Sabin Intxaurraga Mendibil, nado en Zeanuri o 30 de decembro de 1949, e finado en Barakaldo o 27 de decembro de 2010, foi un político independentista do País Vasco. Membro de Eusko Alkartasuna (EA), foi conselleiro de Xustiza, de Traballo e Seguridade Social e de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Goberno Vasco entre 1998 e 2005.
Biografía Sabin Intxaurraga era licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade do País Vasco (UPV), máster en Xestión de Lecer (rama Turismo) pola Universidade de Deusto e en Mercadotecnia pola UPV. Militante do Partido Nacionalista Vasco (PNV), pertenceu ao Bizkai Buru Batzar e, como man dereita de Carlos Garaikoetxea, foi secretario do Presidente do Consello Xeral Vasco e do Lehendakari entre 1979 e 1984. Así mesmo, foi un activo partidario da escisión cando se formou Eusko Alkartasuna (EA), formación da cal foi membro da Executiva Rexional de Biscaia entre 1986 e 1995, ocupándose dende entón da área de Política Institucional da Executiva Nacional de EA e, tamén, da súa Secretaría de Organización.
Foi alcalde da súa localidade natal en varias lexislaturas: 1979-1983 (co PNV) e 1987-1995 (con EA); e vicepresidente e membro da Comisión Executiva da Asociación de Municipios Vascos (EUDEL) entre 1987 e 1991.
Foi deputado no Parlamento Vasco desde 1984 até 1999. Desde 1998 até 2005 ocupou, sucesivamente, os cargos de conselleiro de Xustiza, de Traballo e Seguridade Social e de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente no Goberno Vasco presidido por Juan José Ibarretxe. Foi un firme defensor do acordo estratéxico entre Eusko Alkartasuna e a Esquerda Abertzale de 2010 e partidario de apoiar o proceso de cesamento do fogo de ETA ese mesmo ano.
Véxase tamén Ligazóns externas Falece en Baracaldo o exconsejero do Goberno vasco Sabin Intxaurriaga, ABC, 27 de decembro de 2010, consultado o mesmo día. Morre Sabin Intxaurraga, un veterano da política vasca, Diario Vasco, 28 de decembro de 2010, consultado o mesmo día.
Perfil do tres conselleiros de Eusko Alkartasuna do Goberno vasco, ABC, 14 de xullo de 2001, consultado o 14 de agosto de 2014.
Categoría:Alcaldes do País Vasco Categoría:Finados en 2010 Categoría:Nados en 1949 Categoría:Políticos de Eusko Alkartasuna Categoría:Políticos do PNV Categoría:Políticos do País Vasco Categoría:Alumnos da Universidade do País Vasco Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Conselleiros do Goberno Vasco Categoría:Nados en Biscaia