O Beato Nykyta Budka (en ), nado o 7 de xuño de 1877 en Dobromirka (Reino de Galicia e Lodomeria) e finado o 1 de outubro de 1949 nun campo de concentración en Qarağandı (RSS de Kazakhstán), foi un eclesiástico católico ucraíno, exarca apostólico do Canadá entre 1912 e 1928, e posteriormente mártir baixo o réxime soviético.

Traxectoria Nykyta Budka naceu o 7 de xuño de 1877 na aldea de Dobromirka, no Reino de Galicia e Lodomeria (hoxe no distrito de Zbarazh da rexión de Ternopil). Logo de rematar a súa formación teolóxica no Collegium Canisianum de Innsbruck, foi ordenado sacerdote o 14 de outubro de 1905 polo metropolita Andrei Sheptytskyi, e dende o comezo prestou moita atención á emigración ucraína. O 8 de xaneiro de 1909 doutorouse en Teoloxía polo Frintaneum de Viena.

O 15 de xullo de 1912 a Santa Sé nomeouno exarca apostólico do Canadá e bispo titular de Patara, recibido a consagración episcopal o 13 de outubro de 1912 de mans de Andrei Sheptytskyi, e tendo como co-consagradores a Hryhorii Khomyshyn e a Konstantyn Chekhovych.

En novembro de 1928 renunciou como exarca e volveu a Lviv como bispo auxiliar, e alí foi vigairo xeral. O 11 de abril de 1945 foi arrestado xunto a outros bispos e condenado a oito anos de prisión. Caracterizouse por un constante apoio espiritual e consolación aos seus compañeiros no campo de concentración. Finou como mártir en Qarağandı, segundo algunhas fontes o 1 de outubro e segundo outras o 6 de outubro de 1949. O seu cadáver foi abandonado no bosque para ser devorado pola fauna salvaxe.

Culto O papa Xoán Paulo II beatificouno o 27 de xuño de 2001 na súa visita pastoral a Ucraína, xunto a Mykolai Charnetskyi e compañeiros mártires.Os outros mártires da Igrexa Católica Ucraína beatificados canda el foron: os bispos Yosafat Kotsylovskyi, Symeon Lukach, Vasyl Velychkovskyi, Ivan Sleziuk, Hryhorii Khomyshyn e Hryhorii Lakota; os presbíteros Mykola Konrad, Andrii Ishchak, Roman Lysko, Mykola Tsehelskyi, Petro Verhun e Oleksii Zarytskyi; os relixiosos Yakym Senkivskyi, Severiian Baranyk, Zenon Kovalyk, Vitalii Bairak e Ivan Ziatyk; as relixiosas Tarsykiia Matskiv, Olimpiia Bida e Lavrentiia Harasymiv; e o laico Volodymyr Pryima. Tamén foron beatificados os bispos grecocatólicos rusos Leonid Fedorov e Klymentii Sheptytskyi; e o bispo ruteno Teodor Romzha.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1877 Categoría:Nados na rexión de Ternopil Categoría:Finados en 1949 Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Bispos católicos do Canadá Categoría:Bispos católicos de Kazakhstán Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Beatos do catolicismo Categoría:Finados en campos de traballo do Gulag