O aeroporto de Trondheim, Værnes é un aeroporto internacional que serve a Trondheim, unha cidade e municipio no condado de Sør-Trøndelag, en Noruega. Está situado en Værnes, unha vila no municipio de Stjørdal, no condado de Nord-Trøndelag, a 19 quilómetros ao leste de Trondheim. Operado pola compañía estatal Avinor, comparte instalacións coa Estación Aérea de Værnes da Real Forza Aérea de Noruega. No ano 2017 usaron o aeroporto un total de 4 428 897 pasaxeiros, sendo o cuarto máis concorrido do país. O aeroporto ten dúas terminais; unha data de 1994 e úsase para o tráfico doméstico, mentres que a outra é a renovación da antiga terminal principal de 1982 usada para voos internacionais.

As principais aeroliñas no aeroporto son Scandinavian Airlines (SAS), Norwegian Air Shuttle e Widerøe; as tres compañías teñen Trondheim como unha cidade foval. A principal ruta é o servizo cara a Oslo, operado tanto por SAS como por Norwegian, sendo a décima ruta máis concorrida de Europa. Ámbalas dúas aeroliñas operan servizos usando tamén o Boeing 737 cara a Bergen, Bodø e Tromsø. SAS ten algúns servizos domésticos adicionais, mentres que Norwegian ten varias rutas internacionais de baixa frecuencia no aeroporto. Widerøe opera o avión rexional Dash 8 cara seis aeroportos en Helgeland, ademais de voar tamén a Sandefjord. Krohn Air proporciona servizos cara Molde. Trondheim ten servizos internacionais diarios cara Copenhague proporcionados por SAS, e cara Ámsterdam operados por KLM. O aeroporto tamén opera voos chárter, principalmente cara ao Mediterráneo.

Værnes foi posto en uso polo exército de Noruega no ano 1887. O primeiro voo realizouse en 1914 e pouco a pouco foron construíndo as instalacións do aeródromo. As primeiras instalacións de certa consideración, entre as que había tres pistas de cemento, foron construídas pola Luftwaffe durante a segunda guerra mundial. Tras a guerra a Escola de Pilotos da Forza Aérea trasladouse a Værnes, aínda que en 1954 a meirande parte das outras actividades da forza aérea no centro de Noruega trasladáronse á base aérea de Ørland. A aviación civil comezou en 1951, cando a metade dos barracóns foron collidos para ser usados como terminal; a totalidade do edificio sería usado dende 1958. Os reactores comezaron a operar en Værnes en 1963, e a segunda terminal inaugurouse en 1965. A terceira terminal (a actual terminal internacional B) abriuse en 1985 e a cuarta, a terminal A, en 1994, xunto coa estación de ferrocarril.

Aeroliñas e destinos Pasaxeiros

Carga

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Web do aeroporto

Trondheim