Manel Navarro Quesada, nado en Sabadell o 7 de marzo de 1996, é un cantante, guitarrista e compositor catalán. Foi elixido en Objetivo Eurovisión, para representar a España no Festival da Canción de Eurovisión 2017 que tivo lugar na cidade de Kíiv (Ucraína). O tema escollido foi "Do It for Your Lover", que obtivo o último posto no festival, obtendo soamente 5 puntos do televoto outorgados por Portugal.

Traxectoria

Comezos e debut profesional Dende neno interesouse pola música. Os seus referentes musicais son Ed Sheeran, The Rolling Stones e o DJ Kygo entre outros. Foi o seu pai quen lle regalou a súa primeira guitarra ós 14 anos de idade.

Como xéneros musicais referentes son o pop e o tropical house. Tamén se inspira na música de James Bay, Ben Howard, Hozier ou Passenger, todos eles de tradición británica con cancións en inglés. Iniciou a súa carreira en solitario como afeccionado subindo versións ás súas redes sociais.

No 2014 deuse a coñecer despois de gañar a segunda edición do concurso autonómico para novos talentos musicais Teen Star coa súa versión acústica de "Hold on, we're going home", do canadense Drake, que lle permitiu asinar o seu primeiro contrato discográfico con TeenStarRecords e, uns meses despois, fichar pola mesma axencia que impulsou aos grupos Auryn e Sweet California, banda á que acompañou na súa anterior xira "Wonder Tour" encargándose de abrir os seus concertos. Asemade, gravou o primeiro tema da súa autoría debutando como compositor, titulado "Brand new day".

No 2016, asinou coa súa actual discográfica, Sony Music Entertainment (SME), e lanzou o seu primeiro sinxelo, "Candle". En xaneiro de 2017, lanzou o seu segundo sinxelo, "Do it for your lover", un tema pop composto tamén por el mesmo, entrando na lista dos 40 Principais, acadando o posto número 19, sendo considerado como unha das figuras emerxentes para 2017. O día da celebración do festival atopábase no último posto na lista dos 40.

Objetivo Eurovisión 2017 O día 12 de xaneiro foi seleccionado en Eurocasting, como finalista de Objetivo Eurovisión, para representar a España no Festival de Eurovisión 2017 na cidade de Kíiv (Ucraína) xunto a Paula Rojo, Mario Jefferson, Maika Barbero, Mirela Cabero e Leklein.

O 11 de febreiro foi seleccionado para representar a España no Festival de Eurovisión 2017 ao imporse no programa Objetivo Eurovisión aos outros cinco participantes co seu tema "Do It for Your Lover". "Gañou" con 34 puntos do xurado profesional e 23 do televoto (terceira posición), que sumaron un total de 58 puntos. Tras un empate con Mirela Cabero, o xurado volveu votar e optou por Manel como representante de España no festival. Cando rematou a votación, unha parte do público apupou a Manel Navarro. Virginia Díaz, a membro do xurado que elixiu co seu voto a Manel Navarro como representante de España, lamentou a reacción dos partidarios da outra finalista presentes na gala, e asegurou que o procedemento foi xusto. Sobre ela recaeu o "peso" de desempatar aos dous candidatos. A súa decisión estaba clara desde o principio pois, indicou, o pop latino de Mirela "quédalle moi lonxe". Por outra banda, un membro do público levantouse e pegou ao membro do xurado Xavi Martínez, por considerar a súa decisión imparcial ao ser a súa cadea patrocinadora de Manel Navarro desde que se presentou a canción.

Eurovisión 2017 O 13 de maio tivo lugar a final do Festival de Eurovisión saíndo a cantar en 16° lugar. Ó final da canción deu unha nota falsa que puido ser a causante da súa mala puntuación. O seu desafino infestou as redes sociais de brincadeiras, memes e parodias.

A súa participación en Eurovisión considerouse un dos peores resultados de España na historia do concurso, non conseguindo ningún punto dos 42 xurados, que o deixa detrás de Alemaña con 3, e só cinco puntos por parte do televoto.

Notas

Categoría:Cantantes de Cataluña Categoría:Compositores de Cataluña Categoría:Compositores de España Categoría:Músicos de Cataluña Categoría:Nados en 1996 Categoría:Representantes de España en Eurovisión Categoría:Artistas de Música Global Categoría:Nados en Sabadell