A segunda viaxe do Beagle, foi a segunda viaxe de expedición, realizada entre o 27 de decembro de 1831 e o 2 de outubro de 1836, polo barco HMS Beagle, na que participou Charles Darwin, baixo o mando do capitán Robert FitzRoy, que tomara o mando do barco na súa primeira viaxe ao suicidarse o anterior capitán. A expedición tiña a misión principal de facer medicións topográficas, e traballos cartográficos, xeolóxicos e faunísticos. FitzRoy pensara nas vantaxes que tería levar un experto en xeoloxía a bordo, e buscou un cabaleiro naturalista para que os acompañase como supernumerario. O mozo graduado Charles Darwin que desexaba ver os trópicos antes de converterse en crego parroquial (que nunca chegaría a ser), aceptou esta oportunidade. Durante a época da viaxe Darwin estaba moi influenciado pola lectura da obra Principles of Geology (Principios de Xeoloxía) de Charles Lyell. Ao final da expedición Darwin xa adquirira fama de xeólogo e coleccionista de fósiles, e a publicación do seu diario, que se coñeceu como The Voyage of the Beagle (A viaxe do Beagle), deulle sona como escritor. Na primeira viaxe do Beagle (1826-30) non participara Darwin.

O Beagle nesta segunda viaxe navegou atravesando o océano Atlántico, e despois levando a cabo un detallado levantamento hidrográfico ao longo das costas da parte sur de Suramérica, volvendo a Europa cruzando o océano Pacífico pasando por Tahití e Australia, circunnavegando así o mundo. Aínda que estaba previsto que a expedición durase dous anos, en realidade o periplo durou case cinco.

Darwin dedicou a maior parte do tempo a facer exploracións por terra: tres anos e tres meses en terra, 18 meses no mar. A pouco de iniciar a viaxe decidiu que escribiría un libro sobre xeoloxía, e mostrou ter grandes dotes para teorizar. En Punta Alta fixo o importante descubrimento duns fósiles xigantescos de mamíferos extintos, dos que daquela só se coñecían uns poucos espécimes. Recolleu mostras con habilidade e fixo detalladas observacións de plantas e animais, chegando a resultados que abanearon a súa crenza de que as especies eran fixas e lle proporcionaron as bases para formular as ideas que desenvolveu cando volveu a Inglaterra, o que culminou coa elaboración da súa teoría da evolución por selección natural.

Obxectivos da expedición miniatura|Cronómetro do barco HMS Beagle

O principal propósito da expedición era realizar un levantamento hidrográfico da costa da parte sur de Suramérica. Este era unha continuación e corrección dos traballos realizados en levantamentos previos, para así elaborar unhas cartas náuticas exactas que mostrasen información de navegación e de profundidades para a mariña e o comercio.

Un memorando do Almirantado daba instrucións detalladas para realizar a tarefa. O primeiro requisito era resolver os desacordos dos primeiros levantamentos sobre a lonxitude de Río de Xaneiro, que era esencial como o punto base para determinar distancias de meridiano. Os cronómetros mariños precisos necesarios para determinar a lonxitude só estiveron facilmente dispoñibles a partir de 1800; o Beagle levaba 22 cronómetros para poder facer correccións. O barco tiña que parar en determinados puntos para establecer o ritmo de catro días dos cronómetros e comprobalos por medio de observacións astronómicas: era esencial facer observacións en Porto Praia e Fernando de Noronha para calibralos con respecto aos levantamentos previos de Owen e Foster. Era importante para determinar a posición e límites dos arrecifes do arquipélago de Abrolhos, que se representaban incorrectamente no levantamento de Roussin, despois continuaban cara a Río de Xaneiro para decidir a lonxitude exacta da illa de Villegagnon.

O "traballo real do levantamento" era despois dirixirse ao sur do Río da Prata, con viaxes de volta a Montevideo para aprovisionarse; dábanse detalles das prioridades, incluíndo o levantamento de Terra do Fogo e as aproximacións aos portos das illas Falkland (Malvinas). A costa oeste sería despois levantada tan ao norte como o tempo e os recursos o permitisen. O comandante determinaría entón a súa propia ruta cara ao oeste: se a estación o permitía, podería levantar as illas Galápagos. Despois, o Beagle tiña que dirixirse a Point Venus, Tahiti e en Port Jackson, Australia que eran puntos coñecidos para verificar os cronómetros.

Non se debería perder o tempo en facer debuxos moi elaborados; as cartas e planos deberían ter notas e vistas simples da terra tal como se vía desde o mar mostrando as alturas dos montes. Tamén se necesitaban rexistros continuos das mareas e condicións meteorolóxicas. Unha suxestión adicional era facer o levantamento xeolóxico dun atol de coral circular no océano Pacífico incluíndo o seu perfil de fluxos mareais, para investigar a formación de ditos arrecifes.

Contexto e preparativos

As expedicións previas de levantamentos a Suramérica realizáronse cos barcos HMS Adventure e HMS Beagle que estaban baixo o mando conxunto do comandante australiano Phillip Parker King. Durante a expedición, o capitán do Beagle, Pringle Stokes, suicidouse e o mando do barco déuselle ao xove aristócrata Robert FitzRoy, un sobriño de George FitzRoy, 4º duque de Grafton. Cando un dos botes do barco foi capturado por nativos fueguinos, FitzRoy capturou algúns deles como reféns. O capitán King retirouse despois do seu regreso aos peiraos de Devonport o 14 de outubro de 1830.

FitzRoy, de 26 anos de idade, tiña a esperanza de comandar unha segunda expedición para continuar o levantamento de Suramérica, pero cando oíu que os Lords do Almirantado xa non a apoiaban, preocupouse cada vez máis sobre como facer regresar os fueguinos aos que se ensinara inglés coa idea de que puidesen converterse en misioneiros. Chegou a un acordo co propietario dun pequeno buque mercante para que o levase a el e outras cinco persoas a Suramérica, pero un amable tío seu tivo coñecemento disto e contactou co Almirantado. Pouco despois FitzRoy oíu que ía ser nomeado comandante do HMS Chanticleer para ir a Terra do Fogo, pero debido ás súas malas condicións, foi substituído polo Beagle. O 27 de xuño de 1831 FitzRoy foi comisionado como comandante da viaxe, e nomeáronse tamén os tenentes John Clements Wickham e Bartholomew James Sulivan.

O capitán Francis Beaufort, que era o hidrógrafo do Almirantado, foi invitado para decidir sobre o uso que se lle podía dar á viaxe para continuar o levantamento, e discutiu con FitzRoy os plans para unha viaxe de varios anos, incluíndo unha continuación da viaxe arredor do mundo e establecer as distancias medias. O Beagle foi posto en servizo o 4 de xullo de 1831 baixo o mando do capitán Robert FitzRoy, que rapidamente non reparou en gastos para poñer a punto o Beagle. O Beagle foi amplamente reconstruído e reacondicionado. Como necesitaba unha nova cuberta, FitzRoy fixo elevar a cuberta superior considerablemente, uns 20 cm na popa e 30 cm a proa. Os bergantíns de dous paus (brigs) da clase Cherokee tiñan a reputación de ser "barcos cadaleito", que se gobernaban mal e eran proclives a afundirse. Ao facilitar que as cubertas drenasen máis rapidamente e se acumulase menos auga dentro das bordas, a cuberta elevada deulle ao Beagle unha mellor gobernación e fíxoo menos tendente a acumular peso na parte superior e envorcar. Un revestimento adicional do casco engadiulle ao barco unhas quince toneladas de peso ao seu desprazamento.

O barco foi un dos primeiros en probar un pararraios inventado por William Snow Harris. FitzRoy obtivo cinco mostras do Sympiesometer, un tipo de barómetro sen mercurio patentado por Alexander Adie e preferido por FitzRoy, que consideraba que facía as lecturas precisas esixidas polo Almirantado.

Ademais dos seus oficiais e tripulación, o Beagle levaba varios "supernumerarios", que eran pasaxeiros sen unha posición oficial. FitzRoy empregou un construtor de instrumentos matemáticos para conservar os 22 cronómetros mariños que levaban na cabina, e tamén enrolou o artista debuxante Augustus Earle. Os tres nativos fueguinos que trouxera a Inglaterra na súa anterior viaxe retornarían a Terra do Fogo no Beagle xunto co misioneiro Richard Matthews.

Naturalista e xeólogo

Para Beaufort e o destacado "cabaleiro de ciencia" de Cambridge a oportunidade para un naturalista de unirse a unha expedición axustábase aos seus desexos de revitalizar a política do goberno británico sobre a ciencia. Esta elite desdeñaba as investigacións feitas por diñeiro e pensaba que a filosofía natural era apropiada para os cabaleiros, non para os comerciantes. A clase dos oficiais do Exército e Mariña proporcionaba un modo de ascender nesta xerarquía; era común que o cirurxián do barco coleccionase espécimes nas viaxes, e Robert McCormick asegurárase a posición oficial de cirurxián no Beagle despois de ter formado parte de expedicións anteriores e ter estudado historia natural. Unha colección grande tiña un considerable valor social e atraía o interese público, e McCormick aspiraba a ter fama como naturalista explorador. As coleccións feitas polo cirurxián do barco e outros oficiais eran propiedade do goberno, aínda que o Almirantado non era moi estrito nisto, e destinábanse a importantes institucións, xeralmente o Museo Británico. As instrucións do Almirantado para a primeira viaxe esixían aos oficiais "usar a máxima dilixencia en incrementar as colección de cada barco: a totalidade das cales debe entenderse que pertencen ao Público", mais na segunda viaxe esta esixencia foi omitida, e os oficiais eran libres de quedar con todos os espécimes.

As narracións que fixo FitzRoy lembran que, cando investigaban illas na primeira viaxe, lamentaran que ninguén a bordo fose un experto en mineraloxía ou xeoloxía para aproveitar a oportunidade para "determinar a natureza das rochas e terras" das áreas examinadas, e decidiu que se realizaba outra expedición similar "intentaría levar unha persoa cualificada para examinar o terreo; mentres que os oficiais, e eu mesmo, dedicariámonos á hidrografía." Isto indicaba claramente a necesidade de levar un naturalista cualificado para examinar a xeoloxía, que pasaría considerables períodos en terra lonxe do barco. McCormick carecía de pericia en xeoloxía, e tiña que atender os seus deberes no barco.

FitzRoy sabía que capitanear un barco podía implicar tensión e soidade; era moi consciente do suicidio do capitán Stokes na anterior viaxe, e o seu tío Viscount Castlereagh tamén se suicidara sometido ao estrés do exceso de traballo. Por primeira vez estaría el completamente ao mando sen ningún oficial de mando ou capitán segundo con quen consultar, e suxeriuse que sentía a necesidade dun cabaleiro que lle fixese compaña e que compartise os seus intereses científicos e puidese cear con el como un igual. Non hai probas directas disto, non obstante. Henslow describiu o posto "máis como un compañeiro que como un simple coleccionista", pero isto era mostra da súa confianza de que FitzRoy trataría o seu hóspede como cabaleiro naturalista. Outros barcos dese período levaban naturalistas civís non pagados.