Walter Bache, nado en Birmingham o 19 de xuño de 1842 e finado en Londres o 26 de marzo de 1888 foi un pianista e director de orquestra británico, destacado pola súa defensa da música de Franz Liszt e outros membros da Nova Escola Alemá en Inglaterra. Estudou de xeito privado con Liszt en Italia entre 1863 e 1865, sendo un dos poucos alumnos aos que llo permitiu, e continuou asistindo regularmente a clases maxistrais con el en Weimar (Alemaña) ata 1885, mesmo despois de iniciar a súa carreira como solista. Este período de estudo non foi igualado por ningún outro alumno de Liszt e deu lugar a un vínculo particularmente estreito entre ambos. Logo das dúbidas iniciais por parte dos críticos ingleses debido a que era alumno de Liszt, Bache foi aclamado publicamente pola súa destreza ao teclado, mesmo cando partes do seu repertorio foran cuestionadas.
O seu principal logro foi o establecemento da música de Liszt en Inglaterra, ao que se adicou desinteresadamente entre 1865 e a súa morte en 1888. Isto sucedeu cando a Guerra dos románticos estaba no seu apoxeo, cando as faccións musicais conservadoras e liberais discutían abertamente sobre o futuro da música clásica e os méritos das composicións escritas nas súas respectivas escolas. Bache programou varias das obras orquestrais e corais a través dunha serie anual de concertos, que financiou, organizou e promoveu en solitario. Do mesmo xeito, deu unha serie anual de recitais que incorporaba música para piano de Liszt.
A estratexia de Bache para a presentación destas obras foi a de familiarizar o público con elas. Interpretou os arranxos para piano de dúas das obras orquestrais de Liszt antes da estrea da versión orixinal e programou algúns dos poemas sinfónicos do compositor húngaro pouco despois de que foran estreados en The Crystal Palace. Tamén proporcionou notas de programa informativas e expertas, escritas polos principais analistas musicais e amigos íntimos no círculo de Liszt. A prensa musical inglesa, aínda que era en xeral hostil á música que presentou, sinalou e agradeceu os esforzos de Bache. Liszt mostrouse agradecido, xa que sen Bache, segundo recoñeceu, a súa música non podería chegar a acadar o punto de apoio que logrou.
Traxectoria Infancia e adolescencia miniatura|Walter Bache como estudante da Universidade de Leipzig. Walter Bache naceu o 19 de xuño de 1842 en Birmingham (Reino Unido). Foi o segundo fillo do coñecido ministro unitario Samuel Bache, que dirixía unha escola privada xunto coa súa muller, Emily Higginson. O seu irmán máis vello, Francis Edward Bache, foi compositor e organista, mentres que a súa irmá, Constance Bache, foi compositora, pianista e profesora e, posteriormente, escribiu a biografía conxunta de ambos os irmáns co título Brother Musicians (Irmáns músicos). Recibiu certa educación musical rudimentaria na escola de seu pai, mais seguiu sendo un rapaz despreocupado, mediocre e festeiro ata que seguiu os pasos de seu irán Edward. Como Edward, estudou co organista de Birmingham James Stimpson e, en agosto de 1858, cando tiña dezaseis anos, ingresou no Conservatorio de Leipzig. Supúñase que seu pai o acompañaría á universidade, mais non puido facelo porque tivo que coidar a Edward, que estaba morrendo de tuberculose. Con determinación, fixo a viaxe pola súa conta, un dos primeiros indicios da súa independencia.
En Leipzig, Bache estudou piano con Ignaz Moscheles e composición con Carl Reinecke. Tamén estableceu amizade co seu compañeiro Arthur Sullivan, de quen escribiu «non pode tocar ben, pero [...] ten escrito algunhas cousas que creo mostran o seu gran talento». Outro compañeiro de estudos de Bache que o coñecía ben, aínda que non tiveron unha relación especialmente próxima, foi Edvard Grieg. Aínda que na cidade pasaran os días de gloria que experimentara baixo a influencia de Felix Mendelssohn, resultou útil para Bache a exposición a artistas como Pauline Viardot-García, Giulia Grisi, Joseph Joachim e Henri Vieuxtemps e á música de Ludwig van Beethoven, Vincenzo Bellini, Frédéric Chopin, Moritz Hauptmann e Mendelssohn. Adicouse aos seus estudos de piano, mais dende o seu punto de vista perdeu moito tempo en Leipzig e careceu de rumbo. En Brother Musicians, Constance cita a «un músico de grande importancia», un integrante do seu círculo de amigos (posiblemente Sullivan ou o pianista Franklin Taylor) quen explicou: «Vostede non viu que en Leipzig ninguén fora obrigado a traballar, alí non había unha particular supervisión; e sempre había moito que facer, no ámbito do entretemento, para os menos enérxicos. No que se refire ao meu recordo de Bache, nesa época adoitaba traballar aos tombos, facendo con frecuencia resolucións excelentes, cuxo efecto non duraba moitos días».
Ao finalizar os seus estudos de piano en decembro de 1861, cando tiña dezanove anos, viaxou a Italia e estableceuse en Milán e Florencia, coa intención de somerxerse na cultura italiana antes de volver a Inglaterra. En Florencia coñeceu a Jessie Laussot, «que fundara unha florecente sociedade musical na cidade [...] e estaba intimamente familiarizada con Liszt, Wagner, Hans von Bülow e outros músicos destacados». Se ben Laussot permaneceu amablemente disposta cara a Bache, tamén se decatou rapidamente do seu carácter despreocupado e decidiu axudarlle. Animouno a ensinar harmonía, ademais de piano e, a continuación, concertou unha clase de harmonía para a que se reunía pola mañá cedo nalgún lugar lonxe da cidade, o que o obrigaba a non permanecer moito tempo durmido. Facilitou o seu camiño cara á alta sociedade e tamén suxeriulle, logo de oílo interpretar en varios concertos locais, que viaxara a Roma para coñecer a Liszt. Con todo, insistiu en que Bache debía viaxar sen ningunha carta de recomendación súa, porque quería que o compositor húngaro o xulgara unicamente polos seus propios méritos.
Estudos con Liszt miniatura|esquerda|Walter Bache converteuse en alumno de Franz Liszt en Roma en 1863. Bache chegou a Roma en xuño de 1862. Despois de certa confusión inicial (Liszt creu erroneamente que Bache, que estaba nervioso e coa lingua trabada, era alguén que quería pedirlle cartos), o compositor húngaro deulle a benvida ao inglés. Recibiu dúas ou tres leccións improvisadas; entre elas, algunhas actuacións de música de cámara, grazas á recomendación de Liszt. Finalmente, o húngaro suxeriu que se Bache estaba disposto a trasladarse a Roma o ano seguinte, aceptaríao como alumno. Tendo en conta «a maior vantaxe posible que podía ter», Walter escribiu a Constance:
Logo dunha visita a Birmingham, Bache trasladouse a Roma en 1863, cidade na que viviu durante os seguintes dous anos. Alí recibiu leccións privadas de Liszt, sendo un dos poucos privilexiados que puido facelo; a maioría dos alumnos do compositor húngaro só asistiron ás súas clases maxistrais. Tamén escoitou a Liszt interpretar a súa propia música en numerosas ocasións en salóns privados, incluíndo unha daquela estraña interpretación da Sonata para piano en si menor. Liszt axudouno a prepararse para varios concertos en Roma e animouno a aprender algunhas pezas difíciles que Bache inicialmente cría incapaz de interpretar; esas pezas incluían unha transcrición do propio Liszt do valse de Faust de Charles Gounod e o valse «Patineurs» da ópera Le prophète de Giacomo Meyerbeer. Estas leccións, a amabilidade coa que Liszt mostrábase continuamente e, en xeral, a exposición de Bache cara ao compositor húngaro, convertérona nunha experiencia decisiva na súa vida. Liszt esperaba que Bache traballara duro e este aplicou todo o seu empeño nos seus estudos de teclado. O mesmo «músico de grande importancia» que citaba Constance sobre os anos de Walter en Leipzig tamén afirmou que «non podía haber dúbidas de que foi a súa amizade con Liszt o que facilitoulle o entusiasmo e poder manter o seu duro traballo o que distinguiuno durante a súa carreira en Londres, e que foi frecuente o asombro destes a quen coñecera nos seus primeiros anos».
Bache gañouse a vida como organista da igrexa anglicana da cidade, onde o pastor coñecera previamente a seu irmán Edward. Como a súa reputación como intérprete medrou, tamén recibiu encargos como profesor. Estas dúas actividades garantíronlle seguridade financeira. Tamén coñeceu a varios novos músicos talentosos, incluíndo o seu discípulo Giovanni Sgambati e ao violinista Ettore Pinelli. Durante esa época, Bache comezou a explorar o repertorio para dous pianos, especialmente os arranxos do poema sinfónico Les préludes do seu profesor e a Wanderer-Fantasie de Franz Schubert, que interpretou con Sgambati en concerto. Os arranxos para dous pianos dos poemas sinfónicos de Liszt converteríanse nunha parte importante da serie de concertos de Bache, unha vez que este regresou a Inglaterra. Tamén estivo activo en música de cámara; as obras que interpretou durante esa época incluían a sonata para violonchelo de Chopin, as variacións para violín de David-Pinelli, o trío para piano en re menor de Mendelssohn, un trío para piano de Anton Rubinstein e unha sonata para violín arranxada para viola, obra de Robert Schumann.
Os estudos de Bache con Liszt non concluíron cando abandonou Italia. Asistiu a clases maxistrais regularmente co compositor húngaro en Weimar ata 1885. Este período de estudo non foi igualado por calquera outro alumno de Liszt e deu lugar a unha relación particularmente próxima con el. Tamén buscou o seu condiscípulo Hans von Bülow para recibir clases en 1871; os dous pasaron moito tempo xuntos, o que resultou nunha amizade para toda a vida. O feito de que Bache tivera en grande estima o asesoramento de Büllow demóstrao a súa advertencia a Jessie Laussot de «nunca máis intento 'marcar, aprender e dixerir internamente' [a Fantasía e fuga cromática] sen ter a edición de Bülow [...] é espléndida, moi equivalente a ter tido unha lección sobre elo con Liszt».
Liszt compuxo para Bache o seu arranxo de concerto da Sarabande e ciaccona da ópera da ópera Almira Händel (S.181) en 1879.
Promoción da música de Liszt miniatura|Hans von Bülow dirixiu dous dos «Walter Bache Annual Concerts». Despois de trasladarse a Roma, en xuño de 1863, Bache volveu á súa cidade natal, Birmingham, para conseguir fondos para a construción dunha fiestra conmemorativa en memoria do seu irmán Edward. Entre eses esforzos realizou unha representación do oratorio Paulus de Mendelssohn, no que foi destacada a súa interpretación ao órgano, e un recital para piano solista que ofreceu algunhas obras de Liszt. Os críticos mostráronse pouco receptivos á música do compositor húngaro e aconsellaron a Bache que programara obras menos aventuradas se quería que a súa carreira tivera éxito. As cousas non melloraron cando se trasladou a Londres en 1865. A Guerra dos románticos entre as faccións musicais conservadoras e liberais estaba no seu apoxeo e encontrouse a si mesmo marcado como «perigoso» por ter estudado con Liszt. Isto quedou ben claro cando Bache realizou unha visita a J.W. Davison, daquela o crítico musical máis poderoso de Londres. Dita visita estaba xustificada: Davison coñecía a Edward e compartía o mesmo punto de vista conservador que o seu irmán. Bache relata que foi visitar a Davison e entregou a súa tarxeta, a criada regresou e díxolle: «Perdoe, señor, mais o Sr. Davison di que non está na casa».