Manecas Costa, nado en Cacheu en 1967 é un cantante, guitarrista e compositor de Guinea-Bissau.

Traxectoria Medrou nunha familia da etnia manjaca. Comezou a tocar a guitarra con 9 anos e estudou con José Carlos Schwarz, un dos artistas máis recoñecidos de Guinea-Bissau. Formou o grupo musical Africa Livre co seu irmán Nelson con tan só 10 anos, tiveron éxito e converteuse na estrela local.

O traballo do compositor e guitarrista Manecas Costa baséase no gumbe, expresión musical e danza predominante na súa rexión de orixe, acompañada polo tambor de auga. Canta en crioulo, unha mestura das linguas indíxenas e o portugués. As súas letras tratan da situación na que se atopan as mulleres guineanas e sobre o terceiro mundo en xeral.

Na década de 1970 colaborou con moitos artistas de Guinea-Bissau, como N'Kassa Cobra, Cobiana Djaz ou Mama Djombo, e viaxou con este último a Cuba onde tocou xunto á Orquesta Aragón e Kapa Negra. A finais da década de 1980 converteuse no baixista de artistas como Zé Manel. Porén decidiu comezar a súa carreira en solitario e gañou un premio de UNICEF nun concurso internacional de radio en 1987, participou en campañas sobre saúde infantil e compuxo cancións para difundila mensaxe, como o tema Meninos.

Como moitos músicos de Guinea-Bissau emigrou na busca de mellores oportunidades, trasladándose a Lisboa en 1990. Na década de 1990 realizou xiras por Angola, Cabo Verde, Italia e Portugal. Gravou o seu primeiro álbum en Lisboa, titulado Mundo di Femea (1991), proxecto no que participaron algúns músicos dos Países Africanos de Língua Oficial Portuguesa como Paulino Vieira, Eduardo Paim e tamén seu irmán Nelson Costa. Nesta etapa colaborou con moitos outros artistas como Paulo Flores, Tabanka Djaz, Bius, Waldemar Bastos e Astra Harris. O seu segundo álbum Fundo di Mato é un traballo que vai do acústico ó eléctrico e do tradicional á música moderna.

Participou no disco recompilación Palop Africa!, que reuniu varios músicos dos países africanos de fala portuguesa e fixo algunhas actuacións no Reino Unido para amosar o traballo. A canción Ermos di terra causoulle impresión á musicóloga inglesa e presentadora do programa World Routes da BBC Radio 3 Lucy Duran. Como resultado o álbum Paradiso Di Gumbe (2003), foi producido pola presentadora británica. Este está considerado o primeiro disco gravado en Guinea-Bissau a pesar da rica tradición musical do seu país, que aínda se atopaba en proceso de reconstrución trala guerra civil de 1998. Lucy Duran e máis o produtor Jerry Boys montaron un estudio de gravación improvisado na discoteca The Rio en Guinea-Bissau. Traballaron principalmente con músicos nativos pero incorporaron á gravación novos instrumentos.

Tras coñecer a Narf no Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré en Pontevedra decidiron traballar xuntos. Gravou o seu cuarto disco Aló Irmao! (2010), en colaboración con Narf, en directo no Teatro Principal de Santiago de Compostela no ano 2009. Conseguiron o número 1 no Top ten da RDP-África co seu disco en agosto do ano 2010, permanecendo no cumio da lista durante tres semanas.13px

Discografía Mundo Di Fêmea (1991) Fundo Di Matiu (1999) Paradiso Di Gumbe (2003) Aló irmao! (2010)

Notas

Véxase tamén Outros artigos Narf

Categoría:Músicos de Guinea-Bissau Categoría:Nados en 1967 Categoría:Nados en Guinea-Bissau