María Luísa Nache, nada o 3 de novembro de 1924 na Coruña (nalgunhas fontes indícase Ferrol) e finada na mesma cidade o 9 de setembro de 1985, foi unha soprano galega. Cantou nalgúns dos máis importantes teatros de ópera do mundo con grandes figuras do bel canto e con algúns dos directores de orquestra máis destacados da época. Mantivo unha importante relación profesional co tenor italiano Franco Corelli, con quen cantou óperas como Il trovatore ou Turandot.

Traxectoria María Luísa Nache comezou a súa formación vocal cando contaba aproximadamente con 14 anos na Coruña, na desctacada Escola de Canto de Bibiana Pérez. Posteriormente marchou a Madrid, onde perfeccionou a súa técnica con Lorenzo Simonetti, quen tamén fora mestre de Ofelia Nieto e Ángeles Otein.

En 1945 debutou no Teatro Rosalía de Castro da cidade herculina con Aida, e poucos anos despois, en 1953 no máis importante teatro de ópera do mundo, o Teatro alla Scala de Milán. No seu debut no templo do bel canto interpretou o papel de Glauce en Médée de Cherubini xunto a Maria Callas baixo a dirección de Leonard Bernstein. En 1959, seis anos despois da súa primeira aparición no teatro milanés, regresou para cantar en Il trovatore de Verdi xunto con Franco Corelli.

Nos anos sesenta regresou á Coruña, comezando a espazar as súas representacións operísticas para pasar a adicarse principalmente ao recital. En 1973 obtivo a cátedra de canto do Conservatorio da Coruña, e en 1976 ingresou na Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, cun discurso sobre voces de ouro galegas no mundo.

Notas

Categoría:Nados en 1924 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1985 Categoría:Sopranos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes