A Irmandade do Prendemento é unha das oito confrarías que existen na Semana Santa de Viveiro. Ten a súa sede na igrexa de San Francisco, en Viveiro.

Historia A Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario e a Venerable Orde Terceira Franciscana compartiron durante máis de dous séculos a organización dos desfiles procesionais da Semana Santa viveirense, ata que, a partir do ano 1944, se incorporou a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade.

Da Confraría da Piedade xurdiron diversas filiais. A primeira delas foi a Irmandade do Prendemento, creada no ano 1947.

Características xerais A irmandade emprega capa e capirote brancos ou vermellos, con hábito branco ou vermello, segundo a sección. O hábito leva bordado o emblema da irmandade, formado pola coroa de espiñas cruzada pola lanza e a esponxa e, no centro, pola columna coa soga.

Pasos procesionais Paso procesional do Bico de Xudas O paso procesional do Bico de Xudas é un grupo escultórico do prendemento creado por José Rivas no ano 1947. Conta con catro figuras:

Cristo. É unha imaxe de madeira policromada e estofada de 1,7 × 1,1 m, debido a que esta imaxe e a de Xudas forman unha soa peza. A figura mostra a Cristo co cabelo longo e a barba poboada, vestido cunha túnica cinguida á cintura por unha faixa e con sandalias nos pés. Cristo ten o brazo dereito flexionado, coa man sobre o peito. Xudas. É unha imaxe de madeira policromada. A figura mostra a Xudas co cabelo curto e barba escura, cunha túnica verde, un manto marrón e sandalias. Xudas abraza a Cristo co brazo esquerdo e leva nesa man unha bolsa de moedas; o brazo dereito ergue un facho e o pé dereito aparece flexionado cara atrás. Romano. É unha imaxe de madeira policromada e estofada de 1,9 m de altura, aínda que a insignia que leva na man esquerda mide 2 m. A figura representa un romano co traxe típico do exército romano. O romano ten o brazo dereito estendido, sinalando a Cristo; co brazo esquerdo suxeita unha insignia coas siglas SPQR e leva a perna dereita adiantada, en actitude de movemento. O saxón. É unha imaxe de madeira policromada de 1,5 m de altura, inclinada cara adiante. A figura mostra un saxón co cabelo curto e rizado, vestido de vermello e verde. O saxón ten o corpo inclinado cara adiante, en actitude de deter a Cristo, agarrándoo polo ombreiro co brazo dereito; o brazo esquerdo queda cara atrás, suxeitando unha corda.

Paso procesional das Negacións de San Pedro O paso procesional das Negacións de San Pedro é un grupo escultórico creado por Antonio Bernal entre os anos 2010 e 2011. Conta con tres figuras:

San Pedro. É unha imaxe tallada en cedro, estucada ao temple de ovo, policromada ao óleo e brocada. A figura mostra a san Pedro cun manto curto verde, rematado con flocos dourados, e unha túnica branca de pregamentos dourados con motivos florais e símbolos propios da iconografía do santo, como as chaves ou o galo. San Pedro ten a man dereita estendida sobre o peito, o brazo esquerdo estendido cara atrás e a perna dereita cara adiante. Muller acusadora. Galo.

Procesións Durante a Semana Santa de Viveiro, a Irmandade do Prendemento encárgase de sacar as seguintes procesións:

Procesión do Prendemento (Xoves Santo). Procesión da Paixón (Venres Santo).

Estandarte O estandarte da Irmandade do Prendemento é obra das monxas Concepcionistas de Viveiro e data do ano 1954. O seu tecido é de veludo granate, sobre o que están bordados en fío de prata os símbolos da Paixón de Cristo, así como motivos florais. Unha elegante grilanda de flores, talos e follas serve de marco ao elemento principal, símbolo da Paixón, que mostra a columna e o látego circunscritos na coroa de espiñas. Á súa vez, todo este conxunto está atravesado por dúas frechas.

No reverso do estandarte aparece bordada igualmente en fío de prata a inscrición «Irmandade do Prendemento», así como a data de confección en números romanos.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Semana Santa de Viveiro Historia da Semana Santa de Viveiro Venerable Orde Terceira Franciscana Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario Confraría do Santísimo Cristo da Piedade Irmandade das Sete Palabras Irmandade da Santa Cruz Confraría do Nazareno dos de Fóra Confraría da Misericordia

Ligazóns externas Páxina oficial da Irmandade do Prendemento

Categoría:Semana Santa de Viveiro