Fernando Roig Alfonso, nado na pedanía de Poble Nou (Valencia) o 25 de xuño de 1947, é un empresario español. É o propietario e presidente de Pamesa e máximo accionista e presidente do Villarreal Club de Fútbol.
Traxectoria Na súa faceta empresarial é propietario e presidente da industria cerámica Pamesa, con sede en Almassora (Castelló), e dono do 11% da cadea de supermercados Mercadona, que dirixe o seu irmán Juan. Tamén está presente no sector da enerxía eólica a través da sociedade Renomar.
A outra faceta pola que é coñecido Fernando Roig é a deportiva, xa que se trata do máximo accionista e presidente do Villarreal Club de Fútbol, e foino do Pamesa Valencia de baloncesto, ademais de ser un importante accionista do Valencia Club de Fútbol. Fernando Roig adquiriu a maioría das accións do equipo de Vila-real na tempada 1997-98, na que compaxinou a dirección tanto do Villarreal CF como do Pamesa Valencia. Baixo o seu mandato, o club de fútbol experimentou un gran crecemento, ascendendo á Primeira División e xogando competicións europeas, tanto a Copa da UEFA como a Champions League. Ademais creou equipos de fútbol base como o Villarreal B, destacando a construción da Cidade Deportiva. Finalmente delegou as súas funcións no Pamesa no seu irmán Juan Roig, aínda que nunca se desvinculou do club que patrocina.
En xaneiro de 2009 recibiu o premio ao "Mellor Dirixente Deportivo 2008" outorgado polo diario Mundo Deportivo, sendo a primeira vez que se facía entrega dese premio na categoría mencionada.
Vida persoal Fernando Roig está casado coa pintora Elena Negueroles, coa que ten dous fillos, un dos cales, Fernando, colabora co seu pai na xestión do Villarreal CF. O 22 de febreiro de 2006 foi nomeado Fillo Adoptivo de Vila-real polo Concello desta localidade, nun acto celebrado no auditorio municipal.
Notas
Categoría:Presidentes de clubs de fútbol de España Categoría:Villarreal CF Categoría:Nados en Valencia Categoría:Nados en 1947