María Pérez Araújo, nada en Vigo o 1 de agosto de 1997, é unha xogadora profesional galega de baloncesto, máis coñecida como María Araújo. Actualmente xoga para o Uni Girona da Liga Endesa nas posicións de ala ou ala-pivote. Foi campioa do Eurobasket 2017 sub-20 coa selección española, sendo nomeada mellor xogadora do Torneo.
Traxectoria Nada en Vigo, María Araújo é filla da histórica xogadora do Real Club Celta Baloncesto Ángeles Araújo. A súa formación na canteira do Celta comezou no segundo ano de infantil, promovendo polas categorías inferiores do club vigués até o seu debut co equipo sénior na temporada 2012−13, cando debutou na LF2 con tan só 15 anos, 2 meses e 20 días, naquel entón récord de precocidade á hora de vestir a camisola celeste. No equipo da cidade olívica permaneceu durante tres campañas (2012−2015), destacando xa na súa segunda campaña cunha media de 13 puntos por encontro.
Na temporada 2015−16 asinou polo Uni Ferrol, debutando na máxima categoría. Para mellorar o seu rendemento mudou de posición, pasando de ser escolta a xogar de ala ou ala-pivote. Na súa segunda campaña en Ferrol converteuse na xogadora revelación da liga, finalizando a liga regular cunha media de 12,1 puntos, 8,9 rebotes e 13 de valoración en 35 minutos por partido. A súa achega foi vital para a clasificación do club á Copa da Raíña e a finalización no terceiro posto da liga, caendo nas semifinais ante Perfumerías Avenida. No Europeo sub-20 de 2017 celebrado en Matosinhos, no que España resultou campioa, María foi elixida como mellor xogadora do torneo (MVP) é membro do quinteto ideal.
Clubs Real Club Celta Baloncesto (LF2, 2012−2015) Club Universitario de Ferrol (LF, 2015−2018) Wisła Can-Pack Kraków (BLK, 2018−2019) Uni Girona CB (LF, 2019−presente)
Palmarés Ouro no Campionato Europeo sub-18 (2015) Ouro no Campionato Europeo sub-20 (2017) Prata no Campionato Mundial sub-17 (2014) MVP do Campionato Europeo sub-20 (2017)
Recoñecementos
En 2016 recibiu o Premio á "Mellor deportista promesa" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da IV Gala do Deporte Feminino Galego. En 2018 recibiu o Premio á "Mellor deportista" da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) no marco da VI Gala do Deporte Feminino Galego.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en feb.es
Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Alas de baloncesto Categoría:Xogadores de baloncesto de Galicia Categoría:Xogadores de baloncesto olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores de baloncesto olímpicos de España Categoría:Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2024