Eduardo "Edu" Expósito Jaén, nado en Cubelles o 1 de agosto de 1996, é un futbolista español. Xoga de centrocampista no Espanyol, da Primeira División.
Traxectoria Formouse como futbolista na canteira do Cubelles da súa vila natal, pasando máis tarde polas categorías inferiores do Vilanova e o Gavà. En 2014, no seu último ano como xuvenil, ingresou no Damm, co que disputou a División de Honra ás ordes de Cristóbal Parralo.
No verán de 2015 foi fichado polo Fabril, equipo filial do Deportivo da Coruña, que incorporou tamén ao seu compañeiro Lucas Viñas. Debutou co equipo de Manuel Mosquera na Terceira División na primeira xornada da tempada 2015/16, fronte ao Boiro no campo de Barraña, substituíndo na segunda parte a Hugo Rama. Continuou na titularidade durante case todo o resto da tempada, na que disputou sen éxito a promoción de ascenso.
Debutou co primeiro equipo do Deportivo o 7 de maio de 2017, durante o seu segundo ano na Coruña, na antepenúltima xornada da Primeira División ante o Espanyol en Riazor. O adestrador Pepe Mel aliñouno no centro do campo titular, xunto a Celso Borges, Guilherme e Emre Çolak, nun encontro que acabou en derrota (1-2). Unhas semanas despois certificou co Fabril o ascenso á Segunda División B, despois de que o equipo se proclamase campión do Grupo I de Terceira e derrotase ao Cacereño na promoción. Durante a tempada 2017/18 militou na terceira categoría do fútbol español, ao tempo que compaxinaba máis partidos co primeiro equipo. Pechou a súa etapa de tres anos no Fabril cun total de 95 partidos e 15 goles.
Para a campaña 2018/19 foi subido definitivamente ao primeiro equipo, que acababa de descender á Segunda División e que comezaba a competición con Natxo González como adestrador. Xogou 40 partidos ao longo da tempada, marcando dous goles (ante Numancia e Nàstic), e foi titular nos catro encontros da promoción de ascenso a Primeira, na que o equipo galego caeu eliminado ante o Mallorca.
O 13 de xullo de 2019, anunciouse o seu traspaso ao Eibar, equipo da Primeira División. Xogou as dúas primeiras campañas na máxima categoría, ás ordes de Mendilibar, ata que o equipo descendeu en 2021. Militou unha terceira tempada no club de Ipurua, acadando os 117 partidos e 12 goles.
No verán de 2022 regresou á Primeira División, fichando polo Espanyol, co que sumou un novo descenso ao remate da tempada.
Palmarés Fabril Terceira División (1): 2016/17.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en lapreferente.com .
Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Cubelles Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do SD Eibar Categoría:Xogadores do RCD Espanyol