Henrique VII, nado contra 1275 en Valenciennes, capital do Condado de Hainaut, e finado o 24 de agosto de 1313 na vila de Buonconvento, provincia de Siena, na Toscana, foi emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Traxectoria Era fillo do conde Henrique VI de Luxemburgo e de Beatriz de Avesnes. Sucedeu ao seu pai como conde de Luxemburgo en 1288. Foi elixido Rei de romanos en 1308, despois do asasinato de Alberte I de Habsburgo, e máis tarde coroado emperdador do Sacro Imperio Romano, en 1312.

En 1292 casou con Margarida de Brabante, filla de Xoán I duque de Brabante e de Limburgo.

miniatura|esquerda|250px|Os sete príncipes electores elixen a Henrique VII. 250px|esquerda|miniatura|Tumba de Henrique VII, na catedral de Pisa.

Desta unión naceu en 1296 Xoán, chamado o Cego, futuro conde Xoán I de Luxemburgo), que foi designado rei de Bohemia en 1310.

En 1308 Henrique foi elixido Rei de romanos, e coroado como emperador do Sacro Imperio en Roma o 29 de xuño daquel mesmo ano, título que estaba vacante desde a morte de Frederico II Hohenstaufen.

Enfrontouse ao expansionismo de Francia, e tratou, sen éxito, de recuperar a influencia que perdera o título imperial, especialmente en Italia, onde destacou o enfrontamento que tivo coa cidade de Florencia. Porén, entra en disputa cos güelfos, incluso nas cidades libres da Toscana, e a súa actitude autoritaria foi motivo de preocupación para o rei de Nápoles Roberto de Anjou e para o papa Clemente V.

Por esta razón Henrique VII foi coroado por tres cardeais, non polo papa, no Palacio de Letrán.

A Roberto, que nominalmente era seu vasalo, Henrique intenta castigalo pola súa deslealdade aliándose con Frederico de Sicilia, pero morreu de malaria no camiño ao seu encontro, preto de Siena, en 1313.

Tras a súa morte, os rivais Lois de casa de Wittelsbach e Frederico o Fermoso, da casa de Habsburgo, disputaron a coroa imperial. A disputa finalizou coa batalla de Mühldorf, o 28 de setembro de 1322, na que Lois resultou vitorioso.

Descendencia

Do matrimonio de Henrique VII con Margarida de Brabante naceron: Xoán I de Bohemia (1296-1346), chamado o Cego, que foi rei de Bohemia. María de Luxemburgo (1304-1324), que casou co rei Carlos IV de Francia. Beatriz de Luxemburgo (1305–1319), que casou co rei Carlos Roberto de Hungría.

Na Divina Comedia

Henrique é o famoso alto Arrigo no Paraíso da Divina Comedia de Dante, onde se lle ensina ao poeta o posto de honor que espera a Henrique no ceo. Dante tamén alude a el en numerosas ocasións no Purgatorio, referíndose a el como o salvador que devolverá o goberno imperial a Italia, e terminará co inapropiado control temporal da Igrexa. Porén, o éxito de Henrique VII en Italia non durou, e tras a súa morte as tropas antiimperio recuperaron o control da península.

Véxase tamén

Outros artigos Lista de emperadores do Sacro Imperio Romano Casa de Luxemburgo

Categoría:Sacro Imperio Romano Xermánico Categoría:Reis de Alemaña Categoría:Nados no século XIII Categoría:Finados no século XIV Categoría:Finados en 1313