Crocodylus porosus, xeralmente chamado na literatura internacional crocodilo de auga salgada, crocodilo mariño, crocodilo de estuario ou crocodilo indopacífico, é unha especie de crocodilo que vive desde a India a Australia, que é o réptil existente máis grande, e tamén o depredador de río máis grande do mundo. Os machos desta especie poden alcanzar tamaños de polo menos 6,30 m e posiblemente chegan aos 7,0 m de lonxitude. Porén, o normal é que un macho adulto raramente chegue aos 6 m e pese de 1 000 a 1 200 kg. As femias son moito menores e normalmente non superan os 3 m.

Como indica o seu nome común máis frecuente, este crocodilo pode vivir en ambientes mariños, e é a especie de crocodiliano que máis se aventura no mar, pero normalmente reside en ambientes salinos e salobres como mangleirais, estuarios, deltas, lagoas costeiras e cursos inferiores dos ríos. Ten a área de distribución máis ampla de todos os crocodilos modernos, que vai desde as costas da India e Sri Lanka pasando polo sueste asiático, Filipinas, Indonesia e Nova Guinea chegando a todo o norte de Australia e algunhas illas máis ao leste.

É un carnívoro oportunista e formidable superdepredador. Caza a maioría das presas emboscándoas e despois afogándoas e tragándoas enteiras. Pode superar e comer a case todos os animais que entren no seu territorio, incluíndo outros superdepredadores como os tiburóns, certas variedades de peixes de auga doce e salgada incluíndo especies peláxicas, invertebrados como crustáceos, varios réptiles, aves e mamíferos, e incluso ataca aos humanos.Callaway, J. M., & Nicholls, E. L. (Eds.). (1997). Ancient marine reptiles. Academic Press.Blaber, S. J. (2008). Tropical estuarine fishes: ecology, exploration and conservation. John Wiley & Sons. Debido ao seu tamaño, agresividade e distribución, considérase o máis perigoso dos crocodilos existentes para os humanos.

Taxonomía e evolución

O incompleto rexistro fósil fai que sexa difícil trazar con exactitude a emerxencia da especie. O seu xenoma mitocondrial foi totalmente secuenciado en 2007. A evidencia fósil máis antiga da especie data de hai entre 4,0 e 4,5 millóns de anos e non se coñecen subespecies. Os científicos estiman que C. porosus é unha antiga especie que puido diverxer hai de 12 a 6 millóns de anos. As investigacións xenéticas indicaron tal como se esperaba que o crocodilo de auga salgada está relacionado de maneira relativamente próxima con outras especies vivas de crocodilos asiáticos, aínda que existe algunhas ambigüidade sobre a cal ensamblaxe podería pertencer baseándose nos resultados xenéticos variables obtidos. Outras especies de fociños relativamente anchos como o crocodilo das marismas ou indio (C. palustris) e o crocodilo siamés (C. siamensis) parecen ser os candidatos máis probables a ser os que teñen a relación máis próxima con el entre as especies vivas.Brochu, C. A. (2000). "Congruence between physiology, phylogenetics and the fossil record on crocodylian historical biogeography", pp. 9–28 in Grigg, G. C., Seebacher, F. & Franklin, C. E. (eds.) Crocodilian Biology and Evolution. Surry Beatty & Sons (Chipping Norton, Aus.), .

Velaquí un cladograma onde se pode ver a posición de C. porosus na árbore evolutiva. O cladograma está baseado nun estudo de 2018 feito por Lee e Yates usando simultaneamente datos de morfolóxicos, moleculares (secuenciación de ADN) e estratigraficos (idade dos fósiles), revisado en 2021 por un estudo paleoxenómico de Hekkala et al. feito usando ADN extraído do extinto Voay.

Subespecies posibles e status como complexo de especies Actualmente, a maioría das fontes afirman que o crocodilo de auga salgada non ten subespecies.Brazaitis, P. (2001). A Guide to the Identification of the Living Species of Crocodilians. Wildlife Conservation Society. Con todo, algúns, baseándose principalmente na variabilidade morfolóxica, sosteñen que non só ten subespecies senón que, en realidade, C. porosus alberga un complexo de especies. En 1844, S. Müller e H. Schlegel intentaron describir os crocodilos de Xava e Borneo como unha nova especie que denominaron C. raninus e déronlle o nome común de crocodilo de Xava (ou de Borneo). Segundo Ross (1992), os espécimes de C. raninus poden distinguirse fiablemente tanto do crocodilo siamés coma do "verdadeiro" crocodilo de auga salgada baseándose no número de escamas ventrais e na presenza de catro escudos óseos pos-occipitais que a miúdo están ausentes na armadura dos verdadeiros crocodilos de auga salgada. Outro intento de separar unha nova especie fixérona en Australia Wells e Wellington (1985), baseándose en que certos crocodilos de Australia tiñan grandes corpos, cabezas relativamente grandes e colas curtas. O espécime tipo elixido para esta suposta especie foi un exemplar de crocodilo ao que se chamara "Sweetheart", que foi matado accidentalmente en 1979 (afogado despois de ser anestesiado para resitualo noutro lugar despois de que atacara a uns botes). Porén, esta "especie", que se bautizou como C. pethericki, é xeralmente considerada unha mala interpretación dos cambios fisiolóxicos que sofren os crocodilos machos moi grandes. Aínda así, a afirmación de Wells e Wellington de que os crocodilos de auga salgada australianos poden polo menos ser o suficientemente distinguibles dos asiáticos de máis ao norte como para garantirlles un status de subespecie (xa que non de especie), foi considerada como posiblemente válida.Brochu, C. A. (2009). Phylogenetic relationships and divergence timing of Crocodylus based on morphology and the fossil record.

Características

esquerda|miniatura|Cabeza dun crocodilo de auga salgada. O crocodilo de auga salgada ten un fociño ancho comparado co da maioría dos crocodilos. Porén, o seu fociño é máis longo que o do Crocodylus palustris, e ten na base o dobre de anchura. Presenta menos placas acoirazadas no pescozo que outros crocodilos. Nesta especie, hai un par de cristas que van desde o ollo por todo o centro do fociño. As escamas son de forma oval e os escudos son menores comparados con outras especies ou máis comunmente están de todo ausentes. Ademais, hai un nítido espazo entre os escudos cervical e dorsal, e hai escudos triangulares pequenos entre as beiras posteriores dos escudos grandes dispostos transversalmente na coiraza dorsal. A relativa falta de escudos considérase unha característica útil para distinguirmos os crocodilos de auga salgada en catividade ou no tráfico de peles ilícito, e tamén nas poucas áreas no campo onde pode ser necesario distinguir a individuos desta especie subadultos ou máis novos doutros crocodilos.Ross, F. D. & Mayer, G. C. 1983. On the dorsal armor of the Crocodilia. In Rhodin, A. G. J. & Miyata, K. (eds) Advances in Herpetology and Evolutionary Biology. Museum of Comparative Zoology (Cambridge, Mass.), pp. 306–331. O corpo ancho dos crocodilos de auga salgada adultos contrasta co da maioría dos outros crocodilos delgados, o que levou a incorrectas interpretacións iniciais da especie pensando que era un tipo de aligátor. A cabeza é moi grande. O cranio máis grande cientificamente comprobado desta especie está no Muséum national d'Histoire naturelle de Francia e procedía de Camboxa, e tiña unha lonxitude de 76 cm (os cranios de femias que chegan a 45 cm son excepcionais), cunha anchura cranial máxima preto da base de 48 cm. A lonxitude total do corpo deste espécime estímase que era duns 7 m. Aínda que o crocodilo de auga salgada é en conxunto a especie de crocodiliano e de réptil máis grande viva, outros crocodilianos poden ter un cranio proporcionalmente máis longo (e ás veces en cifras absolutas), como o gavial (Gavialis gangeticus) e o falso gavial (Tomistoma schlegelii); nesta última especie medíronse cranios de 84 cm (o maior cranio medido dun crocodiliano vivo), aínda que ambas as especies teñen cranios máis delgados e menos masivos e corpos moito menos masivos que os do crocodilo de auga salgada. Os dentes son tamén longos, e o máis longo é o cuarto dente dianteiro da mandíbula inferior, que chega a medir 9 cm de lonxitude. Se se separa a cabeza do corpo nun macho grande, esta pode pesar uns 200 kg, incluíndo os grandes músculos e tendóns da base do cranio que lle proporcionan ao animal unha enorme forza de trabada.

Os exemplares novos teñen cor amarela clara con bandas negras e manchas no corpo e cola. Esta coloración permanece varios anos ata que os crocodilos maduran a adultos. A cor dos adultos é moito máis verde oliva escura, ás veces con algunhas áreas máis claras ou grises. Coñécense varas variacións de cor e algúns adultos poden conservar unha pel bastante clara, mentres que outros poden ser tan escuros que parecen negros. A superficie ventral é branca ou amarela a todas as idades. Hai bandas na parte lateral inferior do corpo, pero non se estenden ao ventre. As colas son grises con bandas escuras.

Tamaño

miniatura|Sweetheart foi o nome que se lle deu a este gran crocodilo, duns 5,1 m e 816 kg. Este exemplar fixo pensar a algúns autores que se debía considerar unha especie australiana separada de crocodilo de auga salgada. Os crocodilos de auga salgada son os maiores predadores fluviais existentes no mundo. Porén, as crías que acaban de eclosionar só miden uns 28 cm de longo e pesan 71 g. No seu segundo ano de vida, crecen ata 1 m e pesan 2,5 kg. Os machos chegan á súa madurez sexual cando acadan os 3,3 m aproximadamente aos 16 anos de idade, mentres que as femias acadan a madurez aos 2,1 m e de 12 a 14 anos. O peso dun crocodilo increméntase exponencialmente a medida que aumenta a súa lonxitude. (10 cm de incremento nun crocodilo de 1 m orixinan un aumento de peso de 900 g, pero se era un crocodilo de 5 m o aumento é de 34 kg.) Isto explica por que os individuos de 6 m poden pesar máis do dobre que os de 5 m. Nos crocodilos, o crecemento lineal finalmente decrece e empezan a facerse máis masivos en certo momento. Os animais dominantes tamén tenden a superar en peso aos outros, xa que manteñen os mellores territorios con acceso a máis e mellores presas.