Carlos Luís Vasallo Tomé, nado en Valencia o 18 de outubro de 1950, é un empresario e produtor audiovisual galego afincado en Miami, que traballa principalmente en México e no mercado hispanoamericano dos Estados Unidos de América. Posúe os dereitos de preto de 4.000 filmes do cine mexicano, sendo propietario de arredor da metade das películas rodadas neste país entre 1930 e 2010.
Traxectoria Naceu o 18 de outubro de 1950 en Valencia, onde traballaba o seu pai, o xornalista, novelista e guionista Jesús Vasallo Ramos. Seu pai era natural de Ciudad Rodrigo, aínda que a súa familia era de Zamora, e a súa nai, María del Rosario Tomé Alonso, era galega, nacida en Teixeiro. O seu avó materno, Pedro Tomé Couceiro, era propietario dunha empresa de distribución de leite, La Primitiva Gallega, en Trasanquelos (Cesuras), e a súa avoa materna, Argimira Alonso Nieto, foi unha das primeiras mestras da Institución Libre de Ensino de Galicia. Seu tío Pedro Tomé foi futbolista profesional. Aínda que mudou varias veces o seu domicilio por mor do traballo do pai, sempre se sentiu galego e considerou a casa de Trasanquelos como a súa casa familiar.
Tras establecerse en Madrid, deixou o fogar familiar con só 14 anos para dedicarse ao teatro e ao cine. Na capital española comezou como actor e empezou a escribir e producir. Aos 21 anos xa posuía tres teatros na ciade e, en 1973, viaxou a México por primeira vez. Pronto comezou a traballar cada vez máis nese país, así como para o mercado latinoamericano nos Estados Unidos. É propietario de máis de 3.000 das 6.500 películas producidas en México entre 1930 e 2010. Actualmente é presidente e director executivo de América CV Network, a empresa propietaria das canles América TeVé, TeVeo e Radio Caracol.
Estivo casado con dúas grandes actrices mexicanas, Tere Velázquez e Susana Dosamantes, converténdose no padrasto da artista Paola Santoni e da cantante Paulina Rubio. É o pai, entre outros, da ex tenista, reporteira e DJ Kenia Vasallo.
Notas
Categoría:Nados en 1950 Categoría:Nados en Valencia Categoría:Actores de cinema de Galicia Categoría:Actores de teatro de Galicia Categoría:Guionistas de Galicia Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Galegos de México Categoría:Galegos dos Estados Unidos de América