Sant Pere de Vilamajor é un concello español da provincia de Barcelona, en Cataluña. Está situado na comarca do Vallès Oriental.
Xeografía O municipio sitúase no extremo setentrional da comarca do Vallès Oriental, no límite meridional do coñecido coma Pla de la Calma. A súa densidade de poboación é moi baixa. A parte norte do concello é moi montañosa e sitúase dentro dos límites do Parque Natural do Montseny. Esta zona vivía da gandería e da explotación forestal. Hoxe en día, o sector turístico vive un certo auxe. A parte sur é a máis poboada, con preto do 90% do censo. Se antigamente a agricultura era o sector fundamental, hoxe son a construción e os servizos os sectores económicos máis salientábeis.
Historia e patrimonio A localidade ten a súa orixe en asentamentos romanos, que posteriormente deron lugar a pequenas poboacións medievais. No século XI, o condado de Barcelona construíu un palacio, que servía de repouso ós viaxantes e nobres que viaxaban dende Barcelona a Xirona. Coa construción do palacio, comezou a época de esplendor da vila. No 1148, un forte terremoto destruíu o palacio e gran parte das vivendas. Posteriormente no 1604, construíuse na antiga localización do palacio, unha igrexa de estilo gótico e renacentista. Porén a vila entrou en decadencia e foise ruralizando cada vez máis. Na segunda metade do século XX, volveuse vivir un forte crecemento da vila mediante a construción de urbanizacións.
Ademais do importante patrimonio natural (o Parque Natural do Montseny ocupa o 61% do termo municipal), hai importantes mostras de arquitectura relixiosa e civil. Cómpre citar o castelo de Vilamajor, a igrexa de San Pedro, a ermida de San Elías ou a reitoría de Vilamajor, actualmente transformada en centro de arte.
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web do concello
Sant Pere de Vilamajor