O Crocodylus siamensis, xeralmente chamado crocodilo siamés, é unha especie de crocodilo de tamaño medio ou pequeno nativo de Indonesia (Borneo e posiblemente Xava), Brunei, Malaisia do Leste, Laos, Camboxa, Myanmar, Tailandia, e Vietnam. A especie está en perigo crítico e xa está extinguida en moitas das rexións nas que adoitaba habitar.

Características

miniatura O crocodilo siamés é un crocodilo de auga doce de mediano tamaño, cun fociño liso relativamente ancho e unha elevada crista ósea detrás de cada ollo. En conxunto é de cor verde oliva, con algunhas variacións verdes escuras. Os espécimes novos miden de 1,2 a 1,5 m e teñen un peso de 6 a 12 kg, e crecen ata os 2,1 m e un peso de 40 a 70 kg ao chegaren a adultos.Renegade reptiles by Tom Lee As femias máis grandes poden medir 3,2 m e pesan 150 kg.Alleged Siamese crocodile found dead in Vietnam. tuoitrenews.vn (30 de setembro de, 2012) Os machos grandes poden alcanzar os 4 m e os 350 kg. A maioría dos adultos non excede dos 3 m de lonxitude, aínda que os híbridos en catividade poden crecer moito máis. miniatura|Crocodilo siamés

Distribución e hábitat

A área de distribución histórica do crocodilo siamés incluía a maioría do sueste asiático. Esta especie está agora extinta ou case extinta na natureza na maioría dos países desa rexión e só ten certa abundancia en Camboxa. Anteriormente encontrábase en Camboxa, Indonesia (Borneo e posiblemente Xava), Laos, Malaisia, Tailandia, Vietnam, Brunei, e Birmania.

As poboacións silvestres restantes deste crocodilo (algunhas moi reducidas) están distribuídas actualmente nas seguintes localizacións: Camboxa: nos ríos Srepok, Sekong, Sre Ambel/Kampong Saom, Pursat, Koi, Kep, Tatai e Areng e no pantano de Veal Veng. Indonesia: no lago Mesangat no sistema fluvial do Mahakam, provincia de Kalimantán leste. E, segundo informes locais non confirmados, na provincia de Kalimantán central. Laos: nos sistemas fluviais dos ríos Xe Champhone, Xe Banghiang, Xe Bangfai e Xe Xangxoy (provincia de Savannakhet), e do Xe Pian-Xe Khampho (provincia de Attapu), Xe Don (provincia de Salavan) e na Área Protexida Nacional de Phou Khaokhouay (provincia de Bolikhamxay) Tailandia: no Parque Nacional de Pang Sida e no Parque Nacional de Kaeng Krachan. Vietnam: no lago Ha Lam (provincia de Phu Yen). Reintroducida no Parque Nacional de Cat Tien.

Os crocodilos siameses aparecen en diversos hábitats de auga doce, incluíndo ríos de movemento lento e regatos, lagos, lagos estacionais (en meandros abandonados) e pantanos.

Bioloxía e comportamento

miniatura|Crocodilo siamés durmindo coa boca aberta para liberar calor Malia a preocupación pola súa conservación, moitos aspectos da historia vital de C. siamensis na natureza seguen sendo descoñecidos, especialmente sobre a súa bioloxía reprodutora.

Os adultos aliméntanse principalmente de peixes e serpes, pero tamén comen anfibios e pequenos mamíferos.

As femias constrúen niños con forma de morea construídos a partir de restos de plantas arrancadas mesturados con lama. En catividade, estes crocodilos reprodúcense durante a estación húmida (de abril a maio), e poñen de 15 a 50 ovos, que son vixiados ata que eclosionan. Despois da incubación, as femias axudan as crías a romperen a casca dos ovos e despois transpórtanas na boca á auga.

Os exemplares puros e non hibridados desta especie xeralmente non son agresivos cos humanos, e non se coñecen casos de ataques non provocados.Cox, M.J. van Dijk, P.P, Nabhitabhata, J and Thirakhupt, K. (2009) A photographic guide to Snakes and other reptiles of Thailand and South-East Asia. Asia Books Co. Ltd. Bangkok. ISBN 0883590433.

Status de conservación e ameazas

Este crocodilo está clasificado como en perigo crítico na Lista vermella da IUCN, e figura no Apéndice I de CITES.

É un dos crocodilos máis ameazados na natureza, aínda que é intensamente criado en catividade.

Ameazas Os crocodilos siameses están ameazados polas alteracións e ocupacións do hábitat causadas polos humanos, o cal está forzando ás poboacións restantes ás zonas máis apartadas da súa anterior área de distribución. Está extinguido no 99% da súa área orixinal, polo que é considerado un dos crocodilianos menos estudado e máis en perigo do mundo. Aínda que quedan poucas poboacións silvestres libres na natureza, críanse máis de 700 000 C. siamensis nas granxas de crocodilos comerciais do sueste asiático.

En 1992, críase que estaba extremadamente preto da extinción ou xa completamente extinguido na natureza ata que en 2000 os científicos de Fauna and Flora International e a Administración forestal do goberno de Camboxa confirmaron a súa presenza nas montañas Cardamomo no sueste de Camboxa. Desde entón, os exames realizados atoparon uns 30 lugares en Camboxa onde viven crocodilos siameses silvestres (estimados de forma conservadora nun número total de individuos entre 200 e 400), así como unha pequena poboación en Tailandia (posiblemente de só dous individuos, se non se contan as reintroducións recentes), unha pequena poboación en Vietnam (posiblemente de menos de 100 individuos) e hai uns 200 individuos no Parque Nacional Cat Tien, e unha poboación maior en Laos, onde en marzo de 2005 os conservacionistas encontraron un niño con crías na provincia de Savannakhet. Non hai rexistros recentes da especie en Malaisia, Birmania ou Brunei, onde antes vivía. Unha pequena pero importante poboación destes crocodilos vive en Kalimantán Leste, Indonesia.

Degradación do hábitat

Entre os factores que causan a perda dos hábitats destes animais están: a conversión de zonas húmidas en terreos agrícolas, o uso de fertilizantes químicos e pesticidas no cultivo do arroz e o incremento da poboación de gando vacún. Os efectos das accións bélicas nos pasados conflitos de Vietnam, Laos e Camboxa durante a guerra de Vietnam e en Camboxa tamén influíron (desde a colocación de minas aos bombardeos aéreos).

En moitos sistemas fluviais, como os das áreas protexidas, hai proxectos de presas hidroeléctricas xa aprobados ou propostos, que probablemente causarán a perda de aproximadamente a metade das colonias reprodutoras que quedan nos próximos dez anos. Unha causa para a degradación do hábitat motivada por cambios hidrolóxicos é a construción de encoros no curso superior do río Mekong e os seus principais afluentes. Os impactos potenciais da construción de presas inclúen a perda de zonas húmidas e a alteración dos ciclos de inundacións cun fluxo na estación seca un 50% maior que en condicións naturais.

Explotación e fragmentación

A captura ilegal de crocodilos silvestres para fornecer as necesidades das granxas de crocodilos é unha ameaza que aínda hoxe continúa, así como a captura accidental e afogamento en redes de pesca e trampas. Como resultado C. siamensis actualmente ten unhas poboacións residuais extremadamente baixas e fragmentadas e con pouca reprodución na natureza.

A especie foi capturada historicamente pola súa pel e para subministrar animais ás granxas comerciais de crocodilos. En 1945, a caza para comercializar a pel foi prohibida pola administración colonial francesa de Camboxa. A finais da década de 1940, aumentou a desenvolvemento de granxas de crocodilos e a recollida de crocodilos silvestres para elas. A protección foi abolida polo Khmer Vermello (1975–79) pero posteriormente foi posta de novo en vigor pola Lei de pesca de 1987, que "prohibe a captura, venda e transporte de...crocodilos [silvestres]..."

A crianza de crocodilos en granxas ten agora un enorme impacto económico nas provincias que rodean o Tonle Sap, onde hai 396 granxas que tiñan uns 20 000 crocodilos en 1998. Ademais, moitos crocodilos foron exportados de Camboxa desde mediados da década de 1980 ás granxas de Tailandia, Vietnam e a China.

Malia a protección legal, existe un mercado prospero e rendible para a captura e venda de crocodilos silvestres ás granxas desde 1980. Esta crónica sobreexplotación levou ao declive da especie na natureza.

Conservación e xestión miniatura|Fósiles, antes denominados Crocodylus ossifragus

A situación actual de C. siamensis supón unha significativa mellora con respecto á que tiña segundo o Plan de acción de 1992 (extinto na natureza), pero presenta grandes desafíos novos para a súa avaliación cuantitativa e a acción de conservación efectiva se se quere que a especie sobreviva. Aínda que a especie permanece en perigo crítico, hai poboacións residuais silvestres suficientes, pero moi fragmentadas en varias áreas e países, que servirían de base para a recuperación.

O crocodilo siamés é relativamente pouco perigoso para a xente (comparado co C. porosus), e a posibilidade de que as persoas e os crocodilos coexistan en áreas naturais parece posible. A poderosa forza económica da industria comercial baseada en C. siamensis tamén necesita ser mobilizada e canalizada á conservación. Aínda cómpren considerables esforzos e accións, pero a especie ten unha razoable oportunidade de sobrevivir se isto se realiza.

Yayasan Ulin (The Ironwood Foundation) está levando a cabo un pequeno proxecto para conservar un importante hábitat de zona húmida na área ode Kalimantán leste onde se sabe que hai crocodilos siameses. Porén, a maioría deles viven en Camboxa, onde están illados, hai pequenos grupos en varias áreas remotas das montañas Cardamomo, no sur do país e tamén no Parque Nacional de Vireakchey, no noroeste do país.

En Camboxa a organización Fauna and Flora International e a Administración forestal do goberno de Camboxa estableceron o Programa de Conservación do Crocodilo Camboxano para a protección e recuperación do crocodilo siamés. Este programa traballa cunha rede de aldeas indíxenas que están axudando a protexer sitios claves como o pantano de Veal Veng (distrito de Veal Veng), os ríos Tatai (distrito de Thmar Bang) e Araeng. Este último considérase que ten a segunda poboación máis grande de crocodilos siameses do mundo, mais actualmente está ameazada polo proxecto de construción dun enorme encoro no río. Durante o período máis forte do monzón de xuño a setembro, os crocodilos siameses aprovéitanse do incremento do nivel das augas para saír do río e pasar aos grandes lagos e outros corpos de auga locais, volvendo ao seu hábitat orixinal cando os niveis da auga empezan a baixar ata o que é o normal.

O Programa de Conservación do Crocodilo Camboxano realizou análises de ADN de 69 crocodilos no Centro de Rescate da Vida Salvaxe de Phnom Tamao en Camboxa en 2009, e encontrouse que 35 dos crocodilos eran C. siamensis puros, sen hibridación. Os conservacionistas da Administración forestal e de Fauna and Flora International iniciaron despois un programa de crianza para a conservación no Centro. Desde 2012, liberáronse aproximadamente 50 crocodilos siameses camboxanos puros en áreas protexidas pola comunidade para reforzar as poboacións silvestres diminuídas.

A caza furtiva é unha grave ameaza para esta especie, xa que o valor dun crocodilo siamés silvestre chega a centos de dólares no mercado negro, desde onde acaban ilegalmente en granxas de crocodilos e hibrídanse con outras especies máis grandes.Endangered crocodiles hatched in Cambodia. The Associated Press via cbc.ca (10 de xuño de 2010) A poboación silvestre total existente é descoñecida, xa que a maioría dos grupos están en áreas illadas onde o acceso é extremadamente complicado. Varios individuos mantidos en catividade son o resultado de hibridacións co crocodilo de auga salgada, pero hai varios centos de individuos "puros" en catividade, e estes son criados regularmente nas granxas de crocodilos, especialmente en Tailandia.

O Parque Nacional de Pang Sida en Tailandia, preto de Camboxa, ten un proxecto para reintroducir crocodilos siameses na natureza. Varios crocodilos novos foron xa liberados en pequenos e remotos ríos do parque, non accesibles aos visitantes.