Miguel Anxo Murado García, nado en Lugo o 1 de maio 1945Fernández Salgado 2012, p. 30Enciclopedia Galega Universal, tomo 12 (2002), p. 282 e finado en Vigo o 11 de outubro de 2025, foi un bioquímico, músico, ensaísta diverso e literato galego.

Traxectoria Infancia e mocidade

Fillo de José Antonio Murado López e Ángela García Ouro, mestres de Palas de Rei e en Madrid, formados na Escola Normal da República, e neto do intelectual polígrafo Manuel García Blanco, de quen recibirá a formación do seu espírito intelectual de talante humanistaFernández Salgado 2012, pp. 11—14..

Criouse na vila de Palas de Rei, na casa-escola pública parental, e no lugar da Torre, aldea de Pambre, no castelo propiedade foral familiar dende o século XVII.

Pasou a mocidade en Lugo, cursando o bacharelato no Instituto Masculino (onde foi compañeiro, por exemplo, de Eduardo Sampayo, «Xeluco» (Anxo Guerreiro), ou Arturo Reguera, así como discípulo, entroutros, de Antonio Fraguas e Xesús Alonso Montero, con quen xa sempre manterá amizade), estudando música e aprendendo a tocar a guitarra con Tino Prados dentro do ambiente cultural mantido ao abeiro do Círculo das Artes da cidade.

Preparou os estudos preuniversitarios (Preu) na Universidade de Santiago de Compostela, como colexial do Colexio Maior Santo Agostiño, e logo marchou a Madrid para estudar na Universidade Complutense, doutorándose no ano 1972 en Ciencias Biolóxicas cunha tese pioneira encol da degradación de insecticidas nos solosEnciclopedia Galega Universal, tomo 12 (2002), p. 282.

Traxectoria científica Doutorouse no ano 1972 en Ciencias Biolóxicas cunha tese pioneira encol da degradación de insecticidas nos solosEnciclopedia Galega Universal, tomo 12 (2002), p. 282, principiando a súa vida laboral en Madrid como docente de ensino secundario no Instituto Ramiro de Maeztu, vencellado á Institución Libre de Enseñanza, e como bolseiro doutoral no Instituto de Química Orgánica General do Consello Superior de Investigacións Científicas, orientándose xa dende entón polos eidos da Ecoloxía, a Bioquímica e a modelaxe matemática.

No sucesivo traballará como Colaborador, Investigador e Profesor de Investigación do CSIC, mantendo asemade colaboracións co Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, o de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Vigo e outras institucións científicas, coas que partillou proxectos de investigación e de docencia (cursos de doutoramento, dirección de teses etc.).

As súas investigacións centráronse na análise residual, dinámica ambiental, metabolismo e aspectos tóxicos dos compostos organoclorados, na calidade microbiolóxica das augas litorais e na súa influencia no cultivo de moluscos, na biorremediación en ambientes mariños, na produción de probióticos e probiontes, na depuración e bioconservación microbiana de residuos da industria alimentaria e na aplicación de modelos matemáticos a procesos de bioconservación, operación e deseño de bioreactores.

A finais do 1975 volveu a Galicia e instalouse en Vigo coa súa familia, pasando a traballar no Instituto de Investigacións MariñasFernández Salgado 2012, p. 36 desta cidade, onde desenvolveu principalmente a súa carreira científica. Esta institución fóra creada no 1951 como laboratorio costeiro dependente do Instituto de Investigaciones Pesqueras de Barcelona, do que se independizou no 1978 baixo a denominación de Instituto de Investigaciones Pesqueras de Vigo.

Murado exerceu como director deste centro dende o ano 1983 ao 1987, un período no que, baixo o seu pulo, a entidade coñeceu unha decisiva etapa de consolidación, ampliación e apertura, mudando no 1986 a súa denominación á actual de Instituto de Investigacións Mariñas (IIM).Tamén exerceu a vicedirección deste mesmo centro entre 1990 e 1994.

No IIM foi xefe do Departamento de Biotecnoloxía e Acuicultura, creando e dirixindo o equipo de investigación pluridisciplinar Reciclaxe de Refugallos, que foi pioneiro no tratamento e valorización dos resíduos procedentes da pesca e da acuicultura para o seu inserimento produtivo cíclico, moito antes de que se falase da actualmente denominada «economía circular».

A súa investigación neste campo mantivo un enfoque dende a racionalidade sustentábel dos usos da economía tradicional galega e, asemade, dende criterios modernamente humanistas, centrados no respecto ecolóxico e o progreso social, orientándose, por unha banda, ao aproveitamento dos recursos mariños evitando o seu esgotamento e, por outra, procurando un equilibrio entre coñecemento científico e avance tecnolóxico e o benestar das comunidades mariñeiras.

Dando a comprender este seu xeito de concibir e desenvolver a investigación científica e a súa aplicación tecnolóxica dentro dun activo compromiso ético cun progreso medioambiental e socialmente sustentábel, el mesmo explicaba nunha das súas derradeiras entrevistas que «a investigación mariña non é só observar o mar, senón comprender a escala humana que hai detrás de cada dato».

Con esta proxección ética de entender a investigación científica aplicada, a finais de século participara na creación do Parque Natural Marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, e logo da catástrofe do Prestige dirixiu durante anos os traballos de eliminación ecolóxica dos seus resíduos na contorna do Parque, particularmente nos arquipélagos das illas Cíes, Ons e Sálvora, mediante novedosas tecnoloxías de biorremediación respectuosas co medio ambiente. Tense salientado ao respecto o seu «compromiso exemplar traballando arreo para poñer o coñecemento ao servizo de Galicia, achegando serenidade e razón nun momento de angustia colectiva; un esforzo, discreto pero esencial, recordado con gratitude por quen compartiron con el aquelas horas difíciles». Así e todo, nas súas intervencións públicas amosouse decepcionado e crítico coa inoperancia política —asemade, da política científica— e o desconcertado rebumbio dos medios de comunicación (e que reflectiu con ton retranqueiro na súa novela póstuma O incerto enigma do mexilón azul, aínda no prelo no momento do seu pasamento).

Dirixiu numerosas teses de doutoramento e foi membro de diversos tribunais científicos e académicos, así como do consello editorial da revista Investigaciones Marinas, do CSIC.

Foi autor de libros tanto individuais coma colectivos e dunhas duascentas publicacións das súas especialidades, incluíndose artigos e ensaios en revistas científicas internacionais sobre biotecnoloxía e biomatemática, contando con varias patentes e adoitando ser frecuentemente referenciado no Science Citation Index (SCI)Enciclopedia Galega Universal, tomo 12 (2002), p. 282.

Porén, malia esta fertilidade da súa produción científica, afirmaba que o máis gratificante non era a prolifidade nas publicacións, senón «ver medrar aos novos investigadores coas túas ideas, coas túas preguntas», a través dun estimulante xeito de ensinar que se ten cualificado de xeneroso, próximo e libre de xerarquías.

Traxectoria musical Dende ben cativo interesado pola música, iniciouse nela da man de súa nai Ánxela, violinista, e no Lugo da súa mocidade estudará guitarra con Tino Prados, proseguindo xa logo de xeito autodidacta e afondando particularmente nos eidos da harmonía, a composición, o conxunto instrumental e coral, a historia e, serodiamente, a acústica.

Actuou con diversos conxuntos instrumentais e como solista (Círculo das Artes de Lugo, recitais e concertos en ambientes universitarios de Madrid...), ofrecendo as súas primeiras actuacións formais como concertista dende mediados da década do 1960, formando pronto dúo coa pianista Branca Lorenzo Royo, colega de estudos e bióloga, con quen casará no 1970.

De volta na súa Galicia, e reconvertida Branca Lorenzo en profesora de música e clavecinista, actuarán decote por múltiples localidades deica mediada a derradeira década do século en dúo guitarra–espineta, especializándose na interpretación dun abranguente repertorio no que se sucedían pezas do Renacemento, do Barroco e dos séculos XIX e XX en exposición cronolóxica e cunha explícita intencionalidade didáctica, a miúdo dentro dun formato de concerto–conferencia mediante presentacións contextualizadas das obras, moi característico das actividades da Agrupación Guitarrística Galega e das Xuventudes Musicais de Galicia, entidades nas que o dúo participaba activamente.

Xuntos ou individualmente, non deixaron de colaborar con outros músicos e iniciativas artísticas, como as devanditas Agrupación Guitarrística Galega e Xuventudes Musicais, a Orquestra de Cámara de Vigo, o Grupo de Comunicación Poética Rompente, Ars Musicæ e outras formacións corais, a Escola de Artes e Oficios Tradicionais de Vigo, os guitarristas Antonio U. Mallo ou Cuchús Pimentel, os flautistas Enrique Melio ou Carlos Núñez, o grupo folk galego Berrogüetto, os ciclos anuais Festival de Verán do Concello de Vigo ou os tamén anuais concertos de alumnos de ensino secundario A Armonía das Aulas —iniciativa de Branca Lorenzo, que os coordinaba e dirixía.

En 1979, Miguel Anxo Murado estreou como solista coa Orquestra de Cámara de Vigo a primeira obra de autor galego para guitarra e orquestra: Anceio, Op. 24, composición do seu director Daniel Quintas.

Involucrouse moi activamente nas múltiples actividades da Agrupación Guitarrística Galega (AGG), que incluían concertos, conferencias, exposicións, publicacións, ciclos e festivais (Premios da Contracrítica de Galicia, festivais de Desagravio á Cultura ou da Cantiga Tabernaria...) ou o ensino na Escola Aberta de Música, na cidade de Vigo (da que Branca Lorenzo foi fundadora e profesora de solfexo e piano). Murado presidiu entre 1980 e 1988 a sección viguesa, dende a que coordinaba a AGG o seu presidente Antonio Uxío Mallo, editando e publicando na revista Guitarra-Vihuela-Laúde (G.V.L.), órgano da Agrupación que acadou boa acollida internacional debido ás múltiples relacións que a AGG mantiña polo mundo adiante.

Na súa faceta compositiva, o dúo Lorenzo–Murado adaptou para guitarra e trecolado obras clásicas que incluíu no repertorio propio, publicando varias delas na revista G.V.L. e, maiormente, no catálogo de partituras de Real Musical.

Murado tamén compuxo versións de pezas do folclore galego (por exemplo, muiñeiras interpretadas por quinteto de cámara barroco) e pezas propias instrumentais e corais (algunha con libreto lírico do seu amigo o poeta Vítor Vaqueiro).

Obra publicada Libros A contaminación en Galicia: o desarranxo ambiental galego no contexto da crise ecolóxica mundial, 1975. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-083-0. A cantiga da burata. A Coruña: Medulia Editorial. ISBN 978-84-10324-15-2

Libros colectivos Contaminación del medio por plaguicidas organoclorados. X, 1977. Ecología y política en España, 1978. Las lecciones de la Catástrofe del Prestige. CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas), 2005.

Vida persoal O 1 de maio do 1970, casou coa tamén música e bióloga Blanca Nieves Lorenzo Royo (Madrid, 1945—Vigo, 2014), coa que tivo dous fillos, no 1970 e no 1973. No 2023 fixo segundas nupcias, logo duns anos de convivencia, con Emilia Abal López (Chapela, 1960).

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Biólogos de Galicia Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Palas de Rei Categoría:Nados en 1945

Categoría:Finados en 2025

Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid