Beauty and the Beast é un filme estadounidense de fantasía dirixido por Bill Condon e escrito por Evan Spiliotopoulos e Stephen Chbosky, baseado no conto de fadas do mesmo nome de Jeanne-Marie Leprince de Beaumont. É unha adpatación en imaxe real do filme de debuxos animados (tamén da Disney) de 1991: Beauty and the Beast.
Está protagonizado por Emma Watson, Dan Stevens, Luke Evans, Ewan McGregor, Ian McKellen, Emma Thompson, Kevin Kline, Josh Gad, Audra McDonald, Gugu Mbatha-Raw, Stanley Tucci e Bill Paxton. A fotografía principal comezou nos Estudios Shepperton de Londres o 18 de maio de 2015.
O filme estreouse o 17 de marzo de 2017 e a súa banda sonora inclúe cancións de artistas de renome como Celine Dion, John Legend e Ariana Grande.
Sinopse Bela (Emma Watson) é unha moza brillante, fermosa, e independente que é prendida por unha Besta (Dan Stevens) no seu castelo en troco da liberdade do seu pai Maurice (Kevin Kline). Malia o medo que ten, Bela fai amizade co persoal encantado do castelo e aprende a ver máis aló do horríbel exterior da Besta para recoñecer o corazón amábel e a alma do verdadeiro príncipe humano que mora no seu interior. Mentres tanto, un cazador chamado Gastón (Luke Evans) pretende conquistar a Bela, polo que tenta cazar a Besta a calquera prezo.
Elenco Emma Watson como Bela. Dan Stevens como a Besta / O príncipe Adam. Luke Evans coma Gaston, un cazador e ex-soldado malvado e desapiadado, que procura casar con Bela. Ewan McGregor coma Lumière, o asistente real de Besta, que foi convertido nun candelabro. Ian McKellen como Din Don, o mordomo leal de Besta, que foi convertido nun reloxo de mesa. Emma Thompson como a Señora Potts, a asistente do castelo, que foi convertida nunha teteira. Kevin Kline como Maurice, o pai de Bela. Josh Gad como LeFou, o secuaz de Gastón. Audra McDonald como Madame de Garderobe, a cantante de ópera italiana do castelo, que foi convertida nun armario. Gugu Mbatha-Raw como Plumette, a coqueta criada do castelo e namorada de Lumière, que foi convertida nun plumeiro. Stanley Tucci como Mestre Cadenza, o compositor do castelo e home de Garderobe, que foi convertido nun clavicordio, é un personaxe orixinal creado para o filme. Henry Garrett como o Rei. Nathan Mack como Chip, o fillo da señora Potts, que foi convertido nunha cunca de té. Harriet Jones como a Raíña. Hattie Morahan como Agathe, a feiticeira que transformou o príncipe nunha besta pola súa arrogancia. Adrian Schiller como Monsieur d'Arque, o dono do manicomio local, a quen Gaston suborna para que o axude no seu plan de casar con Bela. Gerard Horan como Señor Potts.
Produción O 4 de xuño de 2014, Bill Condon asinou un contrato para dirixir o remake con actores reais de carne e óso da orixinal animada A Bela e a Besta da Disney. O 26 de xaneiro de 2015, anunciouse que Emma Watson sería Bela, a princesa protagonista da película. Luke Evans estaba en conversacións para interpretar o papel do vilán Gastón, o cazador, o 4 de marzo de 2015, que foi confirmado polo tweet de Watson o 5 de marzo de 2015. Dan Stevens tamén estaba en negociacións para interpretar a Besta/o Príncipe Adam, o segundo protagonista da película o 4 de marzo de 2015. Stevens tamén foi confirmado por Watson o 5 de marzo de 2015. Josh Gad foi incluído no elenco o 13 de marzo de 2015 para interpretar a LeFou, o compañeiro de Gastón. Emma Thompson uniuse ao elenco o 16 de marzo de 2015 para interpretar a señora Potts e Kevin Kline para interpretar a Maurice, o pai de Bela. Audra McDonald foi incluída ao elenco como Garderobe, o armario, o 27 de marzo de 2015. Ian McKellen foi incluído o 10 de abril de 2015 para interpretar a Din Don, leal mordomo da Besta, que foi maldicido dentro do castelo e convertido nun reloxo. O 13 de abril de 2015, Gugu Mbatha-Raw confirmouse que interpretaría a Plumette, o plumeiro. O 21 de abril, anunciouse que Ewan McGregor se unira ao elenco como Lumière, o candelabro, e máis tarde ese mesmo día, que Stanley Tucci estaría a interpretar a Cadenza, o piano, que é un personaxe orixinal creado para a película.
Rodaxe A fotografía principal comezou nos Estudios Shepperton de Londres o 18 de maio de 2015. A filmación cos principais actores concluíu o 21 de agosto de 2016. Seis días despois, o coprodutor Jack Morrisey confirmou que a película acabara oficialmente a produción.
Estrea O 16 de marzo de 2015, a Disney anunciou que o filme se estrearía en 3D o 17 de marzo de 2017. A primeira presentación oficial do filme levouse a cabo en D23 Expo en agosto de 2015.
Promoción Tras un anuncio o 22 de maio de 2016, a Disney estreou o primeiro teaser oficial o 23 de maio de 2016. Nas súas primeiras 24 horas, o tráiler alcanzou 91,8 millóns de visitas, o que superou o número de visitas nesa cantidade de tempo na historia, incluíndo para os resumos doutras películas distribuídas pola Disney coma Star Wars: The Force Awakens, Captain America: Civil War e Avengers: Age of Ultron. O primeiro cartel promocional foi lanzado o 7 de xullo de 2016. O 2 de novembro de 2016, Entertainment Weekly mostrou a primeira imaxe oficial na portada da súa revista desa semana xunto con nove fotos novas tamén. Unha semana despois, Emma Watson e a Disney publicaron un novo póster para a película. Durante o programa de Good Morning America, o 14 de novembro do 2016 estreouse o tráiler oficial do filme. O tráiler alcanzou 127,6 millóns de visitas nas súas primeiras 24 horas, establecendo unha nova marca como o tráiler con máis vistas nun día, superando a Fifty Shades Darker. Con todo, a marca foi rota de novo por The Fate of the Furious. Un anuncio de televisión con Watson cantando mostrouse durante a 74ª Entrega dos Premios Globos de Ouro. A Disney lanzou o tráiler final o 30 de xaneiro de 2017.
Controversia Nesta versión do filme, LeFou (interpretado por Gad) é homosexual, marcando o primeiro e único personaxe abertamente homosexual dunha película da Disney. A decisión de inclusión foi recibida con eloxios pola crítica. O goberno ruso considerou a prohibición da película no país, porén finalmente decidiu que calquera persoa menor de 16 anos entraría nos cines sempre con acompañantes adultos. Ademais, un cine en Henagar, Alabama non proxectará a película debido á subtrama. En Malaisia, postergouse o lanzamento en espera dunha “revisión interna”, xa que a censura da película de Malaisia esixe que se elimine dita escena. Así mesmo, neste país foi cualificada para maiores de 13 anos.
Ante estas críticas, os propios actores que protagonizaron o filme, pronunciáronse respecto disto. Ewan McGregor, que interpreta Lumière, declaraba o seguinte: "Se vives preto de Alabama non deberías ir ver esta película. Que pensaría Xesús?". Por outra banda, Josh Gad, que caracteriza a LeFou, afirmou durante a estrea da película nos Ánxeles: "Bill Condon fixo un traballo incríbel ao darnos a oportunidade de crear unha versión de LeFou que non é como a orixinal ... pero que o fai máis humano e en certa medida un personaxe marabillosamente complexo".
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
A bela e a besta en FilmAffinity. A bela e a besta en Rotten Tomatoes (en inglés). A bela e a besta en Tomatazos A bela e a besta en Box Office Mollo (en inglés). Tráiler en 20minutos.
Categoría:Filmes de 2017 Categoría:Filmes baseados en contos de fadas Categoría:Filmes de Walt Disney Pictures Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes de 2017 en 3D Categoría:Filmes musicais Categoría:Filmes ambientados en Francia Categoría:Filmes ambientados no século XVIII Categoría:Filmes distribuídos en sistemas IMAX