Hernio unha formación calcaria, nos terreos de Alkiza existen numerosas estruturas de carso como covas, simas e dolinas. Así mesmo, algúns dos regatos que percorren o municipio permanecen secos se non chove moito. O mesmo ocorre coa fervenza de Amixuri.
O complexo Leize-Haundia 2/Sabe-saia é a estrutura de carso máis importante de Alkiza. As dúas covas forman un sistema de 340 m de profundidade, 2 km de galerías e cun arroio no seu interior.
Os cumes máis destacados son Herniozabal (1.010 m), Herniotxiki (820 m), Enaizpuru (731 m), Alluts (687 m) e Beleburu (619 m) ao oeste e Mendiola (431 m) ao leste. No termo municipal de Alkiza atópase a cuarta parte a Zona de Especial Conservación Hernio-Gazume.
Está conectado con Anoeta e Asteasu a través da estrada GI-3630. O ramal de Asteasu inaugurouse en 1952 e o de Anoeta en 1957. Ata entón, os camiños veciñais e rurais unían Alkiza coas vilas próximas.
Hidrografía Alkiza é unha zona de carso, polo que as augas de choiva e desxeo van ao subsolo en gran proporción. Por iso, algúns regatos só conducen auga en caso de precipitación intensa e, noutras, hai augas superficiais só nalgúns tramos da canle.
Os dous principais arroios de Alkiza son:
O arroio Mandabe atravesa o barrio de Arana e verte as súas augas no termo de Anoeta ao río Oria. Nace na fonte chamada Bidania erreka, onde afloran as augas do complexo Leize-Haundia 2/Sabe-saia. Entre os habitantes de Alkiza pensábase que as augas desta fonte procedían do outro lado de Hernio, concretamente de Bidania, e de aí o seu nome. O arroio Aranguren nace xunto ao casarío do mesmo nome e discorre polo barrio de Aldapa. Verte as súas augas no arroio Asteasu, afluente do Oria. A este arroio denomínaselle Arraiaga augas abaixo da ponte de Egurrola.
Concellos lindeiros Alkiza limita ao norte con Larraule Asteasu; ao sur con Hernialde, Tolosa, Albiztur e Bidania-Goiatz; ao leste con Anoeta; e ao oeste con Errezil.
Organización administrativa En 1775, o concello ditou un decreto polo que se organizaba a recollida de fento, follas secas e similares para as camas do gando dos terreos comunais. No mesmo dividíase o municipio en catro barrios: Azaldegi, Aldapa, Arana Behea e Arana Goikoa. O centro situouse no casarío Otsamendi e o termo municipal dividiuse en catro cuartos para levar a cabo esta distribución.
No momento en que se estabeleceron as cotas para o pago do médico da localidade en 1847, o municipio dividiuse novamente en catro barrios: Azaldegi, Aldapa, Arana e Herriburua. En 1884 o barrio Aldapa dividiuse en dous: Aldapa e Hernio. O barrio Sakamidra foi organizado en 1940, xuntando varios casaríos de Arana e Azaldegi.
Ademais do núcleo urbano, denominado Praza polos naturais, Alkiza divídese actualmente oficialmente en cinco barrios: Aldapa (limita con Larraul), Arana (zona chá da estrada de Anoeta), Azaldegi (a ambos os dous lados da estrada de Asteasu), Hernio (aos pés do macizo de Hernio) e Sakamidra (lindeiro o barrio Goi-bailara de Anoeta).
Demografía
No momento que aparece a primeira documentación escrita sobre Alkiza, é dicir no século XIV, estímase que tiña uns 60 habitantes; a principios do século XVII eran ao redor de 230 e cando se constituíu como municipio, uns 270. A principios do século XIX vivían en Alkiza máis de 350 persoas. Os primeiros datos exactos do número de habitantes son de mediados do século XIX. Na táboa seguinte móstrase a evolución da poboación de Alkiza dende 1851.
Dende principios do século XX a poboación diminuíu paulatinamente, diminución que se acelerou dende a década de 1960 ata finais de século. O número de habitantes alcanzou o mínimo en 2000, con só 264.
A comezos do século XXI a poboación de Alkiza era comparable á que tiña cando se converteu en municipio. Isto ten unha explicación sinxela dende o punto de vista da estrutura económica e familiar do municipio. Dende mediados do século XX o casarío deixou de ser o motor da economía local. Os alkizarras empezaron a ir traballar á industria e aos servizos situados de localidades próximas como Asteasu, Anoeta ou Tolosa. Ao mesmo tempo as familias extensas que necesita a economía rural empezaron a reducirse, pasando de seis a sete fillos e fillas a só dous ou tres.
Economía Ata mediados do século XX a actividade económica principal de Alkiza foi a agricultura e actividades relacionadas como os ferreiros ou os muíños. A actividade agraria organizouse en torno ao casarío e foi en gran medida unha economía de subsistencia. O necesario para vivir producíase principalmente no casarío. A diferenza doutras comarcas guipuscoanas, non parece que o pastoreo tivese un gran peso na economía dos casaríos de Alkiza. Alkiza contou historicamente con tres muíños: Igaran, no barrio Arana sobre o regato Mandabe, e Olaa e Goiko Errota no barrio Aldapa sobre o regato de Aranguren. Estes dous últimos muíños estiveron activos ata 1953. Moíase millo e trigo.
No século XVI, cabe destacar a ferreiría de Egurrola que tivo unha actividade moi importante entre 1511 e 1615. A ferreiría foi destruída por unha gran riada. En 1514 a ferrería quedo exenta de impostos por un edicto da raíña de Castela Xoana I.
miniatura|250px|Faias plantadas pertencentes ao derruído casarío Iribeiti (barrio Arana). Este faial foi plantado co obxectivo de aproveitalo para carbón e leña.