O new wave of British heavy metal (literalmente en ), abreviado comunmente como NWOBHM ou N.W.O.B.H.M., foi un movemento musical de contexto nacional que tivo lugar no Reino Unido a finais dos anos 1970 e acadou unha atención internacional a comezos dos anos 1980. O xornalista Geoff Barton cuñou o termo na edición de maio de 1979 da revista musical británica Sounds para describir o xurdimento de novos grupos de heavy metal a finais da década dos anos 1970, durante un período de declive do punk rock e dominación da música new wave.

Malia abranguer estilos diversos de correntes principais e underground, a música do NWOBHM caracterizouse por tomar o heavy metal dos anos 1970 e infundirlle a intensidade do punk rock para producir cancións rápidas e agresivas. A actitude DIY dos novos grupos de heavy metal favoreceu a expansión de gravacións de produción propia cun son cru e a proliferación de discográficas independentes. As letras das cancións adoitaban tratar temas de escapismo, como a mitoloxía, a fantasía, a ciencia ficción o terror e o estilo de vida da música rock.

O NWOBHM comezou como un fenómeno de movemento underground medrando en paralelo ó punk e ignorado en gran parte polos medios. A promoción por parte do DJ de música rock Neal Kay e as campañas publicitarias da revista Sounds fixeron que este movemento chegase á conciencia pública, gañando tempo de emisión na radio, recoñecemento e éxitos no Reino Unido. O movemento incluía na súa maioría músicos e afeccionados mozos, de raza branca e de clase obreira, que sufrían as duras condicións do aumento do desemprego durante anos trala recesión de 1973–1975. Como reacción a súa situación social, crearon unha comunidade separada do mainstream. O NWOBHM recibiu fortes críticas por mor da grande expectación xerada polos medios locais a favor dun gran número de músicos considerados sen talento. Non obstante, foi o motor dunha renovación do xénero da música heavy metal e avanzou o progreso da subcultura do mesmo, actualizando os seus códigos visuais e de comportamento, que foron adoptados rapidamente por afeccionados ó heavy metal de todo o mundo trala expansión da súa música ata a Europa continental, Norteamérica e o Xapón.

Dentro do movemento xurdiron unha gran cantidade de grupos de heavy metal, mais só uns poucos deles sobreviviron á chegada da MTV e a popularidade do glam metal máis comercial na segunda metade da década dos anos 1980. Entre eles, Iron Maiden e Def Leppard convertéronse en grupos de fama internacional, mentres que outros como Motörhead e Saxon obtiveron un éxito considerable. Outros grupos, como por exemplo Diamond Head, Venom e Raven, mantivéronse na corrente underground, pero aínda así foron unha influencia principal nos subxéneros de metal extremo que xurdiron a finais dos anos 1980 e comezos dos anos 1990. Moitos dos grupos do NWOBHM volveron a reunirse nos anos 2000, manténdose activos por medio de actuacións en directo e da publicación de novos álbums de estudio.

Contexto Malestar social no Reino Unido

left|thumbnail|Manifestación de mineiros en folga en Londres no ano 1984 Na segunda metade dos anos 1970 o Reino Unido atopábase nun estado de malestar social e pobreza estendida como resultado de políticas sociais non efectivas por parte dos gobernos conservadores e laboristas durante un período de recesión económica que durou tres anos. Como consecuencia dunha desindustrialización, a taxa de desemprego era excepcionalmente alta, especialmente entre os mozos de clase traballadora. O desemprego continuou aumentando a comezos dos anos 1980, chegando o seu punto máis alto en febreiro de 1983. O descontento xeneralizado dun número tan alto de xente xerou un malestar social con folgas frecuentes, culminando nunha serie de disturbios como os de Brixton e Toxteth. Durante este período a masa de mozos, privados de esperanzas de tan sequera obter traballos pouco cualificados dispoñibles para xeracións previas, procuraron outras maneiras de obter ingresos nos negocios da música e do entretemento. A explosión de novos grupos e estilos musicais procedentes do Reino Unido a finais dos anos 1970 foi un resultado dos seus esforzos para saír adiante na depresión económica que azoutou o país antes dos gobernos de Margaret Thatcher.

A desesperación e reacción violenta dunha xeración privada dun futuro asegurado quedou ben representada no movemento punk británico de 1977–1978, que continuou a súa rebelión contra o establishment diluíndose na música new wave e post-punk dos anos 1980. Estes autoproclamados punks eran militantes políticos, caracterizados por unha actitude anarquista e prácticas escénicas como os bailes "pogo". Adoitaban levar peiteados curtos e de punta ou a cabeza afeitada, habitualmente con elementos estéticos de pinchos e roupas resgadas, e consideraban a habilidade musical pouco importante mentres que a música fose simple e ruidosa. Porén, non tódolos mozos de clase traballadora acolleron o movemento punk, preferindo escapar da súa realidade por medio da música heavy metal, igual de efectiva para darlles diversión, alivio do estrés e compañeirismo perante a falta de empregos.

Heavy rock no Reino Unido O Reino Unido foi un berce para a primeira onda do heavy metal que naceu a finais dos anos 1960 e que floreceu a comezos dos anos 1970. Dos numerosos grupos británicos que xurdiron durante ese período, Led Zeppelin, Black Sabbath e Deep Purple acadaron o éxito mundial e a aclamación da crítica. O éxito deste xénero musical, habitualmente chamado heavy rock naquel momento, xerou unha comunidade de afeccionados británicos con fortes lazos á psicodelia, as doutrinas hippies e a subcultura moteira. Cada un destes grupos sufriron crises a mediados e finais dos anos 1970: Led Zeppelin viuse envolto en discordias e traxedias persoais que reduciron de forma drástica a súa actividade, Black Sabbath despediu o seu carismático pero pouco fiable vocalista Ozzy Osbourne, e Deep Purple separouse. Como consecuencia disto, o movemento do heavy metal perdeu gran parte do seu pulo e interese dos medios, que pasou a centrarse no que o escritor británico Malc Macmillan denominou "os mercados máis de moda ou lucrativos do día", como a música disco, o glam, o mod revival, o new wave e a música electrónica. Da mesma forma que outros grupos de rock progresivo e outras correntes principais dos anos 1970, os grupos de heavy rock estaban vistos, en palabras do xornalista Garry Bushell, como "torpes dinosauros" por parte do xornalismo musical que centrou o seu obxectivo no punk rock e no new wave. Algúns escritores chegaron incluso a proclamar a defunción prematura do conxunto do heavy metal.

A crise dos chamados "xigantes" do heavy rock británico deixou lugar a ascensión doutros grupos de rock a mediados dos anos 1970, incluíndo Queen, Hawkwind, Budgie, Bad Company, Status Quo e Nazareth, todos eles con múltiples entradas nas listas de éxitos británicas e con xiras internacionais de éxito. As listas de éxitos británicas deste período indican que aínda existía unha grande audiencia para a música heavy metal no país, con grupos nacentes como Thin Lizzy, UFO e Judas Priest, acadando éxitos tanxibles e cobertura dos medios a finais dos anos 1970. Os grupos estranxeiros de hard rock como os estadounidenses Blue Öyster Cult e Kiss, os canadenses Rush, os alemás Scorpions e particularmente os australianos AC/DC subiron ós postos máis altos das listas británicas nese mesmo período.

Motörhead

right|thumbnail|Lemmy Kilmister de Motörhead está considerado coma unha figura de referencia para o movemento. O grupo Motörhead fundouse en 1975 trala unión de músicos xa experimentados. O seu líder Lemmy Kilmister formara parte do grupo de space rock Hawkwind, Larry Wallis tocara en Pink Fairies e Eddie Clarke fora membro de Curtis Knight Zeus. As súas experiencias previas é un dos elementos que dividen a opinión dos críticos e afeccionados sobre se o grupo pertence ó movemento NWOBHM ou non. Parte deles afirman que o grupo debería estar considerado coma unha inspiración para o movemento, mais non parte del xa que tiñan asinado contratos, realizado xiras e subido ás listas de éxitos antes de que calquera grupo do NWOBHM chegara a saír da escena local de clubs. Motörhead foi tamén o único grupo de heavy metal do período que gravou temas co DJ veterano da BBC radio John Peel para o seu programa Peel Sessions, e o primeiro grupo en acadar a posición número 1 das listas de álbums no Reino Unido co disco de directo No Sleep 'til Hammersmith en xuño de 1981. O propio Lemmy afirmou que "o NWOBHM ... non nos fixo moito ben", xa que Motörhead "apareceu algo cedo de máis".

Outros críticos ven a Motörhead como o primeiro expoñente significativo do movemento, e o primeiro grupo en levar a cabo por completo unha mestura entre o punk rock e o heavy metal. A súa rápida música, a renuncia ao virtuosismo técnico en favor do volume puro, e a súa actitude intransixente foi ben recibida tanto polos punks coma polos afeccionados ó heavy metal. Motörhead realizou xiras co apoio de moitos grupos do NWOBHM, ademais de compartir escenario co grupo de punk amigo de Lemmy The Damned. O estilo musical de Motörhead tornouse moi popular durante a época do NWOBHM, facendo deles unha referencia fundamental para o nacente movemento e para músicos de varios subxéneros do heavy metal en décadas posteriores.

Historia Movemento underground esquerda|thumbnail|Paul Di'Anno e Steve Harris de Iron Maiden. A aparencia e personalidade de Di'Anno facíalle parecer máis un cantante de punk que un metalhead. Thin Lizzy, UFO e Judas Priest xa realizaban actuacións en escenarios internacionais, cando novos grupos de heavy metal, compostos por xente moi nova, debutaron en pequenos escenarios en moitas cidades do Reino Unido. Os principais escenarios do país adoitaban reservarse para os grupos de música disco do máis alto das listas, xa que o seu uso para actuacións de música rock considerábase moito menos beneficioso economicamente. Ó igual que moitos outros grupos británicos do pasado, os novos grupos pasaron os seus anos formativos tocando en directo en clubs, pubs, salas de baile e círculos sociais de clase baixa. Este adestramento mellorou as súas capacidades musicais, creou unha base de afeccionados locais e permitiulles poñerse en contacto con representantes e axentes das discográficas.

Angel Witch, Iron Maiden, Praying Mantis e Samson de Londres, Son of a Bitch (posteriormente Saxon) de Barnsley, Diamond Head de Stourbridge, Marseille de Liverpool, White Spirit de Hartlepool, Witchfynde de Derbyshire, Vardis de Wakefield, Def Leppard de Sheffield, Raven e Tygers of Pan Tang de Newcastle, e Holocaust de Edimburgo foron os grupos de heavy metal máis importanes fundados entre os anos 1975 e 1977 que animaron a escena de clubs nas súas respectivas cidades e vilas. Os primeiros grupos deste novo movemento musical competían por espazo de actuación con outros grupos de punk, habitualmente provocando unha especialización dos clubs que pasaron a traballar só con grupos dun dos dous estilos. As diferenzas en ideoloxía, actitude e aparencia tamén provocou unha gran rivalidade entre as dúas audiencias.