Broken Sword: The Sleeping Dragon é un videoxogo lanzado para Windows, Xbox e PlayStation 2 no 2003, mentres que para o Xapón, a versión de PlayStation 2 (lanzado só en Europa e no Xapón) foi estreado en setembro de 2004. Foi proposta unha versión para Nintendo GameCube, pero acabou sendo cancelada. É a terceira entrega da serie de videoxogos Broken Sword, lanzado seis anos despois do anterior título, The Smoking Mirror. The Sleeping Dragon supuxo un avance cara aos gráficos 3D, e é o único xogo da serie que non emprega unha interface point and click. O xogador asume o papel de George Stobbart, un avogado de patentes estadounidense que voa até o Congo para escribir a patente para un científico que di ter atopado a fonte dunha enerxía ilimitada.
A idea orixe do xogo apareceu en 2000. Para facer que o xogo parecese un filme, Revolution contou cun asesor cinemático, Bob Keen, que se asegurou que o xogo mantivese as emocións e a atmosfera axeitadas en cada escena. Orixinalmente ía ter un estilo visual máis semellante ós debuxos animados, pero os desenvolvedores decidiron darlle un estilo máis semellante ó dos filmes animados xaponeses. Malia que os dous primeiros xogos de Broken Sword empregaban motores Virtual Theatre, The Sleeping Dragon foi construído con RenderWare. A música do xogo foi coposta por Ben McCullough, e Rolf Saxon volveu dar voz a George Stobbart.
O xogo recibiu críticas positivas, sendo loado pola súa historia, o seu humor, o seu aspecto cinematográfico e os seus gráficos. A música do xogo tamén foi loada. As críticas negativas centráronse no control da interface e nos crebacabezas repetitivos. Segundo Charles Cecil, o xogo vendeu uns poucos milleiros de copias.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Manuscrito Voynich Orde do Temple
Categoría:Videoxogos de 2003 Categoría:Videoxogos de aventuras Categoría:Videoxogos de PlayStation 2 Categoría:Videoxogos de The Adventure Company Categoría:Videoxogos desenvolvidos no Reino Unido Categoría:Videoxogos de Windows Categoría:Videoxogos de Xbox